Nos primeiros anos da crise falar de desafiuzamentos e de lanzamentos era falar, en boa medida, de hipotecas, de familias que perdían a vivenda na que comezaran a investir, de enormes débedas que nin sequera podían compensar abandonando o inmoble, cunha dación en pago que se converteu nunha das grandes reivindicacións sociais do momento.
O número de desafiuzamentos e lanzamentos relacionados co impagamento de alugueiros leva anos crecendo
Dende hai varios anos asínanse moitas menos hipotecas, pero o problema dos desafiuzamentos persiste. De feito, no primeiro trimestre deste ano producíronse un total de 648 lanzamentos inmobiliarios, é dicir 648 familias que tiveron que abandonar a súa vivenda por non poder facer fronte ao seu pagamento, máis de 7 cada día. A cifra mantívose estable nos últimos seis anos, sen apenas variacións.
Porén, dende hai anos a maior parte dos lanzamentos non teñen relación cos impagamentos das cotas hipotecarias e si cos alugueiros. No primeiro trimestre foron o 73%, 502 dos 648 lanzamentos totais, mentres que os que tiñan a súa orixen en hipotecas non pagadas foron apenas o 16%, debéndose o 11% a outros motivos.
Esta tendencia avanza en paralelo co encarcemento dos alugueiros en Galicia
A porcentaxe de desafiuzamentos e lanzamentos relacionados co impagamento de alugueiros leva anos crecendo e, por exemplo, no ano 2013 representaba o 58% do total, quince puntos menos que na actualidade. Pola contra, os relacionados coas hipotecas reducíronse á metade nos últimos dous anos.
Esta tendencia avanza en paralelo co encarcemento dos alugueiros en Galicia, especialmente nas áreas urbanas e, sobre todo, nos barrios céntricos das cidades. Dende o 2015 o prezo medio dos alugueiros nas cidades galegas medrou máis dun 15%, especialmente en Vigo e A Coruña. O crecemento acelerouse no último ano nos centros urbanos, cun gran número de barrios que rexistran aumentos do 15% en só 12 meses.