Os desafiuzamentos sitúanse nuns 300 trimestrais, en torno á metade que hai unha década, e multiplican por 20 os novos casos de ocupación entre marzo e xuño de 2025
Os desafiuzamentos seguen acontecendo en Galicia. Son moitos menos que en plena gran recesión, practicamente a metade, pasando duns 2.000 anuais hai pouco máis dunha década a arredor dun milleiro por ano actualmente. A redución débese fundamentalmente á diminución dos desaloxos por impagamentos de hipotecas entre ecos da burbulla de principios de século, actualmente escasos.
Os datos divulgados polo Consello Xeral do Poder Xudicial para o segundo trimestre de 2025 acreditan, en calquera caso, que os desaloxos continúan no noso país. A cifra é relativamente estable, na contorna dos trescentos por trimestre, e máis do 85% son por falta de pagamento en vivendas alugadas: 273 entre marzo e xuño de 2025 fronte a unha trintena de lanzamentos derivados de execucións hipotecarias.
Esta tendencia á estabilidade ou certa diminución atinxe tamén a outro fenómeno vencellado á vivenda que, paradoxalmente, tende actualmente a ter máis eco político e mediático ca os desafiuzamentos malia ser obxectivamente moito máis escaso: as ocupacións ilegais de vivenda. Tan certo é que acontecen como que o seu peso é residual, atendendo aos datos oficiais do Poder Xudicial.
Os 15 novos casos de ocupación ilegal que chegaron aos xulgados galegos supoñen unha incidencia de 0,6 por cada 100.000 habitantes, catro décimas por baixo da media estatal
Durante ese trimestre os xulgados galegos recibiron 15 novos casos por "ocupación ilegal de vivendas en casos nos que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social". Son sete menos que no trimestre previo e nove menos que no mesmo período do ano anterior. Desta maneira, os desafiuzamentos no segundo trimestre multiplican por 20 os novos casos de ocupación que acaban en demandas xudiciais.
A diminución interanual nos novos casos de ocupacións é, daquela, do 37,5 %. Neste indicador, non obstante, precisamente pola súa escaseza as variacións porcentuais adoitan ser escasamente ilustrativas. Si o é máis a incidencia do fenómeno por cada 100.000 habitantes, situada en Galicia en 0,6 casos, catro décimas por baixo da media estatal.
No caso dos desafiuzamentos en vivendas alugadas a incidencia en Galicia sitúase en 10,1 casos por cada 100.000 habitantes mentres a media estatal está en 10,9. Os lanzamentos por mor de impagamento de hipotecas rexistran unha incidencia de 1,2, menos da metade da media estatal, de 2,5 por cada cen mil persoas.