A demora na integración en Augas de Galicia da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos, eliminada en 2012, xa supuxo beneficios económicos para o seu persoal, parte del hoxe en postos directivos
A Consellería de Facenda somete este mes de agosto a exposición pública unha Orde coa que quere retomar o proceso para integrar como persoal laboral da Xunta ao persoal laboral fixo da antiga Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH), suprimida en 2012. Ese persoal, entre el varias persoas que hoxe son altos cargos do Goberno galego, seguiu traballando para Augas de Galicia cos seus soldos previos máis altos que os de postos equivalentes no resto da administración, e o seu primeiro proceso de integración iniciado en 2015 implicaba que igualarían os salarios progresivamente nun máximo de seis anos. Pero a Xunta nunca completou aquel trámite e na lei de acompañamento dos orzamentos deste ano incluíu unha disposición que agora di que, a diferenza do salario base, o complemento por antigüidade ou trienios do persoal de entes paralelos que puidese ser previamente máis alto non se reducirá cando se integren na administración, tampouco no caso de que se funcionaricen eses postos.
No caso da EPOSH ese complemento por trienios pode ser de varios milleiros de euros ao ano, como se pode comprobar na declaración de ingresos da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, traballadora daquel ente como varios outros altos cargos da Xunta que seguen a cobrar unha antigüidade máis elevada que a do resto do persoal da Xunta. Agora, coa modificación legal xa en vigor, Facenda volve iniciar o proceso de integración do persoal da EPOSH, que a diferenza do inacabado de 2015 perpetuará a quen se acolla a el os seus trienios superiores aos de postos equivalentes. No caso dos altos cargos, que teñen máis salario polas súas maiores responsabilidades, seguirán sumándolle os trienios máis altos tanto mentres permanezan nos actuais cargos como no caso de que volvan aos seus postos base cando deixen os de confianza, situación que está a provocar críticas sindicais.
Hai que remontarse no tempo para chegar ás orixes da situación que agora a Xunta quere perpetuar. Cando hai unha década o primeiro Goberno de Alberto Núñez Feijóo lanzou a súa prometida redución de entes paralelos da Xunta, recorte cuxo aforro vén sendo cualificado como “residual” polo Consello de Contas, estableceu nun decreto de 2012 que o persoal que neles cobrase máis que nos postos equivalentes nos que se recolocase fose igualando o seu salario nun período de seis anos a través dun complemento persoal creado específicamente para ese fin que se reduciría a cero ao longo dese tempo. Unha redución do salario ata igualalo co resto da administración que non comezaría a aplicarse ata que se aprobase formalmente a integración, o que fixo que a demora da Xunta en tramitar eses procesos permitise a ese persoal seguir cobrando o mesmo durante anos. Aquel decreto tamén estableceu que “ao persoal laboral integrado faráselle un recoñecemento de servizos para o cálculo da antigüidade para efectos de trienios, para adecuar a súa antigüidade, en termos de homoxeneidade, co persoal laboral da Xunta de Galicia”.
A reforma legal aprobada polo PP hai medio ano e que agora se aplicará á EPOSH di que o complemento co que o seu persoal cobrará os trienios “permanecerá coa mesma contía independentemente das variacións nos restantes conceptos retributivos e manterase incluso no caso de funcionarización deste persoal laboral integrado”
Durante a última década a Xunta aplicou esas disposicións para integrar ao persoal de varios entes suprimidos, pero foi demorando o caso da EPOSH. Ata que na lei de acompañamento dos orzamentos deste ano a Xunta incluíu unha disposición que sinala que o persoal procedente de entidades instrumentais que se integre como laboral fixo da Xunta e que “en virtude do seu convenio colectivo de orixe, perciba en concepto de antigüidade unhas cantidades superiores ás establecidas polo mesmo concepto” para o resto da administración “terá dereito a un complemento adicional e independente do complemento persoal de integración” establecido no decreto de 2012.
Ese complemento consistirá na diferenza entre os trienios que cobrarían segundo o convenio da entidade de procedencia e os trienios do resto da Xunta, pero a diferencia do que ocorre co salario base que debe igualarse en seis anos, a lei de acompañamento perpetúa no tempo ese complemento: “Permanecerá coa mesma contía independentemente das variacións nos restantes conceptos retributivos e manterase incluso no caso de funcionarización deste persoal laboral integrado”. Isto é, non é que a medida permita que no futuro ese persoal cobre máis que o resto senón que xa cobran máis grazas ao convenio colectivo do seu ente orixinal e a nova disposición perpetúa esa situación. Esa disposición pode aplicarse aos poucos entes suprimidos cuxo persoal aínda está pendente da súa integración formal na administración. E esa integración con eses privilexios é a que agora desbloquea a Xunta para a EPOSH, malia que o Consello de Contas vén criticando as disparidades de soldos no persoal procedente de entes paralelos suprimidos.
A Xunta xa iniciara en 2015 o proceso de integración dese persoal, pero nunca o aprobou definitivamente. Iso permitiu a eses traballadores e traballadoras, medio cento, seguir cobrando máis, xa que a redución progresiva de soldo en seis anos non se comeza a aplicar ata que remata a integración. Pero agora, coa modificación legal para ademais manter intactos os trienios, a Xunta ten que iniciar de novo o proceso. Quere facelo coa Orde que vén de expoñer ao público, na que ofrece ás persoas que xa se inscribiran no anterior trámite o formalismo de renunciar se así o desexan ou, de non facelo, considerar válidas as súas peticións de 2015 pero tramitalas coas novas condicións máis favorables da reforma legal de hai medio ano.
Varios sindicatos xa amosaron as súas críticas ao proceso, aínda que con visións contrapostas. A CIG considera que a nova orde que ofrece a posibilidade de renunciar ao proceso é un “lavado de cara da conselleira [Ethel Vázquez] e do resto de persoal afectado diante do resto de empregados públicos para que desistan agora da integración como persoal laboral fixo da Xunta e por tanto do complemento da vergoña, mais cumpre lembrar que desistir non é o mesmo que renunciar”.
Pola contra CSIF, sindicato que revelou no seu momento que o mantemento dos trienios superiores beneficiaría á conselleira Vázquez así como a outros altos cargos do Goberno galego procedentes da EPOSH -o 10% do seu antigo persoal é hoxe alto cargo, di o sindicato-, considera que a nova Orde impulsada poucos meses despois da modificación legal chega agora porque a Xunta xa ten previsto como seguinte paso para ese persoal a súa funcionarización, un paso máis na súa blindaxe. CSIF tamén cre que a redacción da nova Orde permite ao Goberno galego continuar a tramitación das solicitudes de integración que xa realizaran os interesados en 2015 se non se opoñen expresamente a elas en 15 días, o que evita que agora poida atribuírse ningunha acción expresa de beneficio persoal aos altos cargos aos que apunta. Non se lles pode acusar de nada agora porque o que fixeron, fixérono hai seis anos.
O convenio que privilexia aos enxeñeiros da EPOSH foi aprobado con Feijóo como conselleiro en funcións logo da derrota de Fraga
Como comparación, se no persoal laboral da Xunta cada trienio supón unha contía fixa en todos os grupos de titulación duns 400 euros ao ano, o convenio da EPOSH establecíaos como “un cinco por cento do soldo”, o que eleva a uns 1.700 euros ao ano o trienio como mínimo no caso do grupo I ou a 1.300 euros no grupo II. O convenio da EPOSH que outorgou eses privilexios que agora a Xunta quere perpetuar para os trienios foi asinado o 12 de xullo de 2005, co goberno de Manuel Fraga en funcións, polo daquela presidente da empresa pública, Emilio García Gallego, cuxo cargo dependía directamente do daquela conselleiro de Política Territorial, Alberto Núñez Feijóo, tamén vicepresidente primeiro.
Aquelas condicións fan que hoxe a conselleira Ethel Vázquez, que comezou a traballar na EPOSH en 2003, cobre máis de 13.500 euros ao ano como trienios engadidos ao salario de conselleira, fronte aos 6.800 euros por trienios do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, funcionario do corpo superior da Xunta desde 1985, con case dúas décadas máis de antigüidade. Se Vázquez ou os outros altos cargos da Xunta que antes traballaban na EPOSH deixasen os seus actuais cargos e volvesen aos seus postos de base tras participar no proceso de integración que agora retoma a Xunta, manterían eses trienios máis elevados que os do resto do funcionariado.
Este diario agarda desde o pasado decembro unha resposta da Xunta sobre os motivos da reforma legal impulsada daquela para todos os entes pendentes de integración e que agora permite reiniciar a asimilación do persoal da EPOSH, entre eles de varios altos cargos, con condicións mellores que as do resto do persoal público.