O solo reservado para vivenda protexida esmorece en Galicia

Feijóo, visitando vivendas de promoción pública en Lugo © Ana Varela

Non foron poucas as ocasións nas que, durante os seus tempos de oposición, o PP galego comparou medidas do Goberno de coalición de PSdeG e BNG con plans do franquismo ou da Unión Soviética. A lei de medidas urxentes en materia de vivenda e solo, impulsada en 2008 polas consellerías de Política Territorial e Vivenda, foi unha delas. Aquela norma fixaba o obxectivo de que os concellos de máis de 20.000 habitantes reservasen ata o 40% do novo solo residencial para a construción de vivenda protexida, duplicando así a reserva fixada pola Xunta de Manuel Fraga. Para o PP, representado naquela altura pola actual presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, esta era unha lei propia de "tempos pretéritos de intervencionismo e vivendas sindicais", un "apaño" que "ía subir exponencialmente os prezos da vivenda". Dende aquela afirmación o prezo xeral da vivenda baixou durante media década e a reserva de solo para pisos protexidos pasou á historia ata case esmorecer.

Senllas reformais legais do actual Goberno, aprobadas en 2010 e 2012 co obxectivo, segundo a Xunta, de "adecuar a porcentaxe de reserva daqueles concellos en que o plan xeral fixe unha reserva baseada nos datos estimados de demanda", derrogaron de facto a reserva . Así o amosan os datos que o Instituto Galego de Vivenda e Solo publica anualmente dende 2013 acompañando á resolución que fixa a porcentaxe de reserva en cada concello. Baseándose nas inscricións do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda en cada concello o organismo público ofrece información municipal e tamén unha media para o conxunto de Galicia que neste 2015 cae ata o 4,71%.

Na estrea do novo sistema, en 2013, case 120 concellos tiñan algunha porcentaxe de solo reservado para construír vivendas protexidas, cunha media ben afastada tanto do 40% que marcara o bipartito para os grandes concellos como do 30% que estipulaba para o resto do país. Nese primeiro momento a cifra ficou no 7,11, en 2014 caeu ao 5,69% e seguiu a baixar ata o 4,79% deste ano. Ademais, mentres que hai dous anos ata 14 municipios quedaban por riba da media do país, en 2013 eran xa 11 e en 2015, unicamente 10.

O PP derrogou a lei que propuña elevar a reserva ata o 40% e neste 2015 cae ata o 4,71%

Nos tres anos de vixencia deste modelo Vigo mantívose como o concello con maior proporción de solo reservado para vivenda protexida, se ben os seus números tamén minguaron, pasando de case un 25% en 2013 a case 10 puntos menos en 2015. En 2015 o segundo posto é para Ferrol, cun 9,87% que supón case dous puntos máis que hai dous anos. Lugo, Santiago e Pontevedra son os seguintes concellos da lista, aínda que os tres perderon tamén solo para pisos protexidos neste trienio. Por baixo da media pero por riba do 3% están concellos como Monforte, Moaña, Allariz ou Sarria. Teñen máis dun 2% concellos como Ourense, O Carballiño, Cangas, Viveiro ou Poio e a lista péchase co Rosal, Muros e O Grove, con 0,15%, 0,11% e 0,09%, respectivamente.

Recorte de máis do 90% nos fondos para vivenda pública

A viraxe na política de reserva de solo para pisos protexidos, executada durante a etapa do actual alcalde de Santiago na Consellería de Infraestruturas, foi paralela á práctica desaparición dos fondos para a construción de vivendas de promoción pública nos Orzamentos Xerais do Goberno galego. Cando Feijóo chegou á Presidencia e Hernández á Consellería atoparon unha partida de 52 millóns de euros para esta finalidade. Un ano despois os primeiros orzamentos elaborados polo novo Executivo do PP baixárana xa a 46 millóns de euros e en 2011 a tesoirada foi aínda maior, quedando en 23,7. Os recortes foron sucesivos ata chegar a 2015, no que a dotación é de pouco máis de 3 millóns e o recorte chega xa ao 93%.

Hernández, precisamente, é coprotagonista dunha das actuacións máis controvertidas da Xunta nos últimos tempos neste ámbito. Como veu relatando este diario, o rexedor compostelán e a súa sucesora na Xunta, Ethel Vázquez, decidiron o pasado decembro liquidar un emblemático proxecto de vivendas públicas de aluguer para a mocidade que ían ser construídas en pleno centro de Santiago, a escasos 400 metros da Catedral. O proxecto, nado en tempos de Fraga e impulsado polo bipartito, chegou a ser adxudicado con Hernández como conselleiro pero nunca verá a luz. No seu lugar construirase "vivenda libre", isto é, pisos que unha promotora venderá ao prezo que considere oportuno. Mentres, as vivendas de promoción pública son trasladadas ao barrio de Lamas de Abade, nos arrabaldos da cidade

Feijóo, visitando vivendas de promoción pública en Lugo © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.