Tres desafiuzamentos ao día en Galicia en pleno debate público sobre o dereito á vivenda

Detalle dun edificio de vivendas en Santiago CC-BY-SA Merio09 / Unsplash

Foi unha imaxe recorrente na gran recesión. As plataformas contra os desafiuzamentos plantábanse nas sucursais dos bancos, ante comitivas xudiciais ou diante de columnas de policías antidisturbios para tentar impedir desaloxos de familias que, tras a sentenza definitiva, eran obrigadas a abandonar a vivenda na que residían tras non poderen afrontar os recibos da hipoteca.

Galicia rexistrou 351 desaloxos en vivendas no segundo trimestre do ano, case o 80% en pisos alugados

O fenómeno non ten, na actualidade, a dimensión daqueles anos. A realidade do mercado hipotecario, por unha banda, e as medidas paliativas por parte dos gobernos -como os freos aos lanzamentos para persoas vulnerables-, por outra, paliaron os desafiuzamentos. Pero seguen existindo. Tamén por impagamento de hipotecas pero, sobre todo, en pisos alugados.

Así, por exemplo, mentres rexorde o debate público en torno ao dereito á vivenda, dende a aplicación da lei estatal para regular prezos ás últimas promesas da Xunta sobre ampliar o parque público, os datos publicados este martes polo Poder Xudicial acreditan que en Galicia se produciron, en tan só tres meses, unha media de case tres desafiuzamentos diarios. Case o 80%, de vivendas alugadas.

Os desafiuzamentos por impagamentos do alugueiro repuntan un 2,5% interanual

O Consello Xeral do Poder Xudicial reflicte que, entre marzo e xuño deste ano, os xulgados galegos culminaron un total de 367 lanzamentos dos que 351 se correspondían con vivendas hipotecadas ou alugadas. Outra volta, a ampla maioría foron en pisos arrendados por mor de impagamentos, un total de 282. Os restantes 69 foron en inmobles sobre os que pesaba unha hipoteca.

Estas cifras implican un incremento interanual do 2,5% nos desafiuzamentos en pisos alugados e do 15% nos hipotecados. Nestes últimos, non obstante cómpre ter en conta que, dada a relativamente escasa cifra total, un incremento lixeiro do número absoluto dá lugar a un incremento porcentual moi elevado.

Con estes números, neses tres meses en Galicia sentenciáronse 10,4 desafiuzamentos en pisos arrendados por cada 100.000 habitantes (na media estatal foron 12). Os lanzamentos derivados de hipotecas foron 2,5 por cada cen mil habitantes, apenas medio punto por baixo do valor medio estatal.

As novas demandas xudiciais por ocupacións ilegais de vivendas foron 24, un descenso interanual do 7,7%

Catorce veces máis desaloxos que novos casos de ocupación

Como é habitual, os datos oficiais do Poder Xudicial acreditan tamén que, malia ser cifras absolutas relativamente cativas en comparación con anos previos, os desafiuzamentos seguen sendo moitos máis que os novos casos de ocupacións ilegais de vivendas que ingresan nos xulgados galegos. Concretamente, nese segundo trimestre de 2024 multiplicáronos por 14,6, unha correlación moi semellante á que se vén repetindo nos últimos anos.

Como salienta o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ao divulgar esta información estatística, estas novas demandas por ocupacións de vivendas "nos que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social" foron apenas 24. Isto supón unha caída interanual do 7,7%, porcentaxe sobre a que hai que ter tamén en conta que se refire a un total escaso: hai un ano foran apenas dous casos máis.

Con estes totais, a incidencia dos novos casos de ocupacións ilegais de vivendas que chegan aos xulgados é mínima a respecto da poboación total galega. Son 0,9 por cada cen mil habitantes e na media estatal, 1,3.

Malia estas obvias e recorrentes cifras, a cuestión das ocupacións ilegais segue presente no debate político a respecto da vivenda. Así sucedeu, por exemplo, o pasado martes no pleno do Parlamento, cando a vicevoceira e secretaria xeral do PP, Paula Prado, instou a contrastar as políticas de vivenda de Alfonso Rueda na materia, "construíndo vivenda pública e ofrecendo axuda para alugar ou mercar", coas que ao seu xuízo impulsa o Goberno de España a través da lei estatal na materia xa que, acusa, "se poñen de lado dos ocupas en vez de apoiar aos propietarios".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.