O dereito á vivenda estivo no centro do debate público durante os peores anos da crise por mor do incremento dos desafiuzamentos. Tras o brusco peche da billa dos excesos do crédito bancario e despois de media década de recesión económica os desafiuzamentos minoraron a súa cantidade e tenderon e concentrarse entre a poboación que vive de alugueiro. Mentres, incorpóranse ao debate público sobre o dereito a vivenda novos elementos como a proliferación de pisos de uso turístico que contribúen a inchar os prezos e dificultan o acceso para fins residenciais. E ao tempo, en Galicia unhas 8.000 persoas teñen formuladas solicitudes formais de acceso a unha vivenda alugada con protección da Xunta.
O Consello de Ministros vén de aprobar o novo Plan Estatal de Vivenda con axudas o alugueiro
Con este pano de fondo o pasado venres o Consello de Ministros aprobaba o Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, un proxecto do que o Goberno de España destaca, precisamente, o novo paquete de axudas ao alugueiro. As principais son achegas de ata 600 euros ao mes -e "excepcionalmente", ata 900 euros, pensado para contornas con prezos máis elevados- que cubran un máximo do 40% do prezo do piso, límite que pode chegar ao 50% do importe da renda para menores de 35 e maiores de 65 anos. Estes subsidios circunscríbense, así e todo, para unidades familiares nas que os ingresos máximos non cheguen ao triplo do IPREM, isto é, pouco máis de 1.600 euros ao mes. No caso dunha parella, por exemplo, dous soldos superiores a 800 euros xa superarían este limiar.
Sete de cada dez demandantes de vivenda protexida en Galicia desexan alugar e a proporción elévase ao 90% ao incluír as peticións de arrendamento con opción de compra
Mentres este programa se pon en marcha -terá efectos retroactivos dende o 1 de xaneiro- en Galicia a principal radiografía de demanda de vivenda en alugueiro é a que ofrece o Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida. Este rexistro, dependente da Xunta, incluía con data deste 12 de marzo -actualízase a diario- algo menos de 12.000 solicitudes das que sete de cada dez son para vivendas en alugueiro. A proporción elévase ata case o 90% tendo en conta as máis de 2.000 persoas que quererían alugar unha vivenda protexida con opción de compra. Este volume de solicitudes contrasta coa oferta, composta por un parque de arredor de 3.500 vivendas protexidas en alugueiro fundamentalmente dirixidas a "familias con baixos recursos", segundo datos do propio Goberno galego de comezos deste ano.
A reserva de solo para vivenda protexida nos concellos de máis de 5.000 habitantes quedou en 2018 por baixo do 5%
Estas cifras danse nun contexto no que o solo que os plans urbanísticos dos concellos de máis de 5.000 habitantes deben reservar para vivenda protexida volve baixar en Galicia. Este baremo, que a Xunta publica cada ano baseándose nunha fórmula que ten en conta factores como o número de habitantes e as solicitudes do devandito Rexistro de Demandantes, quedou para este 2018 nun valor medio do 4,93%, por baixo do 5,5% do 2017 e a gran distancia do establecido na lei de medidas urxentes de vivenda e solo do ano 2008. Aquela norma fixaba o limiar no 40% e o PP considerara dende a oposición que se trataba dunha limitación propia da Unión Soviética que ademais, argumentara, ía subir os prezos. Nesta liña, modificouno tras chegar á Xunta.
Con actual sistema de cálculo menos dunha ducia de concellos están por riba da media galega en canto a solo reservado para vivenda protexida. Un ano máis a maior porcentaxe é a de Vigo, co 12,7%, seguido por Ferrol, Pontevedra, Brión e A Coruña, con máis do 8%, e por Lugo e Santiago, por riba do 7%.
A oposición parlamentaria e concellos gobernados por forzas diferentes do PP sinalan estes e outros indicadores como exemplo dunha política de vivenda que consideran errónea e que, sinalaron nos últimos días, o novo plan estatal non vai poder emendar, toda vez que o modelo de subvencións pode propiciar que a 'burbulla' dos prezos do alugueiro inche aínda máis. Dende a Xunta, non obstante, esgrímese que están en funcionamento programas como o de Vivendas Baleiras, ou o Bono Alugueiro Social -200 euros durante 3 anos para persoas sen recursos-, que segundo detallou recentemente a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, beneficiou a "preto de 500 familias en risco de perder a súa vivenda ou con dificultades para acceder a un fogar".
O Goberno galego esgrime plans como o de Vivendas Baleiras ou as axudas á rehabilitación para xustificar a escasa aposta pola construción de vivenda pública
O Goberno galego alega tamén o feito de que nos últimos meses apostou pola rehabilitación de casas para a súa posta á disposición como vivenda protexida e que reactivou a promoción de vivenda pública con, por exemplo, o inicio dos trámites para construír 40 pisos na Coruña. Así e todo, este e outros anuncios como os relativos á recuperación de pisos en centros históricos, chegan despois de case unha década de devalo no orzamento público para a construción de vivenda protexida, que pasou de máis de 50 millóns de euros en 2009 a apenas 3 en 2017, ano tras o cal iniciou unha leve recuperación, ata os 7 millóns de euros do presente 2018.
Xunta e PP galego atribúen estes escasos recursos para a promoción de vivendas públicas á súa aposta política pola rehabilitación e reutilización de vivendas baleiras. Non obstante, este mesmo luns dende o Ministerio de Fomento o director xeral de Vivenda, Antonio Aguilar, apuntaba xusto na dirección contraria. En declaracións á Cadena SER o alto cargo do Executivo estatal defendía as súas axudas económicas e advertía de que "a única forma de frear a suba do alugueiro" en termos xerais é "construír máis".