"Vostede ten os votos necesarios para ser un lexítimo presidente, pero non atopamos a ambición de país que é imprescindible para ser un bo presidente", dixo o socialista
"Eu creo no meu país, non podería facer política no meu país sen crer nel, por iso quero facer explícito un recoñecemento á lexitimidade coa que sairá hoxe, señor Rueda". Así comezou este xoves o portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, o seu discurso no debate de investidura de Alfonso Rueda como presidente da Xunta. Nesa liña, na súa réplica ao discurso de Rueda do martes, Besteiro defendeu que nesta lexislatura se practique en Galicia "unha política vigorosa pero limpa" e comprometeuse a facelo desde a oposición pero "con vocación de goberno".
Porén, máis alá desa man tendida, Besteiro matizou a continuación, ben ao comezo da súa intervención, que "a lexitimidade non é suficiente, por iso o voto negativo" dos socialistas nesta investidura.
Besteiro fiou o seu discurso, o primeiro no Parlamento como deputado -comparecera varias veces como presidente da Deputación de Lugo para presentar os orzamentos desa institución- seguindo os pasos dunha hipotética parella duns 30 anos cunha nena pequena, repasando os diversos atrancos que se atopa na Galicia actual para poder desenvolver os seus proxectos vitais. Relatou, tras lembrar que Rueda leva 15 anos no Goberno de Galicia, as dificultades de acceso á vivenda, as eivas do transporte público, a imposibilidade de obter unha cita médica ou a falta de prazas nas escolas infantís ou nas residencias de maiores.
Besteiro fiou o seu discurso seguindo os pasos dunha hipotética parella duns 30 anos cunha nena pequena, repasando os diversos atrancos que se atopa na Galicia actual
Fronte a eses e outros problemas, Besteiro ofreceu a Rueda cinco acordos de país en materia de vivenda, sanidade, industria, lingua galega e administración local. En vivenda, o socialista defende a construción de 2.500 vivendas públicas ao ano, duplicar o bono alugueiro, declarar zonas tensionadas para controlar os prezos ou regular a proliferación de vivendas turísticas.
No eido da sanidade, reclamou un plan extraordinario de contratación de persoal para "que toda persoa teña en Atención Primaria un profesional sanitario axeitado en 48 horas". No campo industrial, Besteiro quere apostar polas renovables creando "un ecosistema económico conformado por enerxía, empresas industria e con seguridade xurídica". A respecto da lingua apostou por un acordo "pola defensa do galego" para "que nesta lexislatura compense todo o dano que lle fixo á nosa lingua". E en cuestión de administración local, avogou porque a Xunta colabore para rematar "cos problemas da infrafinanciación e competencias impropias".
O socialista tamén fixo referencia no seu discurso a cuestións máis alá da política galega, con condenas ás invasións de Ucraína e Gaza por Rusia e Israel ou peticións ao PP para que non empregue a Xunta como arma contra Pedro Sánchez en apoio de Alberto Núñez Feijóo. "Mal comeza unha lexislatura cando é necesario buscar inimigos para autodefinirse", dixo Besteiro.
"Para que quere ser presidente? Non atopamos a ambición de país que é imprescindible", afeou o portavoz do PSdeG
Nesa liña, o socialista rematou a súa intervención retomando o comezo da mesma. "Para que quere ser presidente?", preguntou retoricamente a Rueda. "Vostede ten os votos necesarios para ser un lexítimo presidente, pero non atopamos a ambición de país que é imprescindible para ser un bo presidente", engadiu. Pola contra, Besteiro asegurou que o PSdeG "sempre actuará con responsabilidade e ambición de país", con "altura de miras" pola súa "vocación de goberno"
Besteiro rematou o seu discurso asegurando que "hai desafíos, pero hai recursos e un pobo valente e sabio para afrontalos". "Eu creo no meu país, e por iso vou traballar pola Galicia que verdadeiramente pode ser".