A falta de fondos leva á Xunta a denegar o 80% das solicitudes de axudas para pagar o alugueiro

Edificio de vivendas en Someso (A Coruña) CC-BY-SA Jose Luis Cernadas Iglesias

Case o 80% das persoas solicitantes ficaron sen axuda "por incumprimento dalgún dos requisitos esixidos" ou "polo esgotamento de crédito da convocatoria"

No verán do ano 2018 a Xunta de Galicia convocou dúas liñas de axudas económicas para o pagamento do alugueiro, unha de tipo xeral e outra destinada especificamente ás persoas de menos de 35 anos, seguindo o Plan estatal de vivenda 2018-2021. O Ministerio de Fomento impulsa e financia a iniciativa, que despois é xestionada por cada comunidade autónoma, que decide se quere aumentar os fondos, algo que Galicia non fixo, a diferenza doutros territorios. O número total de solicitudes foi de ao redor de 12.000, o que desbordou as previsións realizadas polo Goberno galego. Delas, 4.000 foron para a liña destinada a mocidade e as restantes 8.000 para a liña xeral. 

As convocatorias foron acumulando importantes atrasos. Primeiro resolveuse a liña de axudas dirixida á mocidade (dotada con 700.000 euros), que tan só chegou a 331 persoas, menos dun 10% das que a solicitaran. A outra liña, de tipo xeral, vén de resolverse con máis dun ano de atraso, e fíxoo confirmando as limitacións da convocatoria, por mor da falta de fondos. Das oito mil solicitudes presentadas, tan só 1.863 obtiveron a axuda, un 23,3% do total. O resto, ben "por incumprimento dalgún dos requisitos esixidos", ben "polo esgotamento de crédito da convocatoria", ficaron sen ela. 

Barrio de San Roque, en Pontevedra CC-BY-SA Juantiagués

En conxunto, das ao redor de 12.000 solicitudes presentadas para as dúas liñas de axudas, tan só se concederon 2.194 subvencións, un 18,3% do total

En conxunto, das ao redor de 12.000 solicitudes presentadas para as dúas liñas de axudas, tan só se concederon 2.194 subvencións, un 18,3% do total.

O pasado mes de setembro a portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, María Pierres, criticou no Parlamento a xestión das axudas realizada polo Goberno galego, tanto polos importantes atrasos na súa resolución, como pola decisión de non achegar fondos propios, a diferenza doutras comunidades autónomas. Pierres denunciou que mentres as axudas ao alugueiro en Galicia son de 3,7 millóns de euros, en comunidades con menos poboación, como Aragón ou Castela-A Mancha, as cifras ascenden a 8,9 e 11,45 millóns, respectivamente. Isto permitiu que na comunidade manchega as axudas chegasen a máis de 5.000 familias (o 100% das que o solicitaran) e que en Aragón a porcentaxe fose de máis do 50%. Nestes dous territorios, ademais, a resolución completouse nun prazo moi inferior ao de Galicia.

Condicións máis duras na convocatoria de 2019

Fronte aos 3,7 millóns de euros de Galicia, en comunidades con menos poboación, como Aragón ou Castela-A Mancha, as partidas para as axudas ascenden a 8,9 e 11,45 millóns

Nese mes de setembro a Xunta publicou no DOG as bases reguladoras para a segunda convocatoria destas axudas, unha convocatoria na que chamaba a atención o endurecemento das condicións esixidas para acceder a elas. No ano 2018 podían solicitalas aquelas persoas cuxos ingresos se situaban entre 0,7 e 2,5 veces o IPREM (537,84 euros), isto é, entre 376 e 1.344 euros mensuais. Porén, na convocatoria deste ano o novo límite máximo establécese en dúas veces o IPREM. É dicir, que só poden beneficiarse das axudas as persoas que ingresen menos de 1.075 euros mensuais, ficando fóra aquelas que gañen entre 1.076 e 1.344 euros mensuais.

Os requisitos máis selectivos aplicados pola Xunta poden reducir o número de solicitudes na convocatoria de 2019, que mantén a limitación orzamentaria de 2018, destinando neste caso 2 millóns de euros para as axudas de tipo xeral e 1,5 millóns para a liña de axudas á mocidade. As axudas de ambas as dúas liñas concederanse por un prazo máximo de 3 anos, e deben ser renovadas anualmente polas persoas beneficiarias.

Imaxe de Vigo dende a ría CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.