Vigo, A Coruña, Pontevedra e Ourense encabezan o encarecemento dos alugueiros

Vista xeral dos barrios do Couto e A Ponte, en Ourense CC-BY-SA Quico

O prezo dos alugueiros acumula tres anos de subas en Galicia, segundo os datos oficiais do IGVS das fianzas depositadas ata o 31 de xullo de 2018. Porén, este incremento non é homoxéneo en todos os lugares do país. Mentres a media galega vén experimentando alzas de entre o 2 e o 3 por cento (2,67% en 2016, 3,33% en 2017 e 2,60% en 2018), nalgunha das cidades esta subida roldou o 6% neste ano, cando menos en Vigo, A Coruña, Pontevedra e Ourense. Compostela creceu algo máis do 2% e en Ferrol e Lugo os prezos apenas se moveron. Aínda que o indicador das fianzas non é exacto (pode haber vivendas que esixan unha fianza maior que un mes de alugueiro), si que amosa unhas tendencias confiables sobre a evolución dos prezos da vivenda

A suba no último ano rolda o 6% en Vigo, A Coruña, Pontevedra e Ourense

Precisamente Ferrol (335 euros) e Lugo (340) presentan os alugueiros máis económicos entre as sete cidades, moi por debaixo dos 387 euros de Ourense, que no último ano viu crecer o prezo medio en máis de 21 euros. En Compostela o prezo medio xa acada os 418 euros e en Pontevedra os 438 (cunha suba de 25 euros no último ano). As cidades meirandes, Vigo e A Coruña, presentan os valores máis elevados, achegándose aos 470 euros, cun incremento maior en Vigo ao longo dos últimos meses.

O valor medio das fianzas depositadas no conxunto de Galicia é de 395,2 euros, cun incremento do 2.6% dende os 385,2 euros do ano anterior. Nas sete grandes cidades este indicador supera xa os 400 euros (408,2), dende os 392,8 do 2017. As vilas de máis de 20.000 habitantes e aquelas que se sitúan entre 5.000 e 20.000 mil tamén experimentan subas, aínda que menores, chegando aos 353 e aos 315 euros, respectivamente.

As localidades de menos de 5.000 habitantes ven descender o prezo medio dos seus alugueiros, que no último ano pasaron de 286,6 a 283,5 euros

Pola contra, as localidades de menos de 5.000 habitantes ven descender o prezo medio dos seus alugueiros, que no último ano pasaron de 286,6 a 283,5 euros. Cómpre salientar que estes concellos, case a metade do total (140), suman apenas 486 das 15.515 fianzas depositadas no que levamos de ano. As sete cidades, en cambio, acumulan máis de 9.000 fianzas.

Os distritos 15004 e 15003 da Coruña e o 36201 de Vigo son os que teñen os alugueiros máis elevados en toda Galicia

O IGVS ofrece datos, igualmente, sobre os barrios máis caros para alugar unha vivenda en cada unha das sete cidades, con datos delimitados en función do seu código postal. Destacan, por exemplo, o 15004 da Coruña (619,6 euros de media), o 36201 de Vigo (554,8), o 36001 de Pontevedra (490,1), o 15701 de Santiago (497,7), o 32003 de Ourense (427,5), o 27002 de Lugo (360,8) e o 15402 de Ferrol (368), tomando como referencia aqueles distritos que contan cun número elevado de fianzas depositadas. Iso si, os sete distritos cos prezos máis elevados están na Coruña e Vigo, que suman 16 dos 20 valoren máis altos na Galicia urbana.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.