0 Gardados para despois

Os pisos en alugueiro encadean un trienio de subas e o prezo medio na Coruña e Vigo xa rolda os 500 euros

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Un dos principais problemas para obter unha radiografía da evolución do prezo da vivenda de alugueiro en Galicia é a escaseza de fontes de información sobre a súa evolución alén dos informes elaborados por empresas privadas do sector, que adoitan ofrecer índices realizados a partir das súas propias ofertas. O precepto da lei de vivenda do ano 2012 que obriga os propietarios dos pisos a depositaren as fianzas o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) permite, na última media década, bosquexar o panorama do sector, na medida en que as fianzas adoitan ser equivalentes a unha mensualidade do arrendamento.

O alugueiro medio en Galicia xa rolda os 400 euros tras tres anos de subas, segundo o cálculos elaborados polo IGVS a partir das fianzas dos pisos

Malia á existencia de alugueiros alleos ao circuíto legal e de distorsións vinculadas a fenómenos como os pisos turísticos non inscritos no rexistro oficial, as estatísticas elaboradas no Observatorio da Vivenda do IGVS a partir destas fianzas si permiten tirar algunhas conclusións. Entre elas, que o prezo medio do alugueiro en Galicia leva tres anos á alza cun incremento acumulado na contorna do 8%, pasando de pouco máis de 360 euros mensuais en 2015 ata roldar os 400 neste 2018 e cuns incrementos interanuais que no último exercicio completo, o de 2017, xa superan o 3%

O Observatorio da Vivenda reflicte notables diferenzas entre os pequenos concellos e as cidades

Existen, así e todo, notabilísimas diferenzas no custo de alugar unha casa entre os pequenos concellos, as vilas medias e as cidades. Sempre a partir do importe das fianzas o IGVS estima que na primeira metade de 2018 era posible arrendar unha casa nun concello de menos de 5.000 habitantes por menos de 290 euros mensuais, mentres que nos municipios de 5.000 a 20.000 habitantes xa se superan os 300. Na quincena de vilas de 20.000 a 50.000 habitantes os importes xa se aproximan á media galega, con arredor de 350 euros ao mes, e nas sete cidades os prezos xa cruzaron o limiar medio dos 400 euros.

Pero tamén entre as devanditas sete cidades existe unha fenda en canto aos prezos. O alugueiro medio en Ferrol e Lugo non chega aos 340 euros mensuais, aínda por baixo do promedio no conxunto do país, e Ourense achégase a ela. As outras catro cidades xa a superan: Santiago faino por pouco, cuns 418 euros, e Pontevedra máis amplamente, con 437. Os importes máis elevados son os dos dous únicos concellos que se achegan aos 300.000 habitantes: en Vigo e na Coruña arrendar unha vivenda xa custa case 500 euros mensuais, de media.

A tendencia nos alugueiros urbanos no último ano -o prezo medio incrementouse dende 2017 en case 30 euros en Vigo e nuns 20 na Coruña, atendendo aos cálculos realizados a partir das fianzas- convida a pensar que as subas van continuar, especialmente nos centros das cidades. Non en van, o IGVS rexistra que nos barrios vigueses e coruñeses máis céntricos o alugueiro dun piso xa custa máis de 600 euros ao mes. Mentres, Lugo ou Ferrol seguen moi lonxe destes importes medios.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.