Anatomía do rendismo popular galego: case 200.000 caseiros cunha media de 600 euros mensuais

Vista de diversos edificios na cidade de Vigo e gráficos dos declarantes de ingresos por alugueiros no IRPF CC-BY-NC-SA Praza.gal

A cuestión do dereito á vivenda vai gañando espazos na conversa pública por diferentes vías. Dende a suba sostida no tempo dos prezos dos alugueiros á escaseza de oferta ou as vivendas baleiras. Da práctica desaparición da vivenda protexida en Galicia durante máis dunha década ao freo aos pisos turísticos. E, nos últimos días, tamén co retorno das ringleiras de estudantes ás portas dalgunhas inmobiliarias compostelás á procura de piso para o vindeiro curso universitario nun mercado con cativa oferta pública de aloxamento.

As medidas políticas a prol do dereito a vivenda redundan en beneficios de quen precisa un teito a prezo razoable e atopa resistencias nos grandes grupos inmobiliarios, mais tamén no rendismo popular. Pero, quen son estes rendistas? 

Con este pano de fondo, múltiplas voces urxen os poderes públicos a tomar medidas mentres os gobernos non acaban de dar pasos transcendentais. Accións como as limitacións de prezos dos arrendamentos ou un incremento substancial do parque público de vivenda redundarían en beneficio de quen precisa un teito a un prezo razoable. Pero terían varios axentes prexudicados e resistentes: dende os grandes e poderosos grupos inmobiliarios ata o que é posible denominar rendistas populares. Persoas físicas de condición moi dispar que tiran cada mes rendemento de bens inmobles en forma de alugueiro. Pero, quen son?

A resposta completa a esa pregunta non é doada. Unha aproximación posible atopámola ollando aos datos da estatística do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), que a Axencia Tributaria actualizou o pasado 1 de xullo con cifras correspondentes ao ano 2022. Como detallou elDiario.es para o conxunto do Estado, as declaracións da renda permiten obter unha radiografía da poboación que ten propiedades inmobiliarias en alugueiro e as declara legalmente. Tamén observar as notables diferenzas en función da renda destas persoas, que en total foron nese ano 191.973 en Galicia e 3,01 millóns en España. 

O peso da poboación que declara a Facenda ingresos por alugueiro é en Galicia notablemente maior que na media estatal entre a poboación con rendas inferiores a 30.000 euros. Tanto no caso galego como no total estatal, os ingresos inmobiliarios son maiores canto máis alta é a renda total da persoa

O retrato ten limitacións por dúas vías: a obvia exclusión dos alugueiros irregulares, pero tamén a dos grandes propietarios que xestionan os alugueiros a través de fondos de empresas creadas a tal efecto, fondos de investimento ou outras vías. Pero si nos ofrece unha anatomía dese devandito rendismo popular, isto é, trazar unha radiografía esquemática de quen ten unha ou varias propiedades alugadas (quer pisos, quer locais comerciais ou prazas de garaxe, por exemplo) no noso país e comparármolo cos datos medios estatais.

O peso das persoas que tiran rendementos por alugar propiedades imobiliarias é en Galicia unhas décimas superior que na media estatal: un 13,5% do total de declarantes do IRPF fronte a un 13,2%. En Galicia a porcentaxe de caseiros é maior que no Estado entre a poboación con rendas inferiores aos 30.000 euros e a correlación invértese de aí en diante. Así, entre as rendas máis avultadas, os propietarios con inmobles alugados teñen menos peso relativo en Galicia, se ben no noso país tamén se confirma a tendencia de que, a cantos máis cartos, máis peso dos ingresos por arrendamento de inmobles.

Entre 406 e 1.650 euros ao mes

E, cantos cartos obteñen estes caseiros polos seus arrendamentos? A Axencia Tributaria ofrece tamén unha aproximación en forma de importes medios que dá lugar tamén a unha elocuente comparativa a respecto dos totais estatais. As cifras totais indican que os ingresos por alugueiros son, de media, duns 573 euros ao mes en Galicia e de arredor de 741 na media estatal, pero con notables diferenzas en función da renda total das persoas, como amosa o gráfico sobre estas liñas.

O ingreso medio por alugueiros inmobiliarios é de 573 euros en Galicia e de 741 na media estatal. En apenas media década aumentaron un 9%

Así, por exemplo, a poboación que declara unha renda de entre 6.000 e 12.000 euros anuais e ten algún inmoble alugado ingresa, de media, uns 461 euros ao mes en Galicia e case 560 na media estatal. Entre a poboación con máis cartos dentro da que declara IRPF, quen ingresan entre 60.000 e 150.000 euros e teñen alugueiros perciben unah media mensual de 1.461 euros en territorio galego e case 2.000 no total estatal.

Entre a minoría que declara rendas superiores aos 601.000 euros anuais a diferenza tamén é notable. Os ingresos por alugueiros destas persoas en Galicia (apenas 579 declarantes en 2022) son dunha media de 1.646 euros ao mes e na media estatal a cifra dispárase ata 2.600 euros mensuais.

Unha ollada retrospectiva á evolución deste imposto tamén reflicte o incremento dos prezos dos alugueiros de inmobles (non só de vivendas) e os seus maiores beneficiarios. Como amosa o gráfico sobre estas liñas, en apenas media década (entre os exercicios 2018 e 2022) os ingresos por alugueiros declarados a Facenda aumentaron un 9% en Galicia e foron á alza en case todas as franxas de renda. Pero nese incremento destaca especialmente o 12% de suba entre a poboación máis rica, que pasou de declarar uns 17.600 euros anuais a case 20.000 por este concepto.

Rendas de 12.000 a 60.000 euros, protagonistas no alugueiro de pisos

Todos os datos anteriores tirados do IRPF refírense á poboación que aluga todo tipo de propiedades inmobiliarias, non só vivendas. Así e todo, é posible aproximarse un chisco máis ao retrato robot dos caseiros e caseiras de pisos a través doutro apartado do imposto, o que recolle as deducións das que se benefician as persoas que teñen vivendas alugadas. No caso galego foron case 130.000 durante o ano 2022 e no total estatal, 2,15 millóns de declarantes.

Case un 30% da poboación galega que se acolle á redución do IRPF por ter vivendas alugadas declara rendas de entre 30.000 e 60.000 euros anuais

Sempre atendendo aos datos do IRPF, máis da metade das persoas que alugan vivenda en Galicia e se acollen a estas deducións son poboación que declaran rendas de entre 12.000 e 60.000 euros anuais, isto é, dende mileuristas a persoas cunha renda mensual bruta duns 5.000 euros ao mes.

Concretamente, case unha de cada cinco persoas con vivendas alugadas en Galicia e que se acollen a este beneficio fiscal declaran rendas de entre 12.000 e 21.000 euros. Algo máis dun 17%  están na franxa de entre 21.000 e 30.000 euros e case un 30%, entre 30.000 e 60.000 euros, segundo as súas declaracións da renda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.