Apenas un mes despois das eleccións municipais que, en maio de 2015, supuxeron un notable devalo para o PP en Galicia, a Xunta comezou a escenificar o que deu en ser alcumado como 'xiro social' do gabinete de Alberto Núñez Feijóo, anunciando un paquete de medidas neste ámbito que despois alargaría coa creación da Consellería de Política Social, encomendada ao ex-alcalde de Ferrol José Manuel Rey Varela ata o pasado setembro, cando a abandonou para volver optar ao bastón de mando ferrolán. Unha das medidas máis subliñadas pola Xunta dentro desa "axenda social" foi o programa de vivendas baleiras, concibido para destinar inmobles deshabitados "ao alugueiro social por parte de familias desfavorecidas". Dous anos despois da súa posta en marcha o proxecto incorporou 16 pisos e adxudicou 7.
Dous anos despois da súa posta en marcha, promocionado pola Xunta como clave no seu 'xiro social', o programa de vivendas baleiras incorporou 16 pisos e adxudicou 7 deles
A base deste programa foi un convenio asinado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en maio de 2016. Neste convenio a asociación municipalista comprometíase a "difundir e promover a incorporación dos concellos" ao Programa de Vivendas Baleiras. Os municipios, segundo o texto, actuarían como intermediarios entre as persoas propietarias dos pisos baleiros e o IGVS, ademais de proporen "o procedemento de selección de arrendatarios e de adxudicación de vivendas" dende o "respecto" aos "requisitos" do programa, tales como priorizar familias atinxidas por un desafiuzamento ou os limiares de renda máis baixos.
O IGVS, pola súa banda, comprometeu no acordo a suscrición dun "seguro multirrisco do fogar" para as vivendas incorporadas e outro de "garantía de cobro da renda e defensa xurídica" en caso de impagamentos por un período máximo dun ano. Os alugueiros non poden exceder os 350 euros na Coruña, Santiago, Vigo, Ourense e Pontevedra, os 250 euros en Lugo, Ferrol e as principais vilas e cabeceiras de comarca e os 200, no resto do país.
O director do IGVS admite que "os resultados son escasos", pero culpa do fracaso aos gobernos das cidades que non se sumaron ao plan
Segundo os cálculos da propia Xunta, entre 2016 e 2019 prevía que se puidesen beneficiar das axudas unhas 600 vivendas, se ben os primeiros balances de concellos incorporados suxerían que o alcance ía ser notablemente menor. Así, por exemplo, o pasado xuño figuraban como adheridos e "con bases reguladoras aprobadas" un total de 53 municipios. Esas escasas cifras foron ratificadas este martes no Parlamento polo director xeral do IGVS, Heriberto García, que a preguntas do PSdeG admitiu que na actualidade "o número de vivendas totais" das que dispón o programa "son 16", das cales "7 están adxudicadas" a familias que as precisan e "tres, en trámites".
"Os resultados son escasos, non o negamos, non cumpren coas expectativas", admitiu o alto cargo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, quen non obstante traslada boa parte da responsabilidade do aparente fracaso do programa aos concellos. Concretamente, aos gobernos das principais cidades galegas. "Unicamente Ourense e Santiago están adheridas" e "o resto das cidades rexeitárono", algo que ao seu xuízo "non parece lóxico" porque nas cidades existe "demanda" de vivendas en alugueiro a baixo prezo e ademais "moitas das candidaturas que hoxe gobernan" concellos urbanos "propoñían programas similares". Segundo García, é "especialmente significativo o caso de Vigo" e, en calquera caso, "calquera solución" aos raquíticos resultados "pasa pola incorporación dos concellos".
O PSdeG insta a "revisar" o programa
María Pierres (PSdeG), lamenta o "esforzo totalmente errado da Xunta, dirixido a adherir os concellos" e non ás persoas propietarias de pisos baleiros
Para a deputada socialista María Pierres, autora da pregunta ao director do IGVS, a Xunta non debera descargar "dubidoso éxito" do programa de vivendas baleiras unicamente nos concellos. Non en van, exemplifica, en comarcas como o Barbanza, onde dogbernos locais se sumaron "con entusiasmo" ao proxecto, aínda non foi adxudicada "ningunha vivenda" e en Ourense, con goberno do PP, non se adxudicou polo momento "nin sequera un piso" polas "deficiencias dos cinco inmobles" ofertados, "rexeitados mesmo habendo 80 demandantes".
A Xunta, segundo Pierres, realizou un "esforzo totalmente errado, dirixido á adhesión dos concellos" que "ademais de ter unha dirección cuestionable, ofreceu uns resultados nefastos". No seu lugar, coida a socialista, debera "incentivar a participación dos propietarios" das vivendas, alén de "contemplar todas as fórmulas para impulsar vivendas de promoción pública". Neste sentido, Pierres coida que "as garantías previstas polo IGVS", como os devanditos seguros, "non son suficientes, máxime coa chegada para quedar das vivendas turísticas". Neste contexto, insta a Xunta a "aprender dos erros" e tras estes resultados "tan negativos", fixarse en exemplos "máis eficaces" a nivel municipal ou noutras autonomías, así como a aplicar os acordos do debate de política xeral en materia de ampliación do parque de vivenda pública. Segundo o rexistro de demandantes de vivenda protexida, a maior parte da poboación que agarda por un destes pisos desexa vivir de alugueiro.