O prezo dos alugueiros na Coruña e Vigo creceu un 30% nos dous últimos anos

Edificios de vivendas en Vigo Dominio Público Xunta

O prezo dos alugueiros está a dispararse nas cidades galegas. Segundo os datos ofrecidos polo Observatorio da Vivenda da Xunta, dende o 2016 o importe mensual medio dos contratos creceu un 31% na Coruña e un 27% en Vigo. Noutras dúas urbes o crecemento foi igualmente importante, aínda que inferior: nos últimos dous anos os prezos aumentaron un 15,3% en Compostela e un 21,5% en Pontevedra, confirmando as tendencias que xa se viñan apuntando. Mentres, os prezos permaneceron relativamente estables en Ourense (+3%). E, finalmente, Lugo (-7%) e Ferrol (-16,5%) mesmo rexistraron un descenso notable.

Vigo (481 euros) e A Coruña (477) son as cidades máis caras para alugar e dentro delas algúns barrios roldan os 600 euros de media

Vigo (481 euros) e A Coruña (477 euros) son as cidades máis caras para alugar e dentro delas algúns barrios roldan e mesmo superan os 600 euros de media, como veremos. Pontevedra (443) e Compostela (425) sitúanse nun segundo nivel, por riba de Ourense (386), Lugo (350) e Ferrol (329). O pasado mes de outubro o Observatorio de Vivenda e Solo do Ministerio de Fomento revelou que o prezo dos novos alugueiros en Vigo e A Coruña roldaba xa os 600 euros.

A estatística ofrecida polo Instituto Galego de Vivenda e Solo revela que os prezos case non variaran entre 2014 e 2016 e que dende entón iniciaron unha escalada que deixou o prezo medio dos alugueiros no conxunto de Galicia nos 402 euros (413 nas sete cidades), cando en 2016 se situaban por debaixo dos 375 euros.

A Coruña (+31%), Vigo (+27%), Pontevedra (+21,5%) e Compostela (15,3%) son as urbes que encareceron máis os prezos

Os datos do Observatorio Galego, que recollen información de case 30.000 contratos de vivenda, amosan como entre 2014 e 2018 variou notablemente o tipo de alugueiro máis habitual. Así, en 2014 no conxunto de Galicia o 35% dos contratos eran de 300 euros mensuais ou menos, unha porcentaxe que no 2018 descendera ata o 27%. Pola contra, os contratos por riba de 400 euros pasaron de representar o 25% do total a ser o 36%.

Precisamente este martes debateuse no Congreso un real decreto de vivenda proposto polo Goberno central que buscaba ampliar de tres a cinco anos o prazo dos contratos de alugueiro. Porén, a negativa do Executivo de Pedro Sánchez a incluír mecanismos que puxesen límite ao forte incremento dos prezos que se está dando en moitas cidades fixo que finalmente Unidos Podemos, En Comú Podem, En Marea, ERC e Bildu rexeitasen apoialo, o que impediu a súa aprobación.

Máis de 500 euros de media no centro de Vigo, A Coruña e Santiago

O distrito coruñés 15004 é o barrio máis caro para vivir en Galicia, cun prezo medio que en 2018 se situou nos 626 euros

Aínda que o importe medio dos alugueiros nas cidades galegas se move entre os 329 e os 481 euros, en determinados barrios, sobre todo os máis céntricos, os prezos superan amplamente os 500 euros. O distrito coruñés 15004 (entre a praia de Riazor e Praza de Galicia) é o barrio máis caro para vivir en Galicia, cun prezo medio que en 2018 se situou nos 626 euros. A continuación aparece o tamén herculino15003 (A Pescadaría), con 579 euros. No último ano os prezos creceron alí un 4,1% e un 9,7% respetivamente.

O centro de Vigo tamén presenta alugueiros moi elevados, especialmente o 36201 (que abrangue as principais rúas do seu Ensanche, como Rosalía de Castro e García Barbón) e o 36208 (de Coia a Bouzas), con prezos que no 2018 chegaron aos 565 e aos 553 euros respectivamente, e con ascensos aínda maiores: 8,5% e 12,9%.

No centro de Vigo os prezos medraron un 10% no último ano

Outros distritos coruñeses como o 15005 (Ensanche e Falperra) e o 15001 (Cidade Vella) acadan os 537 e os 532 euros, con ascensos do 6% e do 2%. E tamén superan amplamente os 500 euros os distritos vigueses 36212 (Navia e Alcabre), 36203 (O Castro e Gran Vía) e 36211 (nas proximidades da Praza da Independencia e da Avenida das Camelias), cun aumento no último ano entre o 7% e o 11%.

Fóra da Coruña e Vigo o barrio máis caro é o Ensanche compostelán (15701), cun importe medio de 503 euros e un encarecemento no último ano do 8%. Un pouco máis abaixo aparece o 15706 (Conxo e San Marta) con alugueiros situados en 458 euros e un aumento no último ano do 6%.

Fóra da Coruña e Vigo o barrio máis caro é o Ensanche compostelán (15701), cun importe medio de 503 euros e un encarecemento no último ano do 8%

En Pontevedra, os distritos máis caros son o 36001 e o 36003, que abranguen a maior parte do centro da cidade, cun alugueiros medios de 486 e 480 euros.

Os prezos nas outras tres cidades son máis reducidos. En Ourense o distrito 32003 (nas proximidades da Rúa do Paseo e o Parque de San Lázaro) sitúase nos 431 euros. En Lugo o 27001 (no interior das murallas) chega aos 384 euros, nun incremento do 10%. Finalmente, en Ferrol o 15401 (o barrio da Magdalena) está en 360 euros.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.