En Galicia hai moitos coches. No ano 2021 había 1,6 millóns de turismos matriculados no país, segundo os datos da Dirección Xeral de Tráfico e un total de 2,12 millóns de vehículos de motor, sumando tamén camións, furgonetas, motos e demais. Hai rexistrados, polo tanto, 60 coches por cada 100 habitantes, unha cifra que en parte se explica pola dispersión poboacional no territorio e a ausencia de alternativas suficientes de transporte colectivo.
Dende o ano 2010 o número de novas matriculacións en Galicia é moi inferior ao de décadas anteriores. No 2021 rexistráronse uns 46 mil coches, a cifra máis baixa dende o 2014.
Porén, fronte a esta realidade hai dous fenómenos que están gañando peso nos últimos anos. Por unha banda, as estatísticas oficiais amosan que cada vez se matriculan menos turismos. Os datos da DGT indican que no ano 2021 se rexistraron uns 46 mil coches en Galicia, a cifra máis baixa dende o ano 2014. Posiblemente neste indicador pesa a crise de subministros que está a provocar grandes atrasos nas entregas de coches novos e tamén os efectos da pandemia e a crise de prezos. Porén, o feito é que dende o ano 2010 o número de novas matriculacións é en Galicia moi inferior ao de décadas anteriores.
Semella que nas cidades o uso do coche é máis prescindible pola existencia de mellores servizos de transporte público no seu interior e, nalgúns casos, tamén para comunicarse con outras urbes. En cambio, no rural o coche resulta aínda absolutamente necesario para realizar desprazamentos
Descontado o efecto da crise económica provocada pola Gran Recesión, mesmo o ano con máis matriculacións (2018, unhas 63 mil) está moi por debaixo dos datos que se rexistraban entre 1996 e 2009, nos que mesmo se chegaron a superar as cen mil matriculacións anuais.
O outro fenómeno de importancia ao redor do mercado do automóbil en Galicia é que hai moitos máis coches nas zonas rurais que nas cidades, en termos relativos á poboación de cada concello. As zonas urbanas teñen moitos menos turismos matriculados e a tendencia dos últimos anos é que a diferenza cos concellos rurais sexa cada vez maior.
Semella que nas cidades o uso do coche é máis prescindible pola existencia de mellores servizos de transporte público no seu interior e, nalgúns casos, tamén para comunicarse con outras urbes. E, igualmente, polo crecente uso da bicicleta e dos vehículos de mobilidade persoal. En cambio, no rural o coche resulta aínda absolutamente necesario para realizar desprazamentos. A menor idade media nas zonas urbanas pode ser outro dos elementos que expliquen esta gran diferenza que reflicten os datos
En Avión, Palas de Rei, Portomarín e A Pastoriza hai case un coche por habitante e un total de 72 localidades superan os 75 turismos por cada 100 persoas
O mapa amosa o número de turismos matriculados en cada concello por cada cen habitantes. Zonas rurais das provincias de Lugo e Ourense encabezan a lista. Destacan Avión, Palas de Rei, Portomarín e A Pastoriza, con case un coche por habitante, pero un total de 72 localidades superan os 75 turismos por cada 100 persoas.
No outro extremo, vemos como A Coruña é o concello con menos coches por habitante en Galicia (uns 46 por cada 100 persoas) e tamén Vigo aparece entre as cinco localidades con menos vehículos (51,58 por cada 100 residentes. Vilagarcía é o oitavo concello con menos coches por habitante, Pontevedra é o noveno, Ourense é o décimo e Compostela o 13º, os catro con entre 52 e 54 coches por cada cen empadroados. Vilas mariñeiras como Ribeira, Fisterra e A Illa tamén aparecen entre os dez primeiros concellos con menos coches, o mesmo que concellos dos extrarradios urbanos, como Ames ou Culleredo.
A Coruña é o concello con menos coches por habitante en Galicia e nas primeiras posicións deste indicador aparecen tamén Vigo, Vilagarcía, Pontevedra, Ourense e Compostela
Aínda así, case 800.000 coches entran todos os días nas sete cidades galegas, unha lista encabezada pola Coruña con máis de 200.000, unha mostra das deficientes comunicacións de transporte colectivo que existen entre as urbes e a súa contorna.
Nas últimas semanas os abonos gratuítos para viaxes en trens de proximidade e media distancia da Renfe e os plans de descontos nos autobuses levaron a un grande incremento no número de persoas usuarias destes servizos. O aumento no caso dos buses interurbanos foi do 20%.
Na Coruña o número de vehículos só medrou un 2% nos últimos sete anos e en Vigo fíxoo un 5%
As diferenzas entre as zonas urbanas e as rurais incrementáronse nos últimos anos. Comparando os datos de turismos matriculados por habitante en 2014 e 2021 atopamos como de novo as cidades aparecen entre as localidades nas que o parque automobilístico menos aumentou, atopando mesmo situacións de estancamento na Coruña (+1,95%) e ascensos moi cativos en Vigo (+5,24%), Compostela (+6,28%), Ourense (+6,65%) ou Pontevedra (+7,68%), todos moi por debaixo da media galega (+11,76%).
No outro extremo, vemos como concellos como Palas de Rei aumentaron o seu número de turismos matriculados nun 73%, Portomarín nun 55% ou Pontedeva nun 44%. En total, un cento de localidades incrementaron o seu parque en máis dun 20% nos últimos sete anos.
Cen concellos, maioritariamente rurais, aumentaron o seu parque de turismos en máis dun 20% dende o 2014
En todas as cidade o número de coches por habitante medrou moi por debaixo da media galega. Ferrol e Lugo (as dúas urbes con peores conexións por tren) son as que presentan incrementos maiores, próximos ao 10% e tamén un maior número de vehículos por habitante. En todo caso, con indicadores moi afastados dos das zonas rurais.