Hai xa un tempo que nas cidades galegas se está a vivir un importante incremento dos prezos dos alugueiros. Segundo as cifras achegadas pola Xunta de Galicia a través do seu Observatorio da Vivenda, o prezo medio dun alugueiro na Coruña ou Vigo (as dúas urbes máis caras) achégase xa aos 500 euros, un custo que xa está sendo moi superior nos novos contratos. Pontevedra e Santiago roldan os 450 euros, Ourense sitúase nos 400 e Lugo e Ferrol nos 350.
Dende decembro 2016 ata xullo de 2019, os prezos subiron entre un 13% e un 16% na Coruña, Pontevedra, Vigo, Ourense e Compostela e algo menos (un 7% e un 9%) en Ferrol e Lugo
Porén, nas sete cidades os prezos estanse a encarecer notablemente. Dende decembro 2016 ata xullo de 2019, os prezos subiron entre un 13% e un 16% na Coruña, Pontevedra, Vigo, Ourense e Compostela e algo menos (un 7% e un 9%) en Ferrol e Lugo.
A tendencia alcista non se detén e nos últimos 12 meses (entre xullo de 2018 e xullo de 2019) os prezos subiron un 7% en Lugo, un 6% en Santiago, un 5% na Coruña, un 4% en Vigo e Pontevedra e un 3% en Ourense e Ferrol. Ascensos moi por riba do IPC e da propia evolución dos salarios.
Os datos oficiais achegados pola Xunta a través da análise das fianzas depositadas amosan ademais que determinados barrios das urbes galegas (sobre todo os máis céntricos) están a sufrir incrementos de prezos aínda maiores, mentres que noutras partes das cidades os alugueiros experimentas menos subas. Vivir en determinadas zonas das nosas cidades estase a converter en algo que cada vez menos persoas se poden permitir.
O distrito 15004 da Coruña (o Ensanche entre Riazor e a Praza de Galicia) é o máis caro, con prezos medios que se achegan xa aos 700 euros
O distrito 15004 da Coruña (o Ensanche entre Riazor e a Praza de Galicia) é o máis caro, con prezos medios que se achegan xa aos 700 euros (697,3). O seguinte barrio máis caro tamén é coruñés, o distrito 15003 (Pescaría e Orzán), que tamén supera os 650 euros.
Outros barrios da Coruña e Vigo superan amplamente os 500 euros de media nos seus alugueiros. Son na cidade herculina o 15005 (Falperra e Ensanche ao redor da Praza de Vigo) e o 15001 (Cidade Vella). E na cidade olívica o 36201 (que abrangue as principais rúas do seu Ensanche, como Rosalía de Castro e García Barbón), o 36208 (de Coia a Bouzas) e o 36203 (O Castro e Gran Vía).
Con todo, a suba de prezos nos últimos anos está facendo que este problea tamén se dea no centro doutras cidades, como Santiago e Pontevedra, que tamén chegaron xa aos 500 euros de media nos distritos 15701 (Ensanche compostelán) e 36001 (centro do casco vello pontevedrés).
Determinados barrios das urbes galegas (sobre todo os máis céntricos) están a sufrir incrementos de prezos aínda maiores
No centro das cidades galegas, o incremento de prezos estase a acelerar nos últimos tempos. Dende xullo do ano pasado hai barrios nos que os alugueiros se encareceron máis dun 15%. Un dos distritos no que máis subiron os alugueiros no último ano foi o 15001 da Coruña (+19%), que abrangue a Cidade Vella, un espazo que hai un ano foi peonalizado, o que se converteu nun atractivo que puido encarecer os prezos. O incremento foi mesmo superior no 32003 de Ourense (nas proximidades da Rúa do Paseo e o Parque de San Lázaro), cunha suba do 22%.
Destaca tamén o 27001 de Lugo (no interior das murallas), cun crecemento do 17%, o mesmo que o 15705 de Compostela (Galeras, Salgueiriños, parte da Zona Vella). No 32004 de Ourense (ao redor do Campus e da Avenida da Habana) e o 15703 compostelán (Barrio de San Pedro, Pexigos...) os prezos tamén creceon un 16%.