O xulgados galegos ingresaron 27 demandas por ocupación ilegal no segundo trimestre do ano, que viu reducidos os desafiuzamentos nun 87,4%
As demandas por ocupación ilegal de vivendas en Galicia descenderon un 15,6% no segundo trimestre do ano. O informe ′Efectos da crise económica nos órganos xudiciais′, presentado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) este venres revela que os xulgados galegos ingresaron 27 demandas por ocupación ilegal de vivendas en casos en que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social, fronte ás 32 do período anterior.
En total, entre o 1 de abril e o 30 de xuño de 2020 os xulgados galegos resolveron 15 procedementos deste tipo e deixaron 65 en trámite. Cifras que chocan coas manifestacións da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que advertiu recentemente de que a ocupación ilegal ″comeza a ser un problema″ en Galicia e reclamou ″garantías xurídicas″ para ″axilizar″ os desaloxos na mesa sectorial deste ámbito a nivel estatal. Ademais, Vázquez mantivo unha xuntanza con asociacións veciñais para abordar o suposto incremento da ocupación de vivendas.
Mentres o presidente do TSXG subliña que a "alarma xerada" parece "non estar avalada polas cifras", a Xunta apunta a un incremento e o PP pide á Valedora un informe extraordinario ao respecto porque "cada vez son máis" casos
Na mesma liña que a conselleira se manifestou este venres o grupo parlamentario do Partido Popular, que solicitou á Valedora do Pobo a elaboración dun "informe extraordinario" sobre a "okupación ilegal" en Galicia porque, en palabras da súa viceportavoz Paula Prado na Cámara galega, "os datos son alarmantes" e "cada vez son máis o número de cidadáns que son vítimas dun delito de usurpación de vivendas". Para o PP, que se refire en todo momento á ocupación ilegal como "okupación" (sic), existen "mafias ou bandas organizadas que converten a okupación nun negocio".
O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, sostivo no seu discurso de apertura do ano xudicial que ″a alarma xerada nos últimos meses sobre a ocupación de vivendas″ aséntase nunha situación ″paradoxal″ porque ″parece non estar avalada polas cifras″. Segundo os datos publicados pola sección de estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial, no primeiro semestre deste ano os xulgados galegos ingresaron 51 demandas por ocupación ilegal, fronte ás 65 do mesmo período de 2019.
A serie de datos do Consello Xeral do Poder Xudicial mostra que 2019 foi un ano cun destacado incremento neste tipo de demandas, pois se rexistraron un total de 145; moi lonxe das 36 demandas por ocupación ilegal de vivendas que ingresaron nos xulgados galegos en 2018. As cifras deste 2020 veranse afectadas pola suspensión dos prazos procesuais como consecuencia da declaración do estado de alarma o 14 de marzo, debido á crise sanitaria da COVID-19, que provocou un descenso da actividade dos xulgados e tribunais galegos no segundo trimestre do ano.
Descenso nos desafiuzamentos
O documento ′Efectos da crise económica nos órganos xudiciais′ tamén evidencia que os desafiuzamentospracticados en Galicia entre o 1 de abril e o 30 de xuño experimentaron un descenso do 87,4% con respecto ao mesmo período de 2019, ao pasaren de 657 a 83. No conxunto do Estado, os lanzamentos executados descenderon un 90,6% polo parón na actividade xudicial por mor da pandemia e polas moratorias impostas desde o Goberno central.
70 dos 83 desafiuzamentos deste segundo trimestre foron por procedementos derivados da Lei de arrendamentos urbanos
Dez dos desafiuzamentos de Galicia foron unha consecuencia de procedementos de execución hipotecaria, fronte aos 140 que se realizaron por este motivo no mesmo período de 2019, o que supón unha baixada interanual do 92,9%. Como consecuencia de procedementos derivados da Lei de arrendamentos urbanos rexistráronse 70, un 86% menos que no período anterior, cando se contabilizaron 501. Os desafiuzamentosenmarcados no apartado de ″outras causas″ pasaron de 16 o ano pasado a 3 no segundo trimestre de 2020.
Por outra banda, as execucións hipotecarias iniciadas en Galicia neste segundo trimestre baixaron un 27,3%. Presentáronse un total de 125 procedementos entre o 1 de abril e o 30 de xuño, fronte aos 172 do mesmo período de 2019. No apartado de asuntos relacionados con cláusulas chan ingresados nos xulgados galegos tamén se atopa unha diminución no segundo trimestre do ano un 6,2%, ao pasar de 956 a 896.