Palas de Rei encheuse de manifestantes, 20.000 segundo a organización, nun berro colectivo, "Altri non", que era tamén unha reivindicación, en positivo, a prol do dereito a vivir e traballar no rural, por un rural vivo e produtivo
A comarca da Ulloa reclama para si a consideración de corazón de Galicia, un corazón que se di ameazado polo proxecto de celulosa de Altri e no que este domingo converxeron, como arterias, milleiros de persoas chegadas dende todo o país. Palas de Rei ateigouse de manifestantes, 20.000 segundo a organización, nun berro colectivo, "Altri non", que era tamén unha reivindicación, en positivo, a prol do dereito a vivir e traballar no rural, por un rural vivo e produtivo.
Estaba previsto que a manifestación convocada pola Plataforma por unha Ulloa Viva baixo o lema 'Dende a Ulloa ata a Ría, terra auga e aire son vida' comezase ás 12 do mediodía. Fíxoo considerablemente máis tarde, debido en boa medida ao colapso que sufriron as principais vías de entrada a Palas, xa dende o seu paso por localidades como Melide ou Arzúa, debido á grande afluencia de vehículos dende distintos puntos de Galicia, entre eles máis de 40 autobuses procedentes de Santiago, A Coruña, Lugo, Vigo, O Morrazo, Pontevedra ou Vigo.
"Ríos para a vida e non para o negocio" foi un dos berros máis escoitados entre os participantes da marcha
"Ríos para a vida e non para o negocio" foi un dos berros máis escoitados entre os participantes da marcha, entre un gran número de faixas e carteis con mensaxes como "A auga é nosa e non de celulosa", “Galicia está aquí, Rueda en Madrid”, "Galiza non se vende", "Por unha Ulloa viva" ou "Nin Ence na ría nin Altri na Ulloa".
Como estaba previsto, as entidades e colectivos participantes marcharon en orde na manifestación, encabezada pola faixa da plataforma veciñal, á que seguían outras faixas de produtoras locais, entidades sociais, grupos ecoloxistas, sindicatos e, finalmente, partidos políticos.
Ademais da cidadanía dos concellos da comarca da Ulloa e de comarcas próximas, como Arzúa, Melide ou Deza, destacou a masiva participación de persoas chegadas dende a ría de Arousa
Ademais da cidadanía dos concellos da comarca da Ulloa e de comarcas próximas, como Arzúa, Melide ou Deza, destacou a masiva participación de persoas chegadas dende a ría de Arousa, moi mobilizada contra o proxecto de Altri debido aos posibles prexuízos que a actividade da nova celulosa no río Ulla podería ter para a produción marisqueira e pesqueira.
A Praza da Feira, onde rematou a marcha despois de pouco máis dun quilómetro de percorrido, ficou necesariamente pequena para acoller a todas as persoas participantes na manifestación. Alí Maika Sánchez Fuciños (veciña do Sexo, Agolada) e Mónica Cea (veciña da Vacariza, Palas de Rei) leron emocionadas o manifesto final e a continuación houbo actuacións musicais.
O manifesto partiu dun hipotético horizonte de vitoria, no ano 2030, no que a mobilización cidadá conseguiu deter o proxecto de macrocelulosa de Altri
O manifesto partiu dun hipotético horizonte de vitoria, no ano 2030, no que a mobilización cidadá conseguiu deter o proxecto de macrocelulosa de Altri: “ríos de xente de toda Galicia asolagaron as rúas para defender o río que a celulosa quería matar. E sabedes que? Malia todo o poder e o diñeiro dos promotores, gañamos. Gañamos. Conseguimos parar aquel terrible despropósito”. "Un 26 de maio todo empezou a cambiar. Eliximos ter un futuro e agora existimos", dixeron.
No seu relato, Maika e Mónica amosáronse “orgullosas de ter, no canto dunha paisaxe monocroma de eucaliptos, un mosaico rico que favorece a todos os sectores. No canto de tres quendas duns centos de persoas que poderían enfermar por respirar os fumes dunha celulosa, somos milleiros de traballadoras e traballadores responsables da natureza que coidamos e que nos coida”.
O manifesto concluíu que “non é desenvolvemento, non é progreso: chámase espolio. Porque esta terra é nosa e non das empresas especuladoras”
“Nesta Terra do Medio, as comarcas do corazón xeográfico de Galicia, son un lugar en rexeneración. Son unha oportunidade para poder desenvolver economía sostible, onde se traballe co territorio protexéndoo. Porque dependemos da terra, da auga e do aire. Eses e non a cobiza desmedida duns poucos son os alicerces das nosas vidas”, dixeron.
O manifesto concluíu que “non é desenvolvemento, non é progreso: chámase espolio. Porque esta terra é nosa e non das empresas especuladoras”.
A defensa da produción local foi outra das mensaxes máis repetidas na marcha e no manifesto, como xa fixeran o pasado martes medio cento de produtoras na presentación dun manifesto, que lembrou que a Ulloa e as comarcas do arredor non son unha área deprimida que precise o rescate a través dunha factoría coma esta, senón que Altri pon en risco un tecido socioeconómico que xa existe. Nesta reportaxe falamos con responsables de explotacións gandeiras e outras empresas e iniciativas que ven ameazado o seu futuro se vai adiante o proxecto de Altri.
“Estamos en Palas de Rei para frear unha bomba ambiental que o PP quere colocar no corazón de Galiza, levándose por diante o medio de vida de miles de persoas tanto na terra como no mar”, subliñou Pontón
Na marcha participaron un gran número de responsables políticos. Destacou, por riba de todo, a participación de cargos do BNG, encabezados pola portavoz nacional da formación, Ana Pontón, a cabeza de lista da candidatura nacionalista para as eleccións europeas, Ana Miranda, e un gran número de deputados e deputadas no Parlamento galego.
“Estamos en Palas de Rei para frear unha bomba ambiental que o PP quere colocar no corazón de Galiza, levándose por diante o medio de vida de miles de persoas tanto na terra como no mar”, subliñou Pontón, “e sobre todo, estamos aquí para defender a dignidade e o futuro de Galiza fronte ao un Partido Popular que pon os intereses dunha multinacional por riba dos galegos e das galegas", engadiu a líder do BNG.
A líder nacionalista contrapuxo a presenza do BNG en Palas coa do PP en Madrid, tamén de manifestación, neste caso en contra da amnistía, “Rueda está en Madrid manifestándose cos sectores máis ultras e reaccionarios do Estado, pero o BNG está aquí ao lado da xente que quere vivir do seu traballo e quere conservar o seu territorio". “Espero que o Partido Popular se baixa da súa habitual prepotencia e escoite o clamor social contra ALTRI", concluíu.
Ana Miranda subliñou que o BNG vai traballar para parar este proxecto contaminante en Bruxelas, onde xa presentou unha denuncia do desastre ambiental que suporía Altri
Pola súa banda, Ana Miranda subliñou que o BNG vai traballar para parar este proxecto contaminante en Bruxelas, onde xa presentou unha denuncia do desastre ambiental que suporía Altri. “Non imos permitir que con fondos europeos se financien un proxecto que vai degradar o noso territorio, o medio ambiente, o patrimonio e sectores produtivos que son estratéxicos, incluíndo a actividade agrogandeira arredor dunha denominación de orixe como a Arzúa-Ulloa”, dixo
Despois da manifestación moitos dos participantes na marcha comeron na propia localidade, tanto nos restaurantes, que ficaron sen reservas nin espazo, coma na zona da area de lecer de Os Chacotes, onde se puido xantar de campo, pois alí estabana instalados postos de postos de produtoras de alimentos e iniciativas de economía sostible da comarca.