Nas sete urbes galegas os vehículos matriculados comezan a descender, o mesmo que o censo de condutores e condutoras, é dicir, as persoas que contan cun permiso para conducir. Non sucede así no resto do país, especialmente nas zonas rurais
Os coches foron o elemento central das nosas cidades e vilas durante o último século. Está isto a cambiar? As estatísticas máis recentes da Dirección Xeral de Tráfico apuntan a un cambio de modelo -cando menos nas cidades- consolidando tendencias iniciadas hai un tempo. Nas sete urbes galegas os vehículos matriculados comezan a descender, o mesmo que o censo de condutores e condutoras, é dicir, as persoas que contan cun permiso para conducir.
A mellora e abaratamento do transporte público (o autobús urbano no interior das cidades e o tren nas conexións entre elas) e a popularización de alternativas de transporte individual (bicicletas, VMP...) están a mudar o paradigma, especialmente entre as persoas máis novas. Non sucede así no resto do país, especialmente nas zonas rurais, nas que o coche continúa a ser imprescindible para comunicarse e acceder a servizos.
O pasado ano matriculáronse en Galicia 44.819 vehículos, fronte aos 109.951 de 2007, máximo da serie histórica
Vexamos primeiro o que nos din as estatísticas globais de matriculación de vehículos. 2023 rexistrou un aumento de matriculacións en Galicia en relación ao ano 2022. Porén, este incremento foi moi cativo e mantén a cifra total moi por debaixo da rexistrada entre 2015 e 2019 e, sobre todo, moi afastada dos valores anteriores a 2007.
O pasado ano matriculáronse en Galicia 44.819 vehículos, fronte aos 109.951 de 2007, máximo da serie histórica. A gran recesión fixo descender a cifra ata os 36.079 de 2012, valor mínimo das últimas décadas, pero dende entón este indicador xa nunca máis medrou por riba das 63 mil matriculacións (2018) e dende entón a tendencia é á baixa.
As cifras de 2022 amosan xa un descenso no número de turismos matriculados nas cidades (-1.191), mentres que no resto de Galicia a cifra segue a incrementarse (+12.423)
Que pasa nas cidades? Nos últimos anos as sete urbes galegas xa comezaban a apuntar un cambio de tendencia. Os datos do ano 2021 amosaban xa un estancamento no parque de vehículos das cidades e no censo de condutores, moi diferente ao crecemento que seguía rexistrando o resto do país. Entre 2014 e 2021 o número de vehículos só medrara un 2% na Coruña e un 5% en Vigo, fronte ao 12% do conxunto de Galicia.
As cifras de 2022 amosan xa un descenso no número de turismos matriculados nas cidades (-1.191), mentres que no resto de Galicia a cifra segue a incrementarse (+12.423). O mesmo sucede no número de persoas con carné de conducir, que descende nas sete urbes (-618), mentres aumenta no resto de Galicia (+7.318). Cada vez son máis os mozos e mozas que non buscan obter o carné de conducir ou que atrasan moitos anos este proceso, ao non necesitar o coche para moverse.
O maior descenso no parque de turismos prodúcese na Coruña (751 coches menos entre 2021 e 2022), seguida de Vigo (-370) e Ourense (-199)
Se analizamos os datos por cidade, o maior descenso no parque de turismos prodúcese na Coruña (751 coches menos entre 2021 e 2022), seguida de Vigo (-370) e Ourense (-199). Mentres que Ferrol e Pontevedra tamén viron descender o número de coches matriculados, Santiago (+270) e Lugo (+35) si rexistraron un pequeno aumento.
En canto ao censo de condutores, as cifras son semellantes, con importantes descensos en Ourense, Ferrol e A Coruña, e algo máis cativo en Vigo. Si aumentan lixeiramente en Pontevedra, Santiago e Lugo.
O concello que conta con máis turismos por habitante é Portomarín (104,96), que ten polo tanto máis coches de persoas. Nesa listaxe aparecen a continuación Palas de Rei, A Pastoriza, Avión, Xunqueira de Espadanedo e Castro Caldelas
A posesión dun coche é un fenómeno moito máis estendido nas zonas rurais que nas urbanas. O concello que conta con máis turismos por habitante é Portomarín (104,96), que ten polo tanto máis coches de persoas. Nesa listaxe aparecen a continuación Palas de Rei, A Pastoriza, Avión, Xunqueira de Espadanedo e Castro Caldelas, todos por riba dos 90 coches por cada 100 habitantes, seguidos de Carballedo, Vilar de Barrio, Castrelo de Miño, Pontedeva, Taboadela, San Cristovo de Cea, San Amaro, Montederramo e Guntín.
A Coruña é o concello con menos coches por habitante (apenas 46 por cada 100 persoas), seguido de Fisterra e Ribeira. O resto de cidades galegas tamén presentan ratios reducidas de vehículos matriculados por cada 100 habitantes
Pola contra, A Coruña é o concello con menos coches por habitante (apenas 46 por cada 100 persoas), seguido de Fisterra e Ribeira (ambos con menos de 1 turismo por cada 2 habitantes), e de Cangas, Vigo, Vilagarcía e Ames.
O resto de cidades galegas tamén presentan ratios reducidas de vehículos matriculados por cada 100 habitantes, como Pontevedra (52,4), Ourense (53,25), Santiago (53,99) e Lugo (54,72). Ferrol (58,2), a cidade máis avellentada de Galicia, é tamén a que ten máis coches matriculados en relación á súa poboación.
O parque de turismos seguiu a aumentar en 2022 na maior parte de concellos do país, encabezados por localidades das áreas metropolitanas das cidades, como Ames (+338), Oleiros (+324), Ponteareas (+322), Arteixo (+260)
Como evolucionou o parque de vehículos no último ano no que hai datos? O parque de turismos descendeu en 65 concellos, encabezados pola Coruña, Vigo, Ourense e Ferrol ademais doutras localidades como Verín, Fene, Monfero, Ortigueira, Valga e Cedeira.
Aumentou, pola contra, na maior parte do país (240 concellos). As localidades nas que máis aumentou o número de coches foron sobre todo as situadas nas áreas metropolitanas das cidades: Ames (+338), Oleiros (+324), Ponteareas (+322), Arteixo (+260), Carballo (+253), Poio (+222), Cambre (+221), Gondomar (+216) ou Culleredo (+211), un incremento motivado en parte polas dificultades de comunicación por transporte público existentes entre as cidades e a súa contorna.
Case 800.000 coches entran todos os días nas sete cidades galegas, unha lista encabezada pola Coruña con máis de 200.000
Cómpre lembrar que case 800.000 coches entran todos os días nas sete cidades galegas, unha lista encabezada pola Coruña con máis de 200.000. Aínda así, os datos do Goberno galego sinalan que o 60% dos desprazamentos totais en Galicia son de distancia inferior a 20 quilómetros, superando os 50 quilómetros de distancia tan só un 10% dos desprazamentos totais. Unha comunicación metropolitana e ligada ás conexións existentes entre as urbes e a súa contorna.