O prezo dos novos alugueiros en Vigo e A Coruña rolda xa os 600 euros

Edificios de vivendas en Vigo Dominio Público Xunta

O Observatorio de Vivenda e Solo do Ministerio de Fomento vén de publicar un Boletín Especial centrado no mercado do alugueiro de vivenda, que ofrece datos sobre o número total de inmobles en arrendamento nas localidades de máis de 25.000 habitantes, a súa antigüidade e prezo. E, así mesmo, sobre os prezos aos que se están ofrecendo neste momento as vivendas baleiras, valores obtidos de portais inmobiliarios como Fotocasa ou Idealista.

No conxunto de vivendas alugadas, Vigo e A Coruña presentan os prezos máis elevados: 5,8 e 5,4 euros por metro cadrado, o que para un piso tipo de 90 m2 supón un alugueiro mensual de 535 e 505 euros, respectivamente

O propio Ministerio de Fomento destaca no seu boletín que este sector contou habitualmente con moita menos información da que existía sobre o mercado de compra-venda, polo que este informe busca completar unha eiva histórica. No conxunto do Estado, tan só o 16,9% dos fogares é unha vivenda de alugueiro, unha porcentaxe que vén medrado moi de vagar e que se sitúa lonxe de boa parte dos países da UE. En Galicia proporción é mesmo inferior (11,2%).

O boletín achega datos sobre os inmobles alugados ou en oferta de alugueiro de 17 cidades e vilas galegas. E permite constatar a realidade da que xa daba conta o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) a partir da estatística de fianzas depositadas. No conxunto de vivendas alugadas, Vigo e A Coruña presentan os prezos máis elevados: 5,8 e 5,4 euros por metro cadrado, o que para un piso tipo de 90 metros cadrados (a media en Vigo é de 92 m2 e na Coruña de 93 m2) supón un alugueiro mensual de 535 euros en Vigo e 505 na Coruña.

Os inmobles dispoñibles para ser alugados en Vigo ou A Coruña neste ano 2018 roldan xa os 6,8 euros por metro cadrado, o que supón un prezo mensual de 612 euros para un piso medio

Por detrás aparecen Compostela (5,1), Pontevedra (4,5) e Ourense (4,2), é dicir, 494 euros en Santiago, 458 en Pontevedra e 407 en Ourense. E a moita distancia fican Lugo (376 euros) e Ferrol (355 euros). No medio xorden algunhas grandes vilas, con prezos mesmo superiores aos dalgunhas cidades, como Oleiros (4,2), Culleredo (4,2), Cangas (3,8), Vilagarcía (3,7), Redondela (3,7), Arteixo (3,6) ou Ames (3,5), uns alugueiros mensuais entre 300 e 400 euros.

O informe do Observatorio explorou tamén as vivendas que durante os últimos meses estiveron en oferta nalgúns dos principais portais inmobiliarios, como Fotocasa ou Idealista, o que permite coñecer os prezos aproximados que presentan os novos alugueiros, notablemente superiores aos prezos globais do conxunto de vivendas alugadas en cada localidade. Así, por exemplo, os inmobles dispoñibles para ser alugados en Vigo ou A Coruña neste ano 2018 roldan xa os 6,8 euros por metro cadrado, o que para un unha vivenda de 90 metros cadrados supón un prezo mensual de 612 euros.

Lugo e Ferrol son as cidades cos prezos máis reducidos

Oleiros e Culleredo sitúanse en 5,9 euros por metro cadrado (531 euros) e inmediatamente despois aparecen Compostela (5,8) e Pontevedra (5,4), roldando os 500 euros, e Ourense (4,8, uns 432 euros mensuais). De novo Lugo e Ferrol son as cidades cos prezos máis reducidos (4,4 euros, uns 400 euros en total), por debaixo mesmo de Vilagarcía (5,1) e Ames (4,8).

O prezo dos alugueiros en Galicia acumula xa tres anos consecutivos de subas

Segundo os datos oficiais do IGVS das fianzas depositadas ata o 31 de xullo de 2018, o prezo dos alugueiros en Galicia acumula xa tres anos de subas. Este incremento non é homoxéneo en todos os lugares do país. Mentres a media galega vén experimentando alzas de entre o 2 e o 3 por cento (2,67% en 2016, 3,33% en 2017 e 2,60% en 2018), nalgunha das cidades esta subida roldou o 6% neste ano, por exemplo en Vigo, A Coruña, Pontevedra e Ourense.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.