O presidente liga o "progreso, traballo e futuro" das novas xeracións con proxectos industriais como o de Altri e anuncia un novo plan eólico que actualice o obsoleto de 1997 que nin a Xunta respecta
Xusto seis meses despois do seu discurso de investidura tras gañar as últimas eleccións galegas, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu este martes por petición propia no Parlamento "para dar conta dos principais eixes e liñas estratéxicas dos orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano 2025, así como dos proxectos de lexislatura en que traballa o Goberno galego". Porén, a súa intervención dedicou máis tempo a criticar ao Goberno de España e gabar políticas propias xa en marcha que a anunciar novas medidas.
Foi un discurso de unha hora e media no que o presidente chegou a asegurar que en Galicia, grazas ás súas políticas, o futuro da mocidade "non depende xa da capacidade económica" senón "do esforzo que cadaquén faga". Un futuro, en todo caso, que liga coa implantación no país de industrias como Altri.
Rueda dedicou os primeiros 20 minutos da súa intervención inicial a amosar a súa inquedanza pola situación política no Estado e a "incerteza" na chegada a Galicia de fondos europeos pola insuficiente xestión que atribúe ao Goberno de Pedro Sánchez. Unha situación que contrapuxo coa de Galicia xa que, asegurou, "ante unha cidadanía saturada de anuncios que nunca se levan a termo, aquí somos diferentes".
O presidente asegurou que nos cen primeiros días do seu Goberno foi quen de cumprir con todos os seus compromiso e prometeu que "o ritmo de traballo dos primeiros cen días será o que manteñamos na lexislatura" porque "Galicia cumpre". Nesa liña, salientou e deu por feitas medidas anunciadas pero aínda non concretadas como a creación de mil novas prazas de residencias de maiores ou dunha comercializadora eléctrica pública.
"Ante unha cidadanía saturada de anuncios que nunca se levan a termo, aquí somos diferentes", asegurou Rueda
No capítulo de novos anuncios, Rueda avanzou que a Xunta vai facer un novo plan sectorial eólico que actualice o actual e obsoleto de 1997, que nin o propio Goberno galego está a respectar. "É necesario, xa ten máis de 20 anos", indignouse o presidente, sen dicir nada sobre a renuncia dos gobernos do PP dos últimos 15 anos a actualizar ou mellorar esa planificación.
O Goberno galego tamén vai aumentar a súa achega aos concellos para o servizo de axuda no fogar, presentará unha lei de intelixencia artificial, aprobará un plan de investigación e innovación, creará "unha fundación para o impulso da ciencia" coa que "fichar investigadores en todo o mundo" e habilitará a posibilidade dunha taxa turística para os concellos que o soliciten a través da lei de acompañamento dos orzamentos do vindeiro ano. Unha taxa que segundo Rueda terán que recadar e xestionar directamente os concellos, que deberán destinar o 80% do obtido a mellorar a sostibilidade turística.
Pero máis tempo que aos novos anuncios dedicou Rueda a gabar as medidas xa implantadas, de entre as que salientou o ensino gratuíto desde as escolas infantís ata a universidade, con subvencións a escolas infantís privadas ou das matrículas universitarias sen ter en conta a renda. É unha proba, dixo de que Galicia "aposta pola mocidade" e de que o seu futuro "non depende xa da capacidade económica" senón que "depende do esforzo que cadaquén estea disposto a facer". Rueda mesmo deu por superados os problemas da mocidade para atopar vivenda grazas á súa recente aposta por ese sector.
O presidente si admitiu como un "problema" da mocidade "atopar un traballo que se adapte á súa excelente formación en xeral". E para iso situou como fundamentais proxectos industriais como o de Altri en Palas de Rei, cuxo futuro volveu deixar en mans dos técnicos da Xunta que avalían os seus impactos ambientais pero aos amosou o seu apoio porque "os trens pasan só unha vez". "Os galegos queren progreso, queren traballo e queren futuro", dixo, para asegurar, ante posturas críticas da oposición, que "isto non vai da defensa do medio ambiente" senón que "vai de que Galicia sexa un próspero país baixo unha dirección política que non sexa a súa". "Estamos do lado da xente", sentenciou Rueda.
O presidente rematou a súa intervención lembrando novamente o resultado das eleccións galegas do pasado febreiro. "Galicia escolleu", dixo, e asegurou que agora "é o momento de traballar, co aval do feito, da confianza recibida hai uns meses". Segundo Rueda, "en 2025 imos seguir cumprindo, sempre".
- Nesta peza podes ler as réplicas da oposición á intervención do presidente: BNG e PSdeG afean o apoio da Xunta ás rendas altas e grandes empresas fronte "aos dereitos da maioría"