O orzamento da Xunta para vivenda leva unha década á alza. Nas contas públicas de 2009, as derradeiras elaboradas polo Goberno de PSdeG e BNG, tocara teito con 210 millóns de euros dos que 52 estaban destinados á construción de vivendas de promoción pública. Nos anos seguintes, en plena recesión e crise económica global, iniciara un devalo profundo que o deixara en 2014 en apenas 32 millóns. Neste 2024 foron 160,7 millóns, 12,06 deles para erguer nova vivenda pública.
A Xunta dedicou 12 millóns en 2024 a construír vivenda pública. En 2009 foran 52 que, ao aplicarmos a inflación acumulada, chegarían a 69
Este martes, na súa comparecencia ante o Parlamento, o presidente da Xunta asegurou que, nos Orzamentos Xerais de 2025, o seu Goberno prevé "triplicar o orzamento destinado a solo residencial e á construción de vivendas públicas ata chegar a 126 millóns de euros". No apartado concreto de construción de vivendas públicas, o Executivo de Alfonso Rueda tería non que triplicalo, senón que sextuplicalo para, unha vez aplicadas as subas de prezos desta década e media, ter dispoñibles o mesmo orzamento real que deixara previsto o gabinete de socialistas e nacionalistas.
A inflación acumulada en Galicia dende outubro de 2008 -cando foron presentados ao Parlamento os Orzamentos de 2009- e agosto de 2024 -dato máis recente dispoñible- é do 33,8%, segundo datos do INE. Daquela, para chegar en 2024 ás cantidades das derradeiras contas do Executivo de coalición habería que incrementalas nesa proporción. É dicir, destinar á construción de novas vivendas públicas uns 69,6 millóns de euros.
A promesa de Rueda para "triplicar o orzamento destinado a solo residencial e á construción de vivendas públicas ata chegar a 126 millóns de euros" semella que chegará pola vía do solo. O total do capítulo quedará así por riba do previsto polo Goberno de coalición en 2009, pero con menos peso da vivenda de promoción pública
Se as contas que este mes o Goberno do PP entregará ao Parlamento inclúen, finalmente, a promesa de triplicar o orzamento para construír vivenda pública a respecto do vixente, o de 2024, a cantidade real total quedará lonxe da que destinara o Executivo de PSdeG e BNG, mesmo sen aplicar a suba da inflación. Os fondos que a Xunta dedicou a construír VPP para este ano foron os devanditos 12 millóns, polo que triplicalos deixaríaos na contorna dos 36, uns 16 menos que en 2009 e 33 menos dos que cumprirían para equiparar en termos reais o orzamento do bipartito nesta materia.
O que si semella que superará os orzamentos do Goberno de coalición, tanto nominalmente como aplicando a inflación, é o total do capítulo de investimentos en materia de vivenda, que este ano estivo dotado con 40 millóns de euros dos que 20 eran fondos europeos. Triplicalo daría lugar a unha cifra moi semellante á avanzada por Rueda, algo máis de 120 millóns. En 2009 o total do capítulo estaba dotado con 69,4 millóns que, aplicada a inflación, deixaríaos en 92,8 millóns de euros do ano 2024.
Neste contexto cabe agardar que a suba máis forte dentro do investimento en vivenda da Xunta para 2024 veña pola banda da partida de solo residencial. Esa área contou en 2024 con 8 millóns de euros.
A metade do orzamento da Xunta para investimentos en vivenda estivo composto en 2024 por fondos europeos
Neste sentido, tanto o presidente como a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, veñen sinalando nos últimos meses a súa intención de incrementar as compras de solo para, na liña do fixado na Estratexia Galega de Solo Residencial, aprobada en xaneiro, "impulsar a construción de 20.000 vivendas protexidas", dentro das que estarían as de promoción pública, "e outras 5.000 libres".
Cómpre agardar tamén á presentación dos orzamentos para coñecer que parte do incremento vén pola banda da suba dos fondos europeos de recuperación transferidos polo Estado. Non en van, como amosa a táboa sobre estas liñas, practicamente a metade do capítulo de investimentos en vivenda da Xunta nos orzamentos de 2024 estaba composto polos 20 millóns de fondos europeos para "axudas á rehabilitación residencial e vivenda social".