Compostela foi pioneira na peonalización do seu casco histórico, un proceso iniciado nos anos 80 e que nos 90 se estendeu á meirande parte da zona vella da cidade. Despois, Pontevedra fixo desta política un dos seus sinais de identidade, unha actuación pola que obtivo un recoñecemento xeneralizado. Tamén Lugo e Ourense converteron en peonís boa parte das rúas dos seus cascos históricos e igualmente Ferrol peonalizou a pasada década algunhas rúas, un proceso no que o actual goberno quere avanzar. Dende este luns 25 de xuño, a cidade vella da Coruña é completamente peonil, unha vella demanda dunha gran parte da veciñanza e que completa un traballo de varios meses, que acompaña a prohibición para circular e aparcar cun plan de revitalización do barrio e coa posta a disposición dos e das residentes de 248 novas prazas de aparcamento, que compensan as 200 que desaparecen nas rúas interiores.
Este luns aínda se ve un gran número de vehículos estacionados nas rúas xa peonís, aínda que dende o Concello se indica que "a Policía Local está falando cos veciños e as veciñas para que os retiren". "Temos fixado un proceso de adaptación, que vai ser breve, para non ter que recorrer a sancións”, sinala o alcalde Xulio Ferreiro, que destaca que “non hai marcha atrás no proceso, no que hai un consenso amplísimo. Era unha anomalía que a Cidade Vella tivera vehículos aparcados. Levamos moitos anos agardando por unha medida que non era doada, pero que se conseguiu hoxe", engade o rexedor.
“Non hai marcha atrás no proceso, no que hai un consenso amplísimo. Era unha anomalía que a Cidade Vella tivera vehículos aparcados"
O plan de dinamización impulsado polo Concello abrangue todas as áreas, non só mobilidade, senón tamén aspectos como o comercial ou o cultural. Ferreiro apund que A Coruña debe “aproveitar a experiencia doutras cidades e ir dando pasos para evitar algunhas inconveniencias”. Entre elas refírese a unha posible turistificación que expulse á veciñanza. “Non temos risco de que isto suceda a curto prazo, pero temos que poñer as bases para que non pase a longo, polo que modificamos as axudas á rehabilitación que duplican as contías para propietarios e propietarias e comerciantes da zona PEPRI, e introduce criterios de renda para axudar a asentar a poboación e evitar a xentrificación do barrio”, explica.
A peonalización acompáñase dun plan de revitalización do barrio, con axudas á rehabilitación e para o asentamento de poboación permanente
O plan de peonalización inclúe controis de acceso ao barrio e tamén descontos de ata o 50% nos tres aparcadoiros subterráneos das proximidades á cidade vella. Un total de 800 vehículos, entre residentes e traballadores e traballadoras, e que contan dun distintivo especial, están autorizados a circular e parar durante un máximo de 15 minutos. Así mesmo, haberá actuacións de mellora do enlousado e outras obras no interior do barrio, cambios no sentido da circulación nas rúas adxacentes e modificacións nas liñas de autobús que chegan ao lugar. O obxectivo, segundo o Concello, é "rachar co illamento da Cidade Vella, actuar sobre os seus bordos e mellorar a súa calidade urbana, xa que vai xerar novos espazos peonís, permitir a ampliación de beirarrúas e solventar puntos negros actuais".