Galicia, un país menos desigual ca outros, pero coa distribución da riqueza marcada por idade e territorio

Renda media en cada sección do país e porcentaxe de poboación con ingresos baixos ©

Galicia, cunha renda media por habitante inferior á media española, é o terceiro territorio no que a riqueza 
(ou a pobreza, segundo se mire) está máis repartida, atendendo ao Índice Gini, só por detrás de Aragón e Cantabria

Galicia non é un país excesivamente desigual se o comparamos coa realidade doutros territorios do Estado. O Atlas de distribución de renda dos fogares publicado esta semana polo INE, con datos do ano 2022, amosa que a renda media por persoa dos galegos e galegas se sitúa preto da media española, na posición 11ª entre as 17 comunidades autónomas, só por riba das cifras da Comunidade Valenciana, Canarias, Castela-A Mancha, Murcia, Andalucía e Estremadura.

Porén, a porcentaxe de persoas con ingresos baixos (inferiores aos 10.000 euros anuais por unidade de consumo) é do 16%, un dato que mellora o indicador da Rioxa (con maior renda media) e se sitúa moi preto dos territorios máis ricos, como Euskadi (12,8%) ou Madrid (14,8%). 

Ademais, o Índice Gini (que mide a desigualdade económica nun lugar, sendo 0 a perfecta igualdade -todos teñen o mesmo- e 100 a máxima desigualdade) sitúa a Galicia como a terceira comunidade autónoma cunha distribución interna da riqueza (ou da pobreza, segundo se mire) máis igualitaria, con 29,3 puntos, só por detrás de Aragón (29) e Cantabria (29,2) e por diante de territorios moito máis ricos pero máis desiguais.

Porén, en Galicia hai por suposto desigualdades entre territorios, con concellos que presentan unha renda media por persoa moi elevada (Oleiros supera os 18.500 euros e Santiago, A Coruña e As Pontes os 16.000) e outros que non chegan a 10.000 euros

Porén, no interior de Galicia hai por suposto desigualdades entre territorios, con concellos que presentan unha renda media por persoa moi elevada (Oleiros supera os 18.500 euros e Santiago, A Coruña e As Pontes os 16.000) e outros que non chegan a 10.000 euros.

Hai, así mesmo, grandes diferenzas entre localidades en función da proporción de residentes con ingresos baixos, dende aqueles lugares que non chegan ao 10% da súa poboación ata outros nos que a porcentaxe supera o 40%.

17 das 25 seccións máis ricas de Galicia están no centro da cidade da Coruña, chegando a unha renda media que se achega aos 35 mil euros anuais. Entre os primeiros lugares atopamos tamén zonas de Oleiros, de Vigo, de Ourense e Compostela

Os datos do Atlas de distribución de renda dos fogares permiten, ademais, afinar a análise, pois amosa os datos de renda ata o nivel das seccións censuais (2.210 en toda Galicia), que nas cidades abranguen un territorio moi pequeno, de apenas unhas mazás no interior de cada barrio. 

O mapa da renda media do país que debuxan os datos publicados polo INE amosa un claro desequilibrio urbano/rural, de xeito que as seccións máis ricas localízanse principalmente nas cidades e nos concellos das súas áreas metropolitanas, mentres que as seccións con menor renda media sitúanse sobre todo nas áreas rurais. Pero, ollo, tamén en determinados barrios da Galicia urbana.

No outro extremo, atopamos unha vintena de seccións con ingresos anuais medios inferiores aos 10.000 euros. Están situadas na Lama, Boborás, Avión ou Maside, pero tamén en Pontevedra, Ferrol, A Coruña, Vigo, Ourense ou Chantada, Ribeira, Carballo ou Verín

Así, 17 das 25 seccións máis ricas de Galicia están no centro da cidade da Coruña, chegando a unha renda media que se achega aos 35 mil euros anuais. Entre os primeiros lugares atopamos tamén zonas de Oleiros, de Vigo, de Ourense e Compostela, todas por riba dos 23 mil euros anuais.

No outro extremo, atopamos unha vintena de seccións con ingresos anuais medios inferiores aos 10.000 euros. Están situadas na Lama, Boborás, Avión ou Maside, pero tamén en Pontevedra, Ferrol, A Coruña, Vigo, Ourense ou Chantada, Ribeira, Carballo ou Verín. Son lugares cunha poboación moi empobrecida e que sofre en moitos casos situaciós de exclusión social por diversos motivos.

Os lugares cunha poboación máis envellecida (rurais na súa meirande parte e nas que as pensións teñen un peso maior nos ingresos) tenden a presentar rendas inferiores 

Hai algún patrón que defina a Galicia rica e a Galicia pobre, ademais desta separación urbana/rural? Os datos no INE amosan unha correlación clara entre a idade media da poboación de cada sección e a súa renda media. Isto é: os lugares cunha poboación máis envellecida (rurais na súa meirande parte e nas que as pensións teñen un peso maior nos ingresos) tenden a presentar rendas inferiores e, á inversa, as zonas máis novas (urbanas e cun maior peso das rendas salariais) tenden a ser máis ricas.

As seccións nas que a renda media aumentou máis entre 2017 e 2022 foron aquelas cunha poboación de maior idade

Con todo, levamos unha sorpresa se o que facemos é comparar a renda media do ano 2022 e a que se rexistraba cinco anos antes, en 2017. Neste caso, vemos que as seccións que tiveron unha mellor evolución entre 2017 e 2022 (coa pandemia no medio) son aquelas cunha poboación de maior idade. Isto pode amosar que neste tempo as pensións de xubilación sostiveron mellor o seu nivel que os salarios da poboación máis nova, que en moitos casos se viu máis afectada, especialmente durante os anos 2020 e 2021.

As zonas do país nas que unha maior porcentaxe da poboación ten ingresos anuais baixos localízanse sobre todo do sur

Finalmente, neste último mapa podemos ver como as zonas do país nas que unha maior porcentaxe da poboación ten ingresos anuais baixos (inferiores aos 10.000 euros por unidade de consumo) sitúanse en áreas detrminadas, máis no sur que no norte e, sobre todo, no interior da provincia de Pontevedra, a maior parte da provincia de Ourense e o sur da provincia de Lugo. Na provincia da Coruña estas áreas de baixos ingresos localízanse claramente na Costa da Morte e no Ortegal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.