As 1.756 hipotecas sobre vivendas constituídas en Galicia o pasado mes de maio deste 2025 supoñen duplicar amplamente as asinadas no mesmo mes do ano anterior, segundo os datos provisionais divulgados polo INE este 18 de xulllo. Esta foto fixa dese mes sitúa o crecemento galego das sinaturas de préstamos para mercar pisos e casas á fronte de todas as autonomías, unha suba do 116% que máis que duplica a media estatal.
Alén da conxuntura dun único mes, a tendencia da sinatura de hipotecas vai á alza, aínda que menos que o total de compravendas de vivendas. E, sobre todo, as hipotecas subscritas son moitas menos que as que chegaron a aprobarse antes da gran recesión, durante a primeira década deste século.
Así, mentres que se asinaron esas algo menos de 1.800 hipotecas durante o mes de maio, o total de operacións de compra e venda de vivendas no país neses 31 días ascenderon a 2.306, unha suba interanual do 65%. Resulta significativo, sempre durante os datos do INE, que unha ampla maioría desas vivendas adquiridas -1.737- son usadas e apenas 569, novas. A diferenza é a aínda máis elocuente ao observarmos cantas eran vivendas protexidas, só 63, mentres que as 2.243 restantes estaban no mercado libre.
As tendencias son semellantes ao ollarmos á evolución durante todo o ano pasado e ata maio de 2025. Foron case 35.000 operacións de compravenda de vivendas nas que apenas un milleiro tiñan algún réxime de protección. A maior parte, máis de 33.600, estaban no mercado libre e tamén unha ampla maioría, algo máis de 26.000, eran usadas.
Dende 2013 Galicia rexistra cada ano máis compravendas de vivendas que hipotecas asinadas. En 2024 as adquisicións foron 5.000 menos que no ano previo ao inicio da gran recesión e a diferenza das hipotecas rolda as 27.000
Se procuramos as series anuais destas dúas estatísticas albíscase aínda con máis claridade a mudanza no que atinxe ao papel dos préstamos hipotecarios. No último ano completo eantes da caída de Lehman Brothers e o estoupido definitivo da crise financeira internacional, o 2007, en Galicia asináranse case 43.000 hipotecas sobre vivendas. Era un tempo no que o total de hipotecas superaba a suma de compravendas de vivendas (foran unhas 28.800 nese exercicio), ao estar a banca disposta a conceder con máis facilidade operacións como ampliacións ou rehipotecas.
As liñas cruzáronse en 2012 e dende 2013, cada ano sen excepción, as compravendas de vivendas foron máis que as hipotecas, sempre cunha moderada tendencia á alza que só se detivo en 2023, en plena alza dos tipos de xuro por parte do Banco Central Europeo. No último ano completo, o 2024, as compravendas foron case 24.000 e as hipotecas, unhas 15.700.
En comparación con aquel 2008, en 2024 mercáronse e vendéronse unhas 5.000 vivendas menos. Pero asináronse 27.000 hipotecas menos que daquela.