Galicia finaliza a lexislatura con menos vivendas protexidas rematadas dende que hai datos

A conselleira Ángeles Vázquez e o director do IGVS, na parcela de Santiago onde a Xunta construirá 24 vivendas CC-BY-SA Conchi Paz / Xunta

Este xoves, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou unha parcela no barrio compostelán do Castiñeiriño xunto ao director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García. Ambos amosaron un panel coa recreación do edificio de 24 vivendas de promoción pública que a Xunta se dispón a construír alí, como anunciara unha semana antes -no inicio dos trámites para contratar a obra- e como xa anunciara tamén a conselleira en outubro de 2019, nunha xuntanza co alcalde da cidade.

Os 24 pisos de promoción pública que a Xunta anuncia en Santiago son o mesmo número de vivendas que todas as protexidas finalizadas en Galicia durante a lexislatura que remata

Ese número de pisos de promoción pública, 24, é exactamente o mesmo que o de toda a vivenda protexida -de todos os réximes, non só a promovida directamente pola Xunta- finalizada en Galicia na lexislatura que agora remata. É o máis baixo dende que comeza a serie histórica que recompilan o Ministerio de Transportes -antigo Fomento- e mais o Instituto Galego de Estatística.

Segundo estes datos, o pasado 2019 quedaron rematadas en Galicia apenas 4 vivendas protexidas, a metade que en 2018 e un terzo das finalizadas en 2017. A anterior lexislatura (2012-2016) rematara a construción de 622 vivendas protexidas e na previa, de algo máis de 4.600. No mandato do Goberno de coalición de PSdeG e BNG e en tres dos catro do PP de Fraga, as vivendas protexidas construídas en Galicia foron máis de 10.000 por lexislatura.

No mandato da coalición PSdeG-BNG e en todos os de Fraga agás o primeiro, as vivendas protexidas foron máis de 10.000 por lexislatura

Previsiblemente, no futuro inmediato as cifras remontarán levemente, toda vez que en 2019 foron iniciadas 65 vivendas protexidas, en Galicia, ás que agora se engaden as 24 de promoción pública anunciadas pola Xunta en Santiago. Nas proximidades dese edificio de futura construción, no mesmo barrio, o Goberno galego anunciara en 2014 a construción doutras 36 vivendas a cambio de non levar adiante o proxecto de vivenda pública para mocidade en pleno centro da cidade. Ese proxecto estaba previsto dende os tempos de Fraga, o Goberno de PSdeG e BNG impulsouno e o Executivo do PP de Feijóo chegou a elixir proxecto arquitectónico para el pouco antes de frealo de vez.

O devalo da construción de pisos protexidos non foi compensada coa posta a disposición de vivendas xa existentes para as máis de 14.000 persoas inscritas no rexistro de demandantes de vivenda protexida da Xunta

O pasado 2019 a actual conselleira con competencias en materia de vivenda, tamén cabeza de lista do PP ás eleccións do 12 de xullo, asegurou que finalmente nesa céntrica parcela -na avenida Xoán XXIII, moi preto da Catedral- podería construírse vivenda protexida, pero non atendendo ao proxecto orixinal. Non existiron máis avances polo momento.

A práctica paralización da construción de vivenda protexida en Galicia non foi compensada coa posta a disposición de vivendas xa construídas en cifras significativas para as persoas que demandan este tipo de pisos. Así, por exemplo, o pasado 2018 a propia Xunta admitía que un dos seus plans estrela na materia, o programa de vivendas baleiras, lograra uns "escasos" resultados.

Mentres isto acontece, o número de persoas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida da Xunta segue a aumentar. Neste xuño de 2020 as inscricións nese rexistro chegan ás 14.954 (unhas dúas mil máis que hai apenas dous anos) e unha ampla maioría das persoas inscritas (12.595) desexarían poder acceder a unha vivenda de alugueiro protexida pola Administración galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.