Dende que o pasado ano comezou a funcionar o Observatorio da Vivenda, as súas estatísticas permiten facer un seguimento da evolución dos prezos dos alugueiros, un indicador que ata ese momento non era público e sobre o que era difícil coñecer datos fiables. Os valores das fianzas depositadas no IGVS permiten coñecer con máis exactitude os prezos que se están fixando nos novos contratos, constatando o incremento sen freo que nos últimos anos está rexistrando o prezo da vivenda alugada en Galicia.
Os prrezos nas vilas de 20.000 a 50.000 habitantes están a subir a un ritmo semellante ao das cidades
Os últimos datos publicados, correspondentes aos tres primeiros meses deste ano, amosan que o encarecemento dos alugueiros continúa a darse en toda Galicia, tanto nas zonas urbanas como nos concellos máis pequenos. O importe medio sitúase xa nos 407,7 euros, un 12,4% máis que no ano 2015.
A suba é máis importante nas sete cidades, onde o prezo medio pasou de 387 a 449 euros, un encarecemento do 16%. Aínda que nas vilas entre 20 e 50.000 habitantes a suba foi semellante á media galega e inferior á rexistrada nas cidades, o gráfico amosa como dende o ano 2017 os prezos experimentaton un crecemento moi importante, dun 8% en só 15 meses, semellante ao das urbes.
Vigo e A Coruña seguen as ser os lugares con alugueiros máis elevados, seguidos de Pontevedra
Vigo e A Coruña seguen as ser os lugares con alugueiros máis elevados, cun importe medio de 483 euros e unha suba dende o ano 2015 do 17,5% e do 16,7% respectivamente. Por detrás, a terceira cidade máis cara para alugar é xa Pontevedra, cun prezo de 452 euros e unha suba do 25,2%. Santiago, con 436 euros, é a seguinte.
Por debaixo de 400 aparecen Ourense e Lugo, onde os prezos están a subir a un ritmo moi semellante ao de Vigo e A Coruña. A cidade con alugueiros máis baratos e, ademais, onde menos soben é Ferrol.
O distrito 15003, na Coruña (A Pescadaría) foi o que nos tres primeiros meses do ano presentou os prezos máis elevados, por riba dos 700 euros
O Observatorio da Vivenda ofrece tamén datos por distritos nas cidades. E, ao igual que vén sucedendo nas últimas actualizacións deste indicador, determinados barrios da Coruña e Vigo seguen a ser os máis caros para vivir, sobre todo na cidade herculina.
En concreto, o distrito 15003, na Coruña (que podemos identificar co barrio da Pescadaría) foi o que nos tres primeiros meses do ano presentou os prezos máis elevados, por riba dos 700 euros. Por detrás aparece o tamén coruñés 15004 (entre a praia de Riazor e Praza de Galicia), con 671 euros de media, e o 15001 (Cidade Vella), con 627 euros. O cuarto barrio máis caro atópase en Vigo, o distrito 36203 (O Castro e Gran Vía), tamén por riba dos 600 euros.