O Goberno galego eliminou en xaneiro de 2012 a Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos pero ten paralizado o proceso para que os seus traballadores, a maioría enxeñeiros incorporados a Augas de Galicia, igualen os seus salarios, como di a lei
A supresión de entes paralelos da Xunta, os coñecidos como chiringuitos, emprendida hai un lustro polo actual goberno galego, continúa a privilexiar a determinados traballadores orixinarios deses entes con respecto ao resto da administración autonómica. A eliminación en xaneiro de 2012 da Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos (EPOSH) fixo que o seu persoal laboral, unha trintena de persoas, a maioría enxeñeiros, se incorporase de xeito automático a Augas de Galicia, pero catro anos e medio despois, e malia o previsto na lei, seguen a manter os seus antigos soldos, notablemente máis elevados que os dos compañeiros de similar categoría do resto da Xunta, privilexio que seguirán mantendo en maior ou menor medida polo menos outros seis anos máis. A propia Xunta admite esta situación e a demora.
A Lei 16/2010 de Organización e Funcionamento da Administración Xeral Galega (Lofaxga), que entrou en vigor a comezos de 2011, preveu un réxime transitorio para o persoal laboral e os seus soldos nos procesos de supresión de chiringuitos. Persoal laboral que en moitos casos accedeu a eses chiringuitos a través de procesos de selección menos rigoroso que os dos funcionarios da administración central autonómica. Segundo a Lofaxga, unha vez suprimido un chiringuito e incorporado o seu persoal laboral a outros entes ou departamentos da administración autonómica, os soldos de orixe deben ser igualados progresivamente ao longo dun período de seis anos. Durante ese tempo, o persoal laboral procedente dos chiringuitos desaparecidos que neles cobrase menos que na administración xeral comeza a ingresar máis de xeito paulatino ata igualarse nun máximo de seis anos. E o contrario debería pasar nese prazo máximo de seis anos co persoal que no chiringuito cobrase máis, que debe ver rebaixado progresivamente o soldo.
Ese proceso para a homologación dos soldos debe ser impulsado pola consellería competente, actualmente a de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, dirixida por Beatriz Mato, e anteriormente a de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, dirixida de xeito sucesivo por Agustín Hernández e Ethel Vázquez, ela mesma presidenta no seu momento tanto da EPOSH como de Augas de Galicia, na que foi sucedida por Francisco Menéndez, agora director de Infraestruturas.
A cronoloxía é a seguinte: a Lofaxga entrou en vigor en xaneiro de 2011, a Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos (EPOSH) integrouse en Augas de Galicia en xaneiro de 2012 e o Goberno galego non iniciou o proceso administrativo para a homologación dos soldos do persoal laboral procedente do chiringuito suprimido ata abril de 2015. Pero ano e medio despois de iniciarse administrativamente ese proceso, aínda non foi concluído, polo que aínda non comezou a contar o período transitorio de seis anos para a efectiva igualación final dos salarios. Aínda que o proceso administrativo de integración deses traballadores rematase de xeito inmediato, non verían igualado o seu soldo co do resto de persoal laboral autonómico ata finais de 2022, máis dunha década despois da desaparición do chiringuito no que traballaban.
A Xunta tardou máis de tres anos en iniciar o procedemento para homologar os soldos, que aínda tardará un mínimo de seis anos en concluír
Medio Ambiente admite que o procedemento segue “actualmente en tramitación” e “aínda en fase de resolución, pero en absoluto paralizado”. A consellería atribúe a demora na súa finalización “á propia reorganización interna das consellerías e á priorización doutras actuacións en marcha” e asegura que “unha vez rematado o actual periodo en funcións e establecida a nova estrutura da Xunta retomarase o tema co obxectivo de que en seis anos, como marca a orde, se poida facer esa equiparación”.
Mentres, máis dunha trintena de traballadores laborais fixos da EPOSH, a maioría deles enxeñeiros, segue a cobrar notablemente máis que o persoal laboral da mesma categoría no resto da Xunta. Segundo o convenio colectivo do chiringuito agora desaparecido, o seu persoal laboral pertencente ao grupo I de titulados de grao superior cobra un mínimo de 34.390,59 euros brutos anuais, mentres que o persoal laboral do mesmo grupo I no resto da Xunta cobra 25.252,22 euros, cantidades en ambos casos ás que hai que engadir antigüidade e complementos varios. O mesmo sucede co grupo II de titulados de grao medio, cun soldo bruto anual dun mínimo de 25.511,57 euros no caso do persoal laboral procedente da EPOSH fronte aos 21.083,30 euros do persoal laboral do mesmo grupo no resto da Xunta. E así no resto de grupos, coa particularidade de que na EPOSH, polo cometido que cumpría, eran máis abundantes os postos dos grupos I e II. A diferenza nas remuneracións é aínda maior no complemento salarial por trienios de antigüidade. Mentres no persoal laboral xeral é, para todos os grupos, unha contía fixa de 28,82 euros ao mes, o que supón uns 400 euros ao ano, na EPOSH calcúlase como “un cinco por cento do soldo”, segundo o seu convenio, o que o eleva a uns 1.700 euros ao ano como mínimo no caso do grupo I ou a 1.275 euros no grupo II.
O convenio que privilexia aos enxeñeiros da EPOSH foi aprobado con Feijóo como conselleiro en funcións logo da derrota de Fraga
O convenio que lles outorga eses privilexios ata que os seus soldos sexan asimilados ao resto dentro de polo menos seis anos foi asinado o 12 de xullo de 2005, co goberno de Manuel Fraga en funcións, polo daquela presidente da EPOSH, Emilio García Gallego, cuxo cargo dependía directamente do daquela conselleiro de Política Territorial, Alberto Núñez Feijóo, tamén vicepresidente primeiro.
Este non é o único caso no que a Xunta privilexia a determinados traballadores de chiringuitos na súa integración na administración xeral. A finais de 2010 o Goberno galego suprimiu as 34 fundacións comarcais que creara Manuel Fraga nos anos noventa. Os seus traballadores indefinidos foron trasladados a outros entes da Xunta, incluídos a maioría dos ex-xerentes comarcais, entre os que había media ducia de cargos do PP. Nese caso, o Goberno galego non só tardou varios anos en culminar o proceso administrativo de integración do persoal, atrasando así o inicio do período transitorio de seis anos no que os soldos se comezan a igualar paulatinamente, senón que para os ex-xerentes mesmo creou prazas á medida inexistentes ata o de agora en oficinas de emprego nas que poder situalos.