Altri, protagonista da investidura: Rueda pide respecto "á liberdade dos funcionarios"

O proxecto de Altri en Palas de Rei foi protagonista do debate de investidura de Alfonso Rueda CC-BY-SA Praza Pública

Pontón cualifica o proxecto de "bomba ambiental" e Besteiro di que "ía ser o gran proxecto verde do PP e o que sabemos é que o PP está moi verde"

O proxecto de fábrica de celulosa e fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei foi un dos protagonistas do debate de investidura que este xoves rematou coa reelección de Alfonso Rueda como presidente da Xunta. O "tema do día", como o chegou a cualificar o socialista José Ramón Gómez Besteiro. A oposición volveu amosar as súas dúbidas sobre o impacto ambiental e social desa instalación industrial, mentres que Rueda presentou o seu futuro como unha cuestión técnica allea á súa vontade política e pediu "un respecto á liberdade e obxectividade dos funcionarios".

Rueda, Pontón e Besteiro durante o debate de investidura do primeiro o 11 de abril de 2024 CC-BY-SA Praza Pública

Xa no seu discurso inicial do martes Rueda, sen citar expresamente a Altri, admitiu que hai "un intenso debate público" sobre "a convivencia do desenvolvemento industrial e a conservación do noso patrimonio natural". Pero censurou "que se queira enganar ou manipular á sociedade galega presentándolle unha disxuntiva que é falsa: ou industria ou medio ambiente" e proclamou "industria e medio ambiente, as dúas cousas". "Por suposto que non vai saír adiante, en ningún caso e baixo ningún concepto, ningún proxecto empresarial que sexa incompabitle coa preservación do medio ambiente", sentenciou.

Este xoves, na réplica do resto de grupos, o socialista José Ramón Gómez Besteiro foi o primeiro en amosar dúbidas sobre o proxecto de Altri asegurando que "moitos galegos están preocupados porque levan dous anos escoitando que hai unha gran industria que vai ser boísima, que se vai instalar en Galicia para facer fibra téxtil, que ía crear 2.500 empregos, e resulta que agora non paran de ler que pode ter sido todo unha gran farsa para instalar unha gran celulosa". "Altri ía ser o gran proxecto verde do PP e, de momento, o único que sabemos é que o PP está moi verde", sentenciou o socialista.

Plano da futura localización da planta de Altri en Palas de Rei © Altri

Despois foi a nacionalista Ana Pontón quen, ao apostar por "unha industria do século XXI, sustentable co territorio", asegurou que non vai permitir "que coloquen unha bomba ambiental no rural galego como a macro celulosa de Altri, un proxecto sobre o que mentiron, enganaron e ocultaron información tanto ao Parlamento como á sociedade, e agora sabemos por que". Para Pontón, o proxecto de Altri "supón máis eucalipto, converter o noso monte nun polvorín e ignorar o cambio climático". 

O PP acusou á oposición de mudar de postura malia que o que aprobaron hai dous anos no Parlamento foi apoiar unha industria de fibras téxtiles, sen referencias á celulosa que agora inclúe o proxecto

Fronte ás críticas e dúbidas de BNG e PSdeG, os populares optaron pola defensa do proxecto de Altri, ao que dedicou boa parte da súa intervención o portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos Couñago. Segundo dixo, a Xunta só autorizará o proxecto se cumpre todos os requisitos ambientais, e tentou afear á oposición un suposto cambio de postura asegurando que BNG e PSdeG apoiaran a iniciativa no Parlamento. Pola contra, o aprobado pola Cámara por unanimidade hai máis de dous anos, en febreiro de 2022, foi o apoio a unha posible industria de fibras téxtiles "preferentemente" na Mariña para compensar a desindustrialización daquela comarca.

O ataque do portavoz do PPdeG á oposición foi retrucado por Pontón asegurando que os populares "mentiron" sobre o proxecto e o "esconderon" ata despois da campaña electoral para descubrir agora que non vai ser unha fábrica de fibras téxtiles senón "unha macro celulosa".

Texto da proposición non de lei sobre Altri aprobada por unanimidade no Parlamento en febreiro de 2022 CC-BY-NC-SA Praza.gal

Pero a defensa de Altri non quedou só en mans do grupo popular senón que a asumiu o propio Rueda, aínda que oscilando entre amosar o seu apoio político ao proxecto industrial deitando a responsabilidade do permiso ambiental nos técnicos da Xunta, para os que pediu respecto insinuando que están a ser atacados pola oposición. "Se Altri cumpre, irá para adiante", sentenciou Rueda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.