Menos peregrinos e "un deterioro irreparable da economía local": os efectos de Altri sobre o Camiño de Santiago na Ulloa

Peregrinos na etapa Palas de Rei-Melide do Camiño Francés © CamiñodeSantiago.gal

Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, o Sindicato Labrego Galego e a Plataforma Ulloa Viva remitiron unha carta ao ministro de Cultura, Ernest Urtasun, na que alertan "das graves afectacións" que tería a celulosa de Altri-Greenfiber no Camiño Francés, no Camiño Primitivo e na Ruta Eurovelo 3

A comarca da Ulloa, no centro de Galicia, é un punto de paso clave do Camiño de Santiago, especialmente do Camiño Francés, que atravesa Monterroso e Palas de Rei en dirección a Melide e Arzúa, e tamén do Camiño Primitivo, que pasa por Augas Santas (Palas) antes de chegar a Melide. Nos últimos anos o Camiño converteuse nunha importante fonte de ingresos para uns concellos cun sector turístico crecente e que dá traballo directo e indirecto a un gran número de persoas. 

Dende que se coñeceron os detalles da celulosa que Altri-Greenfiber pretende instalar en Palas de Rei o movemento veciñal que se opón ao proxecto vén sinalando os graves prexuízos que a factoría pode provocar ao Camiño de Santiago e, en xeral, á actividade turística na comarca, entre outros sectores económicos.

Agora Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, o Sindicato Labrego Galego e a Plataforma Ulloa Viva veñen de remitir unha carta ao ministro de Cultura, Ernest Urtasun, na que alertan "das graves afectacións" que tería a celulosa de Altri-Greenfiber no Camiño Francés, no Camiño Primitivo -declarados Patrimonio Mundial da Humanidade pola UNESCO-, e na Ruta Eurovelo 3, que tamén atravesa a comarca.

Altri pretense instalar a súa planta a escasos metros da zoa de afección do Camiño Francés ©

As entidades sinalan que o impacto ambiental e paisaxístico que se produciría no Camiño Francés, o máis afectado, "ocasionaría un progresivo e alarmante descenso do número de peregrinacións e un deterioro irreparable da economía local"

As entidades sinalan que o impacto ambiental e paisaxístico que se produciría no Camiño Francés, o máis afectado, "ocasionaría un progresivo e alarmante descenso do número de peregrinacións e un deterioro irreparable da economía local". Así mesmo, din que "a contaminación lumínica e sonora, o impacto na Rede Natura 2000 e a contaminación do aire, auga e terra serían constantes día e noite". 

As asociacións asinantes elaboraron ademais un  informe específico coas afectacións que poden ser de competencia do Ministerio de Cultura. No documento cualifican de "irracional" a posible concesión de fondos públicos "a unha actividade tan destrutiva co medio ambiente, co patrimonio cultural e cos sectores primarios galegos". Destacan que o Camiño de Santiago e as actividades do sector primario "son os maiores impulsores da economía" nestas comarcas da Galicia interior, nas que predomina "unha economía sostible e respectuosa co medio, asociada á agricultura e á gandería, á producción ecolóxica, ás industrias agroalimentarias, así como os hábitos e a forma de vida tradicionais que modelan a paisaxe antrópica, e que fan delas o maior atractivo para quen peregrina por estes camiños". 

"Instalar unha macro fábrica de produción de celulosa no medio desta paraxe a menos de 2000 metros do Camiño, non parece a mellor maneira de defender a economía local", din

"Cantos concellos galegos ou doutra parte de España de menos de 10.000 habitantes poden presumir de ter máis de 200.000 persoas visitándoos ao longo do ano e achegando á economía local diariamente alén dos períodos categorizados de tempada alta?", pregúntanse as entidades no informe, no que lembran que "esta actividade non é estacional, ocupa practicamente todos os meses do ano"

"Instalar unha macro fábrica de produción de celulosa no medio desta paraxe, que achegue un cambio de paisaxe coas súas instalacións, incremento de tránsito de camións de gran tonelaxe a todas as horas do día, cun incremento de ruído e contaminación visual, lumínica e acústica a menos de 2000 metros do Camiño, non parece a mellor maneira de defender a economía local e menos aínda de ir en consonancia cos valores e criterios polos que o Camiño foi declarado Patrimonio Mundial", conclúen.

O Camiño Francés, ao seu paso pola comarca da Ulloa © Ecoloxistas en Acción

Lembran, así mesmo, que o proxecto afectaría negativamente ao patrimonio cultural con incidencia directa na Rede Natura 2000 (ZEC Serra do Careón e outros) e aos proxectos de ampliación da mesma

Lembran, así mesmo, que o proxecto afectaría negativamente ao patrimonio cultural con incidencia directa na Rede Natura 2000 (ZEC Serra do Careón e outros) e aos proxectos de ampliación da mesma.

Ademais, indican que tamén afectará culturalmente a ribeira do río Ulla, que está ligada ás tradicións, sendo todo un símbolo paisaxístico, cultural e económico con numerosos elementos patrimoniais e antigas referencias no Códice Calixtino formando parte do Camino de Santiago. 

Recentemente, as mesmas organizacións trasladaron a todos os concellos bañados por este río, ou que captan augas para abastecemento da poboación, a petición “Declaración de dereitos do río Ulla e dos compromisos da súa comunidade ribeirá”. Esta petición fana extensiva ao ministro de Cultura, ao que solicitan unha declaración institucional de dereitos do río Ulla e o compromiso de protección como ben cultural e natural.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.