Os desafiuzamentos repuntan no inicio do ano e son 13 veces máis que os casos de ocupación

Edificios de vivendas na Coruña CC-BY-NC-SA Praza.gal

No primeiro trimestre de 2025 os xulgados galegos activaron en 300 ocasións o mecanismo para desafiuzar persoas da vivenda na que residen, unha vintena máis que nos tres meses previos e unha vintena menos que no comezo do ano pasado

Nos primeiros tres meses de 2025 os xulgados galegos activaron en 300 ocasións o mecanismo para desafiuzar persoas da vivenda na que residen. Foron unha vintena máis que no trimestre final do 2024 e unha vintena menos que entre xaneiro e marzo do ano pasado.

A liña dos desafiuzamentos repunta lixeiramente, daquela, en termos intertrimestrais. E diminúe, tamén con levidade, interanualmente nun contexto no que, como vén sendo habitual, o groso dos lanzamentos son derivados de impagamentos do alugueiro: algo máis de oito de cada dez casos de desaloxos neses tres meses foron en vivendas alugadas, segundo os datos que vén de actualizar o Consello Xeral do Poder Xudicial.

Como acontece en cada edición desta estatística, os desafiuzamentos seguen sendo moito máis numerosos que outro fenómeno vinculado á vivenda con especial eco mediático, político e económico: as ocupacións ilegais. Cando menos, así o reflicten os datos oficiais do Poder Xudicial, elaborados cos asuntos que ingresan nos xulgados. En cifras redondas, por cada novo caso de ocupación ilegal que recibiron os tribunais no noso país no primeiro trimestre do ano foron ditadas 13 ordes de desafiuzamento.

Os xulgados recibiron 22 novas demandas por ocupacións ilegais. Son 0,8 por cada 100.000 habitantes, catro décimas por baixo da tamén cativa media estatal

Como amosan os gráficos que acompañan estas liñas, as novas "demandas por ocupación ilegal de vivendas en casos nos que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social" foron 22 no inicio do ano en Galicia. Son sete máis que no trimestre final de 2024 e cinco máis que nos primeiros tres meses do ano pasado.

A escaseza en termos destes novos casos de ocupacións ilegais, acreditada trimestre tras trimestre polos datos oficiais do Poder Xudicial, provoca que pequenas variacións á alza ou á baixa dean lugar a variacións porcentuais moi pronunciadas -por exemplo, a suba interanual é neste caso de case o 30%-. Pero outro dato que tamén achega o Poder Xudicial, o da incidencia en función da poboación, si resulta elocuente: Galicia rexistra 0,8 casos novos de ocupación ilegal por cada 100.000 habitantes no inicio de 2025, catro décimas por baixo da tamén cativa media estatal, situada en 1,2.

No referido aos desafiuzamentos, a devandita repunta encádrase nun contexto de estabilidade ou mesmo de certa diminución no último trienio. Nesa moderación inflúen diversos factores; no caso das hipotecas, ten impacto significativo que van ficando atrás o groso de desaloxos derivados de hipotecas asinadas antes da gran recesión iniciada en 2008. Tanto en vivendas hipotecadas como nas alugadas cómpre ter en conta, ademais, que as cifras de desafiuzamentos están amortecidas pola suspensión de lanzamentos que, para casos acreditados como de vulnerabilidade social, segue estando vixente na normativa estatal.

Alén das variacións trimestrais, en calquera caso, o que segue relativamente estable é a correlación entre desafiuzamentos e novos casos de ocupación. Ollando ás cifras anuais, o 2024 pechouse en Galicia cuns 14 desaloxos por cada novo caso de ocupación ilegal que tivo entrada nos xulgados; en 2023 foran en torno a unha ducia e en 2023, unha quincena.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.