Palas de Rei prepárase para recibir manifestantes de toda Galicia porque "sobran os motivos" para opoñerse a Altri

Cartel da manifestación en contra do proxecto de Altri deste domingo 26 © Plataforma Ulloa Viva

A manifestación, baixo o lema “Dende a Ulloa ata a Ría, terra auga e aire son vida”, comezará ás 12 no polígono industrial de Palas e rematará na Praza da Feira

Chegou o día. Este domingo 26 de maio Palas de Rei será escenario da primeira manifestación contra o proxecto de celulosa de Altri, organizada pola Plataforma Ulloa Viva, unha marcha na que a entidade veciñal espera a asistencia de milleiros de persoas dos concellos da comarca, a máis directamente afectada pola factoría de Greenfiber, e tamén do resto de Galicia. Como destacaba hai unhas semanas Marta Gontá, unha das voceiras da Plataforma, "Altri non é só problema da Ulloa, é de toda Galicia: se deixamos que pase aquí, mañá pode pasar en calquera outro sitio".

A manifestación, baixo o lema “Dende a Ulloa ata a Ría, terra auga e aire son vida”, comezará ás 12 no polígono industrial de Palas e rematará na Praza da Feira, despois dun percorrido de pouco máis dun quilómetro. Alí Maika Sánchez Fuciños e Mónica Cea lerán o manifesto e a continuación haberá actuacións musicais.

A organización difundiu unha serie de zonas de aparcamento recomendadas e a demanda de, dentro do posible, se comparta vehículo para chegar ata Palas, para o que creou un espazo dentro de Facebook para facilitar o proceso. Ademais, distintas asociacións, concellos e plataformas puxeron en marcha un servizo de autobús para desprazarse ata Palas dende distintos lugares de Galicia, que se poden consultar neste enlace

Percorrido da manifestación en contra do proxecto de Altri deste domingo 26 e zonas recomendadas para o aparcamento de vehículos © Plataforma Ulloa Viva

Haberá autobuses para acudir á manifestación dende distintos lugares de Galicia

Haberá autobuses dende Agolada, Antas de Ulla, Arzúa, Melide, Santiso, Vigo, Cangas, Pontevedra, Boiro, A Illa de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Rianxo, Catoira, Valga, Pontecesures, Dodro, Rois, Padrón, Santiago, Lugo, A Coruña ou Ferrol. A organización da marcha tamén distribuíu unha listaxe de locais de hostalaría para xantar o domingo na vila, recomendando que se reserve previamente coa previsión de que a manifestación remate ás tres da tarde.

Nos últimos días formalizouse a creación do Colectivo A Ulla Viva, impulsado por veciñanza dos concellos de Teo, Vedra e Boqueixón, de loita contra a instalación da factoría de Altri

Nas últimas semanas a Plataforma por unha Ulloa Viva intensificou o seu labor de concienciación e de mobilización da cidadanía dos concellos da Ulloa e das comarcas próximas, destacando que "sobran os motivos" para participar na manifestación do domingo 26 con vídeos coma este.

Nos últimos días, ademais, formalizouse a creación do Colectivo A Ulla Viva, impulsado por veciñanza dos concellos de Teo, Vedra e Boqueixón, de loita contra a instalación da factoría de Altri. Entre as persoas que participaron na asemblea celebrada no local social da Asociación Ponte Vella estaban presentes representantes de varias asociacións ou colectivos da zona da Ulla (veciñais, sociais e relacionados con actividade do río).

Dende Arzúa, e o colectivo Arzúa Viva, membro da Platafora Ulloa Viva, destacou que “a implantación da macrocelulosa en Palas de Rei suporía un gran prexuizo non tan só para a comarca da Ulloa, senón tamén para o conxunto do país, e nomeadamente para Arzúa e a súa comarca, xa que esta afectaría a dous dos principais sectores económicos da nosa vila como son o sector agrícola e de transformación, así como o sector turístico vinculado ao camiño de Santiago"

Encontros no Congreso dos Deputados

Este martes 21 representantes da Plataforma Ulloa Viva desprazáronse ao Congreso dos Deputados para manter reunións cos voceiros en materia de Industria dos principais partidos representados na Cámara Baixa

Este martes 21 representantes da Plataforma Ulloa Viva desprazáronse ao Congreso dos Deputados para manter reunións cos voceiros en materia de Industria dos principais partidos representados na Cámara Baixa. Nas xuntanzas a presidenta da Plataforma, Marta Gontá, a presidenta das mariscadoras a pé de Carril, María Porto, e a productora de carne ecolóxica galega de Traloagro (Friol), Isabelle Gómez, trasladaron aos grupos parlamentarioas os informes elaborados por expertos en distintos eidos que acreditan que o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei pon en perigo o modelo socioecómico, o medio ambiente, a cultura e calidade de vida e benestar dos veciños da Ulloa, o Deza, Terra de Melide e Arzúa.

Imaxes das xuntanzas mantidas este martes no Congreso con representantes de PP, PSOE, Sumar, BNG, ERC e Bildu © Plataforma Ulloa Viva

O PSOE trasladou o seu apoio explicando que van estar "moi vixiantes ao respecto", pero deixaron claro que as competencias na tramitación ata o de agora están na Xunta

Nas xuntanzas, as representantes de Sumar expresaron á delegación o seu apoio e amosaron "disposición para tentar un encontro cos ministerios competentes". Polo BNG, Néstor Rego reiterou o posicionamento da formación "totalmente en contra" da macrocelulosa e avanzou que o seguirá a presentar iniciativas neste senso no Congreso e no Senado. Tamén ERC, Bildu, PNV e Podemos amosaron o seu apoio á Plataforma.

O PSOE trasladou tamén o seu apoio explicando que van estar "moi vixiantes ao respecto", pero deixaron claro que as competencias na tramitación ata o de agora están na Xunta de Galicia. Aseguraron que estarán "dispoñibles e atentos" e que se o proxecto da macrocelulosa non cumpre coa legalidade "non terá fondos de ningún ministerio do Estado".

Pola súa banda, o PP buscou trasladar á plataforma "tranquilidade", asegurando que ningún proxecto "sairá adiante se non cumpre coa normativa". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.