A Galicia urbana é máis rica (ten unha maior renda media por persoa) que a Galicia rural, pero é tamén máis desigual, creando fendas invisibles pero moi evidentes no interior dunha mesma cidade. En ocasións, os barrios ricos sitúanse a poucos centos de metros doutros que presentan niveis medios de ingresos dúas ou tres veces inferiores.
A Galicia urbana é máis rica (ten unha maior renda media por persoa) que a Galicia rural, pero é tamén máis desigual, creando fendas invisibles pero moi evidentes no interior dunha mesma cidade
Os datos xerais de cada cidade non refliten a profundidade desta desigualdade entre barrios e mesmo entre determinadas rúas deses mesmos barrios. Unha media e unha media e neste caso só amosan que as urbes -especialmente Santiago e A Coruña- presentan unha renda por habitante superior á do conxunto de Galicia.
De igual xeito, en varias das cidades do país (Santiago, A Coruña e Vigo) a porcentaxe de poboación con ingresos baixos (inferiores a 10.000 euros anuais por unidade de consumo) é mesmo inferior á media galega. Iso si, en Lugo, Ferrol e sobre todo Ourense (18,9%), o peso desta poboación con ingresos baixos si supera amplamente a media do país.
Os seguintes mapas amosan de forma moi visual as moi diferentes cidades que existen dentro de cada cidade
O Índice Gini (que mide a desigualdade económica nun lugar, sendo 0 a perfecta igualdade -todos teñen o mesmo- e 100 a máxima desigualdade) non amosa que as cidades sexan moito máis desiguais que o conxunto do país. Porén, si que indica que a riqueza está peor repartida nas sete urbes que no resto de Galicia, especialmente na Coruña e Ourense.
Os datos do Atlas de distribución de renda dos fogares publicado esta semana polo INE, con cifras do ano 2022 e indicadores medidos por sección censual, permiten debuxar unha foto fixa da riqueza ou da pobreza de cada barrio. Os seguintes mapas amosan de forma moi visual as moi diferentes cidades que existen dentro de cada cidade.
A Coruña: barrios que triplican a riqueza doutros situados a un quilómetro de distancia
17 das 25 seccións máis ricas de Galicia están no centro da cidade da Coruña, no Ensanche, Riazor ou Zalaeta
Comecemos pola Coruña, segunda cidade do país e posiblemente o lugar no que se observan mellor estas diferenzas, sobre todo por contar con algunhas das rúas e barrios con maior renda media (17 das 25 seccións máis ricas de Galicia están no centro da cidade da Coruña), situados ademais moi preto de barrios con rendas medias que se atopan entre as menores do país.
En primeiro lugar, o mapa da renda media por sección amósanos cales son os barrios máis ricos da cidade, encabezados por unha serie de áreas do seu Ensanche, ao redor das prazas de Vigo, Galicia, Lugo e Pontevedra, pero tamén en Zalaeta e Riazor, todas por riba dos 30 mil euros. En xeral, a maior parte da Pescaría, da Cidade Vella e tamén da contorna de Catro Camiños, presenta uns niveis de renda moi elevados, ao redor dos 25 mil euros de media.
As zonas máis ricas da Coruña teñen unha renda media que duplica e mesmo triplica á das área máis pobres, situadas a pouco máis dun quilómetro. Alfonso Molina, a Rolda de Nelle ou o Parque de Santa Margarida funcionan como fronteira
No outro extremo, atopamos un gran número de seccións por debaixo dos 20 mil euros de media, seguindo o percorrido da Rolda de Outeiro, entre a Estación de Tren e o final da Terceira Rolda. Son os barrios dos Mallos, da Sagrada Familia, da Agra do Orzán ou do Ventorrillo. Dentro deles, ademais, atopamos moitas áreas nas que a renda media é moi inferior, entre os 10.000 e os 15.000 euros.
É dicir, as zonas máis ricas da Coruña teñen unha renda media que duplica e que mesmo triplica á destas áreas, situadas a pouco máis dun quilómetro. A Avenida de Alfonso Molina, a Rolda de Nelle ou o Parque de Santa Margarida funcionan aquí como fronteiras moi claras.
En zonas dos Mallos (na área próxima á Estación de Tren), A Sardiñeira, Sagrada Familia e O Ventorrillo máis do 30% da poboación residente ten ingresos baixos
O seguinte mapa é aínda máis claro á hora de sinalar as desigualdades internas na cidade. Reflite en cada sección a porcentaxe de residentes con ingresos baixos, inferiores aos 10.000 euros anuais por unidade de consumo, un indicador que serve para medir de forma máis axustada a capacidade económica dun fogar (ao primeiro adulto que forma parte do fogar se lle asigna un peso de 1, aos demais adultos un peso de 0,5 e un peso de 0,3 a cada menor de 14 anos).
Así, vemos zonas dos Mallos (na área próxima á Estación de Tren), A Sardiñeira, Sagrada Familia e O Ventorrillo nas que máis do 30% da poboación residente non chega a ese nivel de ingresos, fronte a niveis próximos ao 20% noutras partes destes barrios e moitas zonas da cidade na que a porcentaxe non chega ao 10%.
Vigo: diferenzas entre barrios pero inferiores ás da Coruña
En Vigo as seccións con máis poboación con baixos ingresos están no Calvario ou Teis
O mapa de Vigo amosa tamén as grandes desigualdades internas existentes na cidade, con grandes áreas que superan ou roldan os 20 mil euros de renda media, no Areal, no Castro e, en xeral en todo o litoral entre Oia, Alcabre e Bouzas.
Esa realidade convive con barrios nos que a renda media é moi inferior, coma o Calvario (por debaixo de 15 mil euros) ou Coia e Teis (entre 15 e 20 mil). En todo caso, as diferenzas entre barrios son moito menos acentuadas que as que vemos na Coruña.
En todo caso, as diferenzas entre barrios en Vigo son moito menos acentuadas que as que vemos na Coruña
O mapa que recolle que os barrios cunha maior proporción de residentes con ingresos baixos están no Calvario, coa Travesía de Vigo como fronteira clara de distribución da riqueza, en Teis, en Lavadores e tamén en zonas próximas ao porto e á Cidade Vella. As porcentaxes superan o 20% en todas estas seccións, pero en poucos casos superan o 30%, en todo caso en menor medida que na Coruña
Ourense: Barrios empobrecidos no norte e sur
En Ourense atopamos un gran desequilibrio entre o centro da cidade (entre a rúa do Progreso a rúa Bos Aires e o río Miño), con rendas medias por riba dos 25 mil euros, e outras áreas con ingresos medios moi inferiores
Finalmente, en Ourense atopamos un gran desequilibrio entre o centro da cidade (entre a rúa do Progreso a rúa Bos Aires e o río Miño), con rendas medias por riba dos 25 mil euros, e outras áreas con ingresos medios moi inferiores. Estas áreas, con rendas inferiores aos 15 mil euros, están tanto no norte da cidade (ao redor da Praza de Covadonga) coma no sur (Mariñamansa, A Valenzá, A Carballeira...).
Estes barrios, nos que a poboación con baixos ingresos supera o 30% converten Ourense nunha das cidades de Galicia cun reparto da renda máis desigual.