O lanzamento de alertas sobre ocupación ilegal de vivendas está a ser a cerna da liña política da consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do Goberno galego no inicio da nova lexislatura. Tras finalizar o pasado mandato co menor número de pisos protexidos rematados dende que hai rexistros, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez multiplica os actos ao respecto, cadrando coa campaña lanzada pola dirección central do PP que, entre outras accións, inclúe a presentación de iniciativas en todos os concellos advertindo dun suposto incremento deste fenómeno.
Tribunal Superior e Policía sinalan a escaseza de casos pero a conselleira de Vivenda volve asegurar que existe "sensación de impunidade" e "salienta" as ocupacións antes da reunión do Observatorio da Vivenda porque "están dando moito que falar" e "lle preocupa a Galicia"
Mentres o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a Policía sinalan que, cando menos polo momento, as cifras oficiais non se corresponden coa "alerta" política e mediática a respecto -unha situación "paradoxal", para o presidente do TSXG, José María Gómez y Díaz-Castroverde- , a conselleira de Vivenda avanzaba este venres que o gabinete de Alberto Núñez Feijóo se dispón a dar un paso máis. Vai habilitar un "teléfono de información e asesoramento para prexudicados por unha ocupación ilegal". E vaino facer malia admitir a propia Consellería que non manexa "datos reais" sobre a cuestión, pero que si percibe "sensación" de "impunidade".
Ángeles Vázquez lanzou o anuncio antes da xuntanza do Observatorio da Vivenda de Galicia, órgano dependente do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). Antes da xuntanza, Vázquez mencionou que este órgano ía tratar a "estratexia de vivenda cara aos vindeiros anos" para, acto seguido, centrarse no "punto" que desexou "salientar" porque "está dando moito que falar" e "lle preocupa a Galicia", as ocupacións.
Poucos días despois de laiarse de que estas ocupación "non son delito" -en realidade, si están tipificadas en varios artigos do Código Penal como violación do domicilio (allanamiento) ou usurpación-, a conselleira asegura que a Xunta vai "seguir demandando" condenas máis "duras" para quen cometa este delitos e centra as súas queixas en que o Goberno de España, mantén, "refusa dar" datos sobre os casos que se producen. Para o Executivo galego, vén dicir Vázquez, os datos do Ministerio do Interior e do Tribunal Superior non son dabondo porque "nalgúns casos son denuncias que veñen de moi atrás" ou o xulgado "non foi quen de tratalas" ou "tomar unha determinación". [Galicia finaliza a lexislatura con menos vivendas protexidas rematadas dende que hai datos]
Ángeles Vázquez anuncia un "teléfono para prexudicados por ocupacións" e o encargo dun "mapa da ocupación en Galicia" que terá como obxectivo "obter datos reais sobre o problema", evidenciando que polo momento non os ten
"Queremos ter unha visión do que é a situación en si en Galicia", a "realidade absoluta" e por iso, anuncia, vai encomendar aos colexios de Axentes da Propiedade Inmobiliaria e Administradores de Fincas, aos que vén de incorporar ao Observatorio, a "realización dun mapa da ocupación en Galicia, xa que nós dependemos da información que nos dá o Ministerio do Interior e esa información non sempre é a mesma da que dispón a Consellería". "O obxectivo do futuro mapa será obter datos reais sobre o problema da ocupación", conclúe a Xunta, evidenciando deste xeito que, actualmente, non os ten.
Este anuncio chega escasos días despois de que, en declaracións ao xornal La Voz de Galicia, o Colexio de Administradores de Fincas xa anunciara a súa intención de elaborar un "censo" de vivendas ocupadas en Galicia para obter os datos, se ben antes de recompilalos aseguraban estar convencidos de que "cada vez hai máis casos en Galicia". Mentres, a que polo momento é única información oficial ao respecto, apunta a unha diminución de casos dun fenómeno que, atendendo ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, vén tendo unha dimensión notablemente inferior a outros problemas vinculados á vivenda. É o caso, por exemplo, dos casos de desafiuzamento por impagamentos do alugueiro, que o pasado ano multiplicaron por quince os casos de ocupacións ilegais.
O anuncio é tamén paralelo á chegada aos concellos galegos da anunciada moción sobre ocupacións ilegais alentada dende a dirección central do PP. Esta mesma semana, por exemplo, foi debatida no pleno municipal da Coruña, onde foi rexeitada cos votos do PSdeG, Marea Atlántica e BNG.