Rueda minimiza que 25.000 persoas alegasen contra Altri porque "a maioría son copias"

Rolda de prensa das plataformas Ulloa Viva e en defensa da ría de Arousa este luns © CIG

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirmou este luns que unhas 25.000 persoas, unha cifra significativa que supón o 1% da poboación de toda Galicia, deu o paso de protestar oficialmente contra o proxecto industrial que Altri quere instalar en Palas de Rei e presentou alegacións contra o mesmo. Porén, Rueda minimizou esa mobilización co argumento de que "en realidade a súa inmensa maioría, o 98%, son copias da mesma alegación, non hai apenas 200 alegacións diferentes". 

Manifestación contra Altri ás portas da Xunta o pasado xuño, que as plataformas queren replicar o vindeiro decembro CC-BY-NC-SA Praza.gal

Para Rueda a mobilización social en contra da fábrica de Altri en Palas se debe a unha "actuación orquestrada e movida por intereses, algúns lexítimos e outros con intencionalidade política". Un rexeitamento que segundo fixo ver non terá efecto na decisión que tome a Xunta sobre o proxecto, que o PP defende abertamente pero que o presidente insiste en deixar en mans de "o que determinen os técnicos" a respecto da súa avaliación de impacto ambiental.

Ulloa Viva e a plataforma en defensa da ría de Arousa convocan unha manifestación en Santiago o 15 de decembro e critican o intento de "deslexitimación" das alegacións da cidadanía por parte da Xunta. O presidente cualifica a mobilización social como "actuación orquestrada" con "intencionalidade política"

Tamén este luns a Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa ofreceron unha rolda de prensa en Santiago na que criticaron o intento de "deslexitimación" por parte da Xunta das alegacións da cidadanía e convocaron unha manifestación en Santiago para o domingo 15 de decembro.

Segundo as dúas plataformas, a Xunta está a remitir a todas as persoas que presentaron alegacións contra Altri e que solicitaron seren consideradas partes interesadas no procedemento administrativo un requirimento para que "acrediten o seu interese". As plataformas sinalan que a consideración dunha persoa como interesada nun procedemento administrativo simplemente garante o dereito a coñecer o estado da tramitación e acceder á súa documentación, polo que "se a Xunta está a levar como di o procedemento con total transparencia, non debería ter problema algún para que os cidadáns exerzamos os nosos dereitos". 

Rueda diríxese ao Consello da Xunta deste luns CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

As plataformas tamén salientan que o proxecto de Altri non só tería efectos sobre a poboación da Ulloa máis directamente afectada pola súa proximidade senón sobre toda Galicia, polo consideran que calquera galego ou galega ten dereito a pronunciarse sobre o proxecto. Nesa liña, e ante os obstáculos que atribúen á Xunta, convocan unha "grande mobilización nacional" para o 15 de decembro en Santiago, manifestación que suporá unha continuidade da masiva protesta do pasado 26 de maio en Palas ou da concentración un mes despois, o 30 de xuño, ás portas da sede central da Xunta en San Caetano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.