As promesas do PP durante a pasada campaña electoral e do Goberno galego tras a súa nova toma de posesión apuntan a que esta lexislatura pode ser a da relativa reactivación da vivenda pública e de protección en Galicia tras máis dunha década de práctica parálise. O presidente, Alfonso Rueda, e a nova conselleira con competencias na materia, María Martínez Allegue, veñen reiterando nas últimas semanas que o seu obxectivo é rematar o mandato (2028) "duplicando o parque público ata as 8.000 vivendas e desenvolver solo para promover 20.000 vivendas protexidas".
O Goberno galego admite ao Consello de Contas que a partida de acceso á vivenda está entre "os programas cun nivel de execución máis baixa" dos seus Orzamentos, ata quedar en 2022 nun 8,8%
Á espera de que o tempo diga se as promesas pasan ou non do papel, as cifras oficiais da propia Xunta seguen acreditando a devandita parálise. Non só pola práctica desaparición da nova vivenda protexida durante anos -especialmente en alugueiro, con varios exercicios co contador a cero-. Tamén pola baixa execución dos orzamentos que cada ano planifica o Goberno para vivenda, isto é, pola escasa porcentaxe deses fondos que finalmente son gastados. Especialmente, nun dos seus programas: o de acceso á vivenda, con ata 32 millóns de euros sen gastar en tres anos.
Recentemente, o Consello de Contas deu un paso de transparencia nas súas bases de datos que permite consultar a documentación que as diferentes institucións públicas lle remiten cada ano para que analice as súas finanzas. Entre eses documentos están as memorias que elabora a Consellería de Facenda sobre a denominada Conta Xeral da Comunidade Autónoma, unha manchea de cifras entre as que se inclúe a execución orzamentaria, é dicir, en termos simples: canto foi gastado e canto quedou sen gastar dos Orzamentos Xerais de cada exercicio.
Nos tres anos analizados, o programa de acceso á vivenda estivo entre as escasas partidas das contas públicas que non chegaron ao 50% de gasto comprometido
Como amosan o gráfico sobre estas liñas, nos tres últimos exercicios con información dispoñible (de 2020 a 2022), o programa de acceso á vivenda consolídase entre "os programas cun nivel de execución máis baixa", en palabras do propio Goberno galego na memoria de 2022. Esa expresión utilízaa para referirse aos programas que non superaron o 50% de execución, nese ano foron cinco partidas encabezadas pola de acceso á vivenda cun 8,84%.
Ao ollarmos cara a atrás, en 2021 e 2020 a execución do programa de acceso á vivenda foi máis elevada, pero igualmente estivo marcada pola baixa execución e quedou por baixo do 50%. En 2021 foi o terceiro con menos execución (32,92%) e en 2020, o primeiro ano afectado pola pandemia da COVID-19, o segundo cun 35,9% gastado do total orzamentado.
32 millóns de euros 'parados' en tres anos
Pero, en que consiste o programa de acceso á vivenda? Trátase dunha partida, dentro do total do orzamento de vivenda do Goberno galego, que achega financiamento ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). E que coas devanditas porcentaxes tivo 32,8 millóns de euros sen executar nos tres anos analizados.
Este programa achega financiamento ao Instituto Galego de Vivenda e Solo
En 2022, por exemplo, compúñase de 8,7 millóns en concepto de transferencias correntes e outros 10,93 millóns en transferencias de capital (para investir). En total, 19,6 millóns dos que 17,9 quedaron sen comprometer no remate do ano.
No ano anterior, o 2021, o programa de acceso á vivenda estaba dotado con 11,86 millóns de euros e, atendendo ás porcentaxes de execución recoñecidas pola Xunta ao Consello de Contas, só foron executados 3,9. En 2020 o total do programa de acceso á vivenda contaba con 10,75 millóns de euros e os executados foron 3,86. Dáse a circunstancia, ademais, de que nese ano 2020 o IGVS deixou sen gastar 19,5 millóns de euros, unha quinta parte do seu orzamento, segundo tamén quedou acreditado no Consello de Contas.
Orzamentos á alza pola inxección de fondos europeos
O programa de acceso á vivenda destaca negativamente pola súa baixa execución dentro dun total dos orzamentos de vivenda que tampouco salienta polo seu alto nivel de gasto no seu conxunto. Así, regresando aos datos das memorias entregadas ao Consello de Contas, nese trienio o ano con maior execución do total de orzamento de vivenda foi o 2021, cun 65,5%. A continuación estaría o 2020, cun 56,5%, e o peor resultado foi o de 2022, con apenas un 31,5% gastado dentro do total.
Estas baixas execucións coinciden cunha alza notable do total dos orzamentos de vivenda da Xunta, sobre todo polas inxeccións de fondos da UE. Así e todo, para igualar o nivel real das contas do Goberno de PSdeG e BNG aínda terían que medrar un 78%
Estas baixas execucións dos orzamentos da Xunta en acceso á vivenda rexistráronse nun contexto no que esta competencia no seu conxunto vén experimentando notables incrementos na súa dotación. Especialmente por mor das sucesivas inxeccións de fondos europeos de recuperación a través do Estado.
Como vén informando Praza.gal, así o reflicten as contas do IGVS para este 2024. Nelas, as transferencias deses fondos da UE practicamente se duplican (de 42,8 a 85 millóns de euros) mentres minguan os fondos propios da Xunta, que en apenas catro anos pasaron de representar máis do 60% dos seus ingresos a pesar apenas o 30%.
Estas alzas levaron o total do orzamento de vivenda da Xunta a acadar para 2024 o seu maior nivel nunha década, con algo máis de 160 millóns de euros. Non obstante, isto non implica que acade, nin sequera nominalmente, o nivel que chegaron a ter estas partidas nas derradeiras contas públicas do Goberno de coalición PSdeG-BNG, que en 2009 estaban dotadas con algo más de 210 millóns de euros. En calquera caso, aplicando a inflación acumulada nestes anos (dun 35,3% en Galicia, segundo datos do INE), para acadar un nivel real semellante o actual Goberno galego tería que dedicar a vivenda en 2024 un orzamento anual duns 285 millóns, isto é, un 78% máis do previsto.