0 Gardados para despois

O PP lánzase a parchear recortes sociais que el mesmo aplicou

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A reforma do copagamento farmacéutico, alcumado como medicamentazo foi unha das medidas de recorte social do Goberno do PP máis contestadas socialmente. Aprobada en abril de 2012, en plena vaga de retalladas, esta medida cargouse especialmente sobre o colectivo de pensionistas, que pasaron de financiar os seus fármacos unicamente a través dos impostos a teren que achegar ata 8 ou 18 euros ao mes, en función da renda. Ademais, aquela modificación incrementou o copagamento para as persoas con traballo e para as desempregadas con prestación, mentres que só o eliminou para quen está no paro e non percibe subsidio ningún. Tras o devalo electoral do 24M este recorte aplicado polo PP pasa a engrosar a lista dos que o propio PP anuncia que vai paliar dende a Xunta.

Na liña do anunciado despois das eleccións por Alberto Núñez Feijóo, que tras o Consello da Xunta da pasada semana debullou un informe -non implica aprobar medidas novas- sobre o denominado Plan social contra a desigualdade económica, este martes o vicepresidente, Alfonso Rueda, e a conselleira de Benestar, Beatriz Mato, presidiron unha reunión sobre ese mesmo proxecto. No marco dese encontro o número dous de Feijóo anunciou que o Goberno prevé "propoñer unha ampliación da exención do pago de medicamentos", isto é, paliar un chisco máis o copagamento aprobado polo Executivo central.

Na liña do anunciado por Feijóo tras as eleccións, Rueda avanza que a Xunta paliará un chisco máis o copagamento farmacéutico instaurado polo propio PP

"Agora mesmo non están pagando nada nin os perceptores da Risga nin quen perderon o subsidio de desemprego", di Rueda. Agora, esa "excención total de calquera tipo de copago" chegará tamén "a todas aquelas familias onde os ingresos sexan iguais ou inferiores á contía que determina a percepción da Risga". Este sería o caso, por exemplo, dunha "familia de catro membros" na que só entrasen ao mes "uns ingresos duns 600 euros". "Toda esa xente está agora pagando o 40% dos medicamentos", evidencia.

Os libros de texto

O novo modelo de libros de texto fai convivir o modelo de axudas parciais con outro de préstamo semellante ao que Feijóo eliminou

Os anuncios de Feijóo, Rueda e Mato prodúcense apenas dúas semanas de que, non sen controversia, a Consellería de Educación lanzase o seu novo sistema de axudas de libros de texto, no que convivirán os subsidios parciais vixentes dende 2009 co denominado "fondo solidario" de libros. O novo modelo implica retroceder parcialmente o camiño iniciado a pasada lexislatura, cando o gabinete de Feijóo suprimiu o préstamo universal de manuais escolares apelando á atención ás "familias con menos recursos" e tamén á "pedagoxía", xa que segundo asegurou en varias ocasións o propio presidente, resultaba "lóxico" que o estudantado dos centros públicos puidese acumular libros de texto na súa casa e formar unha "biblioteca familiar" con eles.

En virtude das ordes promulgadas a comezos de xuño por Educación o alumnado que recibise as axudas parciais está agora obrigado a entregar no seu colexio ou instituto os libros que comprase con elas. Eses libros pasan a formar parte do "fondo solidario", que no curso 2015-2016 xa funcionará en terceiro e quinto de Primaria e en secundo e cuarto da ESO. Isto acontece sen que a Xunta aclarase, por exemplo, que acontecerá se os libros dispoñibles non chegan para todo o alumnado que os precise e mentres arrecian as críticas da comunidade escolar, moi especialmente das ANPAS, que durante os últimos anos impulsaron bancos de libros para, precisamente, facerlles fronte aos recortes da Xunta.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.