O 8% dos fogares con menores sofre pobreza laboral en Galicia, que ten a taxa máis baixa

Unha muller con dúas crianzas, nunha rúa dunha cidade galega CC-BY-SA Xunta

O 8,2% dos fogares en Galicia onde viven nenos, nenas ou adolescentes atópanse en situación de pobreza laboral; é dicir, son familias que, malia ter polo menos un dos proxenitores traballando, non superan o limiar da pobreza. Xa que logo, o emprego —precario ou parcial— non lles é dabondo para alcanzar os ingresos suficientes "para ter un nivel de vida digno". 

O 8,2% dos fogares con emprego e crianzas en Galicia atópase en situación de pobreza laboral: con traballo pero sen recursos dabondo para cubrir as necesidades básicas da familia

Son oito de cada cen vivendas con rapazada en Galicia as que sofren esta pobreza laboral, "unha situación na que unha persoa ten un emprego pero non gaña o suficiente para cubrir as súas necesidades básicas nin as da súa familia". Así o explica Save the Children no seu último informe —Cuentas que no salen. Radiografía de la pobreza laboral en los hogares de España, publicado este pasado mércores. 

O dato galego, malia ser preocupante, sitúa o país como a comunidade autónoma que sae mellor parada. É o territorio onde unha menor porcentaxe de familias con pequenos sofre pobreza laboral e só Galicia e mais Euskadi baixan do 10%. 

No conxunto do Estado, esta porcentaxe elévase ao 17,1% e as taxas máis elevadas de pobreza laboral en fogares con fillos danse en Andalucía (24,6%) e Castilla-La Mancha (24,2%), seguidas de Murcia (22,4%), Comunitat Valenciana (21,9%), La Rioja (21,8%), Extremadura (20,6%) e as Canarias (20%). 

Galicia é a comunidade con menor taxa de pobreza laboral, moi lonxe da media estatal do 17%

Segundo o informe, son o "contexto económico" de cada territorio, "o tipo de tecido produtivo e as condicións do mercado laboral local" os que "teñen un impacto na capacidade dos fogares con fillos e fillas a cargo para superar o limiar do risco de pobreza". 

Ademais, lembra Save the Children, os datos de pobreza laboral están claramente relacionados cos de pobreza infantil, xa que tamén son Galicia (13,5%) e o País Vasco (15,4%) as comunidades que afrontan menores taxas no conxunto do Estado, fronte a Andalucía (40,5%), Murcia (40,7%) ou Castilla-La Mancha (35,5%), as tres coas cifras máis elevadas. 

Menos inmigración, máis rede familiar

Atendendo aos datos do IGE da Enquisa estrutural de fogares, e tendo en conta que hai uns 225.000 fogares con pequenos ou adolescentes, serían arredor de 18.000 os que se atopan en situación de pobreza laboral en Galicia. A cifra, sempre preocupante, é moito menor á que se dá noutras comunidades autónomas, uns datos que insisten nos que xa revelan que o risco de pobreza no país está agora en cotas mínimas e que é o territorio menos desigual do Estado

O menor peso de poboación inmigrante —que é a que adoita sufrir máis a precariedade e a pobreza laboral—, o menor número de crianzas e a habitual rede extensa de apoio familiar, acompañado dalgunha medida política, explican esta mellor situación en Galicia. 

Un pequeno, coa súa familia pola rúa CC-BY-SA Xunta

Con todo, o mapa que xorde destes datos de pobreza laboral segue a reproducir o mesmo esquema que se dá no da pobreza infantil, máis acusada nos territorios da metade sur da Península. Algo moi semellante no que ten que ver coas taxas de risco de pobreza ou exclusión social, cunha clara diferenza entre o norte (con menos pobreza) e o sur (máis pobre), e con Andalucía, Extremadura, Castilla-La Mancha e Murcia como os territorios con máis problemas. 

Para elaborar o informe, Save the Children debullou os datos oficiais da Enquisa de Condicións de Vida do INE (Instituto Nacional de Estatística) e a Mostra Continua de Vidas Laborais da Seguridade Social. Cruzou así os datos sobre risco de pobreza e emprego, ademais de entrevistar varias familias para coñecer en detalle os seus casos. 

Entre as conclusións, o estudo sinala que a taxa de pobreza laboral diminúe a media que aumenta o nivel educativo alcanzado, pasando dunha do 28,5% en persoas con estudos primarios a un 7,4% en persoas con estudos superiores. Ademais, as persoas de fóra da UE presentan taxas de pobreza laboral máis altas, con máis de 20 puntos porcentuais por riba das persoas con nacionalidade española, o que "pon de manifesto as desigualdades estruturais ás que se enfrontan as persoas estranxeiras no mercado laboral"

A pobreza laboral afecta máis a poboación inmigrante, a de menos estudos e a que opta polo autoemprego

"Se o colectivo estranxeiro —na súa maioría en idade laboral activa— non logra unha integración plena no mercado de traballo, desaprovéitase un recurso clave para responder a retos como o envellecemento poboacional, o declive demográfico en moitas rexións e a sostibilidade do sistema público de pensións", advirte Save the Children. 

Por outra banda, e en canto ás características dos empregos, o informe destaca que o autoemprego asóciase a "unha maior probabilidade de estar en situación de pobreza laboral", xa que a taxa do 29,2% afecta o persoal por conta propia fronte ao 14,4% aos de por conta allea. "Aínda así, é a opción preferida por algunhas familias, especialmente por motivos de flexibilidade", di. 

Tamén teñen maiores taxas de pobreza laboral as ocupacións con menor cualificación, sendo o sector da agricultura, gandaría, pesca e silvicultura o que ten a porcentaxe máis elevada, cun 39,3%, fronte ao 1,3% das actividades financeiras ou de seguros. Igualmente, as familias monoparentais, numerosas e cun só soldo son tamén máis vulnerables. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.