Os delitos ligados á ocupación de vivendas mantivéronse no ano 2019 en niveis reducidos en Galicia

A ocupación dunha vivenda baleira constitúe un delito de usurpación, moi distinto ao de 'violación de morada' CC-BY-NC srgpicker

O TSXG e a Policía teñen destacado que o número real de delitos deste tipo non se corresponde coa alarma política e mediática ao respecto

Dende hai meses moitos medios de comunicación e partidos políticos veñen falando con cada vez maior insistencia do aumento das ocupacións ilegais de vivendas (en moitas ocasións referíndose a esta práctica como okupacións), xerando un ambiente de alarma entre a cidadanía. En varias ocasións o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a Policía, así como algúns concellos, coma o de Lugo, teñen destacado que o número real de incidentes deste tipo era moi reducido e que non se correspondía coa "alerta" política e mediática ao respecto. A pesar do cal tamén a Xunta de Galicia iniciou unha campaña relativa a este tema, con medidas destinadas a combater este hipotético problema. 

A Fiscalía Superior de Galicia presentou este luns ao Presidente do Parlamento Galego a súa Memoria anual, correspondente ao pasado 2019. Nela obsérvase un incremento xeral no número de delitos incoados e noutros indicadores xudiciais, que en boa medida se relaciona coa folga no sector da xustiza que tivo lugar no ano 2018 en Galicia e que reduciu notablemente os datos deste ano.

O pasado ano incoáronse 399 delitos por 'usurpación' de vivendas baleiras, un número semellante ao do ano 2016. En canto ás 'violacións de domicilio', referidas á ocupación vivendas habitadas, abríronse dilixencias en 95 casos, cun lixeiro incremento con respecto aos anos anteriores

Na Memoria recóllense tamén os datos relativos aos procedementos xudiciais derivados das ocupacións ilegais de vivendas, unha acción que pode constituír un delito de usurpación (cando se leva a cabo unha ocupación pacífica dunha vivenda baleira propiedade dun banco, fun ondo voitre ou dunha persoa particular) ou un delito de violación de domicilio, cando se ocupa unha vivenda que constitúe a morada habitual ou a segunda residencia dunha persoa. As usurpacións son moito máis frecuentes que as violacións de domicilio, que están máis penadas pola lei e que, ademais, adoitan ter unha resolución máis rápida.

Neste ano 2019 incoáronse 399 delitos de usurpación en Galicia, cun importante aumento dende as 288 do 2018, pero tendo en conta que nese ano a folga na Xustiza fixo reducir o número da maior parte de procedementos. En relación aos anos 2017 (310 usurpacións) e 2016 (383) a variación é moito máis reducida. Neste ano 2019, ademais, houbo unicamente 8 sentenzas con delito de usurpación, a mesma cifra que no ano 2018.

O pasado ano si se rexistrou un incremento maior no número de 'violacións de domicilio' en Galicia. En total abríronse dilixencias previas en 95 casos, fronte ás 54 do ano 2018 (marcado pola folga no sector da xustiza) pero aumentando tamén en relación cos anos 2017 (72), 2016 (64) e 2015 (65). 

Este aumento foi debido, sobre todo, ao incremento que se produciu na provincia de Pontevedra, que pasou de 24 violacións de morada en 2017 a 57 o pasado ano. En cambio, as restantes provincias rexistraron descensos no seu número de dilixencias ou estes mantivéronse estables: A Coruña (pasou de 22 a 18), Ourense (de 14 a 15) e Lugo (de 12 a 5).

O número de accións deste tipo en Galicia segue a ser moi reducido en relación con outro tipo de delitos

En calquera caso, o número de accións deste tipo en Galicia segue a ser moi reducido en relación con outro tipo de delitos, como tamén recolle a Memoria da Fiscalía. Por suposto en relación ás estafas (7.047), furtos (5.524), roubos con forza (4.249), á violencia familiar -de xénero e doméstica- (2.173) ou ás apropiacións indebidas (2.078). Pero tamén se comparamos as usurpacións (399) e violacións de morada (95) cos abusos sexuais incoados (762), agresións sexuais (590), roubos de vehículos (445) e mesmo homicidios, asasinatos e homicidios por imprudencia (246).

De feito, as usurpacións representaron o ano pasado unicamente o 1,44% de todos os delitos patrimoniais incoados en Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.