O Goberno galego argumenta que o persoal que cambie de réxime xurídico non pode perder condicións para xustificar que manteña privilexios
A decisión da Xunta de que o persoal de entes paralelos suprimidos se integre na administración xeral mantendo os seus trienios moi superiores aos do resto de traballadores públicos (a diferenza do que ocorre cos seus salarios base que se acabarán igualando nun prazo de seis anos que en moitos casos aínda non comezou) é xustificada pola Consellería de Facenda como unha garantía para que non perdan retribucións.
A argumentación de Facenda en defensa da súa medida é moito máis escueta na memoria que acompaña á modificación legal que a explicación que ofreceu este venres en La Voz de Galicia, e malia que este diario preguntou tamén directamente á consellería por ela, aínda non obtivo ningunha resposta. Na súa argumentación, Facenda equipara a súa decisión para o persoal dos entes paralelos con procesos distintos e independentes como o que ten en marcha de funcionarización do persoal laboral da propia Xunta ou o traspaso nos anos oitenta do persoal sanitario do Insalud estatal ao Sergas para xustificar unha medida que agora quere aplicar á integración do persoal laboral dos entes paralelos como persoal laboral da administración xeral.
Porén, o proceso de funcionarización afecta a persoas que xa traballan na propia administración xeral, con retribucións inferiores ás dos entes paralelos, e inclúe pasar por unha proba para adquirir a condición de funcionario. Pola contra, o proceso de integración de persoal de entes paralelos na administración fará que só coa solicitude do propio interesado a Xunta lle manteña no novo posto as retribucións moi superiores que viña recibindo no ente paralelo, postos sobre os que o Consello de Contas puxo o foco polas dúbidas sobre os procesos de contratación que se seguiron no seu momento.
O argumento da Xunta de manter as condicións dos trienios choca coa medida xa aprobada para o salario base dese persoal que se integre procedente dos entes, que si deberá reducirse progresivamente
A Xunta chega a argumentar que a medida busca a igualdade de trato para todo o persoal laboral fixo malia que o que fará será que o que teña esa condición procedente de entes paralelos cobrará máis por trienios que o que xa tiña esa condición na propia administración xeral. Ademais, o argumento de que o persoal que cambie de réxime xurídico non debe perder condicións retributivas choca coa medida xa aprobada para o salario base dese persoal que se integre procedente dos entes, que si deberá reducirse progresivamente en seis anos, a diferenza do que ocorrerá cos trienios que se perpetuarán máis alá dese período.
A nova medida, chega a argumentar a Xunta, non ampara ningunha suba salarial, cando o que fai é amparar que o soldo moito máis elevado que xa cobra ese persoal se perpetúe. Unha medida que o sindicato CSIF critica como un agravio para o resto de empregados públicos en beneficio de varios altos cargos do Goberno de Feijóo, entre eles a conselleira de Infraestruturas. Fronte a esa situación, di o sindicato, “polo que respecta a calquera mellora das condicións económicas para os empregados desta Administración Feijóo non ten dúbidas á hora de aplicar recortes, amparándose sempre na situación económica de Galicia”.