Os desafiuzamentos caen un 37% en Galicia e aínda multiplican por sete os novos casos de ocupacións

Edificios de vivendas no barrio coruñés da Sagrada Familia, nunha imaxe de arquivo © Concello da Coruña

As cifras de desafiuzamentos experimentan en Galicia unha lixeira tendencia á baixa dende a pandemia da COVID-19. Por efecto das medidas paliativas aprobadas polo Goberno de España -caso das moratorias para persoas en situación de vulnerabilidade- ou seguidas por algúns bancos, mais tamén pola propia evolución do mercado inmobiliario tras as moito máis avultadas cifras de desaloxos nos anos da gran recesión. E mesmo polos ritmos dos xulgados que deben ordenalos.

As cifras relativamente cativas provocan que ascensos ou incrementos non especialmente intensos en termos absolutos dean lugar a baixadas ou subas porcentualmente relevantes. É o que sucedeu no terceiro trimestre deste ano 2024, no que segundo os datos divulgados este 9 de decembro polo Consello Xeral do Poder Xudicial os desafiuzamentos en vivendas caeron un 37% interanual.

Atendendo a estas cifras, durante o pasado verán (de xullo a setembro) Galicia rexistrou un total de 196 lanzamentos, o que supón un 35,3% menos que no mesmo período do ano anterior. Excluíndo os 13 casos que figuran no apartado "outras causas", os que comunmente son coñecidos como desafiuzamentos -os derivados de impagamentos de alugueiros ou hipotecas- quedan en 183, co devandito descenso do 37%.

Durante o verán o noso país rexistrou 156 desaloxos en vivendas arrendadas e 27 derivados de execucións hipotecarias, segundo os últimos datos do Poder Xudicial

Como adoito, o groso dos desafiuzamentos correspóndense a vivendas arrendadas. Foron 156 -case o 80% do total-, case un 40% menos que no mesmo trimestre de 2023. No caso dos desaloxos derivados de execucións hipotecarias a caída foi do 15,6% ata quedar nun total de 27.

Malia estes significativos descensos, os 183 desafiuzamentos seguen sendo unha cifra notablemente máis avultada que os novos casos de ocupacións de vivendas "en casos nos que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social", segundo a definición legal. Estes casos quedaron en 25, sete veces menos que os desaloxos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.