O Consello da Xunta autorizou o pasado xoves o Instituto Galego de Vivenda e Solo, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a asinar un convenio co Consello da Avogacía de Galicia. Nel, o Goberno galego pon 27.000 euros sobre a mesa para financiar a posta en marcha urxente, dende o mes de decembro, dunha liña telefónica de "asesoramento profesional gratuíto" para "afectados pola ocupación ilegal da súa vivenda".
Na véspera da presentación dos orzamentos da consellería con competencias en vivenda, a Xunta autorizou o financiamento público dunha liña telefónica de "asesoramento gratuíto" para "afectados por ocupación ilegal"
O propio Goberno galego encadra esta iniciativa nas súas "actuacións" ante o que presenta como "incremento das ocupacións ilegais" de vivendas en Galicia, un fenómeno sobre o que o pasado outubro admitiu que non manexaba "datos reais". Non obstante, alertaba á poboación por mor do que a conselleira, Ángeles Vázquez, denominou como "sensación de impunidade". Pouco despois, a Fiscalía actualizaba a súa información ao respecto e constataba a escaseza destes delitos en Galicia, como xa antes fixeran o Tribunal Superior de Xustiza, a Policía e varios concellos. Durante 2019, segundo datos do Ministerio do Interior, os delitos vinculados a ocupacións de vivendas en Galicia supuxeron o 0,16% do total.
A Xunta afianzaba así esta liña política en materia de vivenda apenas vinte e catro horas antes de que, o pasado venres, a conselleira presentase no Parlamento os orzamentos do seu departamento para 2021. En materia de vivenda, a Consellería conta con 85 millóns de euros, o montante máis elevado dos últimos oito anos, pero tamén un 60% menos que nas derradeiras contas públicas do Goberno de coalición de PSdeG e BNG no ano 2009 e tamén un 25% menos que no derradeiro orzamento do Goberno de Manuel Fraga, o de 2005, cando o conselleiro con competencias en materia de vivenda era Alberto Núñez Feijóo. A diferenza real sería aínda maior de aplicarmos a inflación.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, dentro do orzamento da Xunta para vivenda, a partida que permanece nos seus niveis máis baixos é a de construción de vivenda protexida, unha política reducida á mínima expresión nos últimos anos e que en 2021 está dotada con 7,75 millóns de euros. É unha redución de case tres millóns de euros a respecto da dotación de 2020, un 85% menos que nas derradeiras contas da coalición PSdeG-BNG e un 78% menos que no derradeiro orzamento elaborado polo gabinete de Fraga.
O orzamento da Xunta para vivenda en 2021 está un 60% por baixo do derradeiro da coalición PSdeG-BNG e é un 25% menos que nas derradeiras contas de Fraga. A conselleira afirma que "garantir o acceso á vivenda" é unha das prioridades do departamento
Un dos reflexos máis evidentes desta redución orzamentaria vén sendo a caída en picado nas cifras de novas vivendas protexidas postas á disposición da cidadanía en Galicia. A pasada lexislatura finalizou con apenas 24 vivendas protexidas rematadas en Galicia, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, o que supón a menor cantidade nun mandato dende que hai información pública ao respecto. No mandato de socialistas e nacionalistas e en todos os de Fraga agás o primeiro, as vivendas protexidas rematadas foron sempre máis de 10.000 por lexislatura.
Fronte a estes datos, a conselleira Vázquez defendeu durante a presentación do seu orzamento que as contas teñen entre os seus obxectivos "garantir o acceso á vivenda, sobre todo a aqueles colectivos máis desfavorecidos e con menos recursos" . Así, subliña, o denominado Pacto Social pola Vivenda que ela mesma anunciou o pasado outubro conta cunha dotación de 72,1 millóns para 2021. Ademais, defende, cómpre atender ás políticas de rehabilitación, para as que "reserva 36 millóns de euros", ou tamén a partidas alén da de construción de vivenda protexida, como 8 millóns de euros para expropiar terreos no barrio de San Paio de Navia, en Vigo, "un paso que permitirá comezar a construción das primeiras promocións das 1.600 vivendas proxectadas".
Alexandra Fernández (BNG) considera o orzamento de vivenda un reflexo da "nula política" da Xunta na materia e reprocha a renuncia a impulsar un parque público de pisos en alugueiro
A oposición parlamentaria, pola súa banda, discrepa da perspectiva optimista da conselleira a respecto das súas contas no eido da vivenda. Nesta liña, a voceira do BNG na materia, Alexandra Fernández, reprochou a Vázquez durante a presentación das contas o, ao seu xuízo, escaso peso das políticas de vivenda nuns orzamento que ademais, lamenta, "non son reais", toda vez que "ano tras ano, os incumpren sistematicamente", di en referencia á baixa execución en exercicios previos de partidas como rehabilitación (56% en 2019), acceso á vivenda (44%) ou promoción de solo residencial (18%).
Paloma Castro (PSdeG) ve "inaceptable" os fondos que a Xunta dedica a vivenda, máis aínda mentres "se dedica a xerar medo, con iniciativas populistas falando de ocupación"
A xuízo da parlamentaria do Bloque, as cifras do orzamento da Xunta non fan máis que reflectir unha "nula e terrible política en materia de vivenda" que parte da intención política de "non intervir sobre os prezos" e "actuar como meros dinamizadores do sector inmobiliario, pero non como garantes do acceso á vivenda". Nesta liña, lamenta, estratexias como as axudas ao alugueiro, un problema que "é o que quita o sono" ás familias con menos recursos, enfatiza, non dan "chegado". Mostra disto, subliña, é que "de 8.000 axudas solicitadas, só se entregou o 23%" mentres o Goberno renuncia a impulsar un parque público de vivenda de alugueiro.
Tamén a deputada do PSdeG Paloma Castro reprochou á conselleira que o "impulso do parque público de vivenda en aluguer" non figure entre as "prioridades" da Xunta mentres o programa de acceso á vivenda en réxime de compra ou arrendamento aumenta un "insignificante 0,41%" nun contexto, o da crise da COVID-19, no que "é máis necesario ca nunca o apoio". Para a parlamentaria socialista, o orzamento da Xunta neste eido resulta "inaceptable", máis aínda porque, ao tempo "o PP e o Goberno galego" se dedican a "xerar medo na poboación, con iniciativas populistas falando de ocupación".