Rueda, preguntado por axudas a Altri, di que a Xunta "vai estar comprometida" con calquera proxecto que cree emprego

Alfonso Rueda na sesión de control á Xunta deste mércores CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Besteiro pide ao presidente que aclare o grao de apoio político do Goberno galego ao proxecto previsto en Palas: "Din vostedes que é privado pero aspira a ter axudas públicas"

Ante calquera proxecto empresarial, "se crea emprego industrial e postos de traballo, a Xunta vai estar aí comprometida, non lle caiba ningunha dúbida". Así respondeu este mércores o presidente Rueda á pregunta directa que lle formulou José Ramón Gómez Besteiro, portavoz parlamentario do PSdeG, sobre posibles axudas económicas públicas do Goberno galego ao proxecto que Altri impulsa en Palas de Rei. 

Foi na primeira sesión de control ordinaria á Xunta no Parlamento desta nova lexislatura, na que a portavoz do BNG, Ana Pontón, insistiu na necesidade de auditar os contratos públicos asinados pola pandemia, cuestión que Rueda non considera necesaria e na que se remitiu ao control xa realizado polo Consello de Contas, que detectou diversas irrregularidades.

O portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, na súa primeira sesión de control á Xunta este mércores CC-BY-SA PSdeG

Sobre Altri, Besteiro cualificouno como "un proxecto público" ante o apoio expreso que vén recibindo da Xunta. O socialista considerou "evidente" que o Goberno galego o condicione a obter o visto bo ambiental, "pero ten que contestar se vai haber financiamento da Xunta", engadiu. "Din vostedes que é privado pero aspira a ter axudas públicas", incidiu o socialista, que lamentou que "o silencio" arredor do proxecto "xera incerteza e temor". [Os fondos públicos que Altri reclama para instalarse en Palas dependen do visto e prace ambiental da UE]

Ante esa pregunta concreta, e sen mencionar a Altri, Rueda amosou a súa intención de apoiar calquera proxecto que cree emprego industrial se cumpre os requisitos ambientais. E, ao tempo, insinuou que coa súa pregunta Besteiro estaría a avanzar unha posible negativa do Goberno de España a apoiar igualmente o proxecto industrial.

Ana Pontón amosa unha copia do informe do Consello de Contas sobre os contratos da COVID, este 24 na sesión de control a Rueda CC-BY-NC-SA Parlamento de Galicia

Rueda saca peito polo aval do Constitucional á Lei do Litoral e BNG e PSdeG lembran que non votaron en contra

Na sesión de control deste mércores Rueda tamén sacou peito da sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei do Litoral impulsada pola Xunta e que recorrera o Goberno de España. O presidente tentou botar en cara o recurso estatal fracasado a PSdeG e BNG, pero o socialista Besteiro lembrou que os socialistas galegos non votaron en contra da lei. O PSdeG, ao igual que o BNG, abstívose na aprobación da norma no Parlamento de Galicia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.