O pasado 29 de decembro, o Goberno galego celebrou a súa derradeira xuntanza do ano. Entre os asuntos abordados nesa reunión do Consello da Xunta estivo autorizar, segundo marca a lei, o traspaso de fondos orzamentados e non utilizados durante o ano 2020 ao apartado de "imprevistos e funcións non clasificadas", para despois resitualos onde corresponda.
O Goberno galego non reflectiu esa autorización na referencia pública sobre os asuntos tratados naquel Consello, pero o certo é que foi aprobada. Esa modificación orzamentaria, xunto con todas as demais tramitadas durante o mes de decembro, chegou ao Parlamento a principios deste mes de abril.
O Consello da Xunta autorizou o 29 de decembro sen facelo público o trámite legal para transferir os fondos non utilizados durante o ano. En total, 305 millóns das consellerías e outros 132 das súas entidades dependentes, entre elas o IGVS
Dentro dos orzamentos manexados directamente polas consellerías, foron transferidos por "non acadar a fase de compromiso" un total de 305,6 millóns de euros. A eles engadíronse outros 132,10 millóns de entidades dependentes do Goberno con orzamento de seu, caso das diversas axencias e institutos públicos.
Dentro destas entidades, a que en termos absolutos deixou máis fondos sen gastar foi a Axencia Galega de Infraestruturas (AGI), con 47,8 millóns de euros non comprometidos dun orzamento anual de case 240, case un 20%. A continuación situouse o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que no remate do ano non gastara 23,4 dos 126,6 que tiña asignados, isto é, en torno ao 18%.
Algo máis do 20% dos cartos dispoñibles é o que deixou sen comprometer o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). O departamento encargado de executar a política da Xunta en materia de vivenda dispuña de algo máis de 83 millóns de euros nese exercicio e non gastou uns 19,5, segundo a información remitida ao Parlamento.
Sen perspectivas de crecemento
Este trámite para transferir os fondos non utilizados de 2020, entre eles os devanditos 19 millóns e medio do IGVS foi concretado -aínda que non feito público- pola Xunta apenas vinte días antes de que o propio Goberno galego presentase o denominado Pacto Social pola Vivenda. Neste documento, o Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo sintetizou os seus principais plans na materia para os vindeiros anos. Entre eles, unhas previsións orzamentarias que pasan por que non haxa incrementos significativos de fondos públicos neste eido, cando menos, ata 2025.
O plan de vivenda da Xunta prevé que os seus orzamentos na materia sigan, cando menos ata 2025, por baixo dos que destinaba o Goberno de PSdeG e BNG e tamén o de Fraga
Neste 2021, os Orzamentos Xerais da Xunta reservan 85,8 millóns de euros para políticas de vivenda, que se xestionan a través do IGVS. O instituto conta cun total de 96,05 millóns; os devanditos 85 para vivenda e os 11 restantes, en materia de "promoción de solo para actividades económicas". O pasado ano, cando quedaron sen gastar os devanditos 19,5 millóns de euros, as políticas de vivenda estaban dotadas con 80 millóns e as accións para a promoción de solo contaban con 3. O Pacto Social non prevé ir alén dos cen millóns anuais para políticas de vivenda e confía o 60% dos investimentos previstos a fondos privados.
Vistos en perspectiva, destinar entre 80 e 100 millóns anuais a políticas de vivenda supón que a Xunta estea amplamente por baixo das dotacións que o Goberno de coalición de PSdeG e BNG destinou cada ano do seu mandato. O orzamento de vivenda máis baixo daquel Executivo, o de 2006, fora de 153 millóns de euros. O máis alto, o de 2009, situárase en 210 millóns.
Dende 2011, os orzamentos do Goberno de Feijóo para vivenda estiveron cada ano sen excepción por baixo dos do Executivo de coalición e foron tamén inferiores aos do derradeiro orzamento da Xunta de Manuel Fraga, o de 2005. Daquela, co propio Feijóo como conselleiro con competencias en materia de vivenda, os Orzamentos Xerais prevían para estas políticas uns 114 millóns de euros. O plan que o actual Goberno prevé despregar ata 2025 non contempla superar esta dotación económica.
Malia a estas estreiteces económicas, a Xunta asegura que a súa perspectiva pasa por por ata "doce iniciativas novidosas" para facilitar o acceso á vivenda en Galicia, tales como "a posta en marcha de medidas para dar un novo impulso á adquisición de vivendas protexidas, mediante axudas de ata 20.000 euros" ou fomentar a rehabilitación. Estas promesas corren paralelas, asemade, ás reiteradas alertas da propia Xunta sobre un suposto incremento das ocupacións ilegais de vivendas, que os datos oficiais do Consello Xeral do Poder Xudicial seguen sen reflectir.
Este martes, durante o debate dunha iniciativa do BNG sobre vivenda no Parlamento, o PP asegurou que a Xunta ten "moi clara a súa política de vivenda", que comeza por "non intervir no mercado" xa que, ao seu xuízo, isto "só procuraría máis tensións e problemas". Segundo a deputada Marisol Díaz Mouteira, o que si vai facer o Goberno galego é aplicar "medidas que promovan a posta en alugueiro de vivendas, que incrementen o parque público autonómico e municipal e faciliten o acceso dos cidadáns, en xeral, e dos colectivos máis vulnerables en particular, á vivenda en alugueiro".