Rueda, investidura e "un pouco de paciencia"

Rueda conversa con membros do Goberno galego en funcións e do PP ao inicio da sesión constitutiva do Parlamento da XII Lexislatura, o pasado 18 de marzo CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Nas semanas previas á convocatoria das eleccións galegas celebradas o pasado 18 de febreiro as principais forzas políticas manexaban datos demoscópicos que, alén das estimacións de voto, apuntaban a que o conselleiro máis coñecido pola poboación era o de Sanidade, Julio García Comesaña. O máis coñecido, pero descoñecido por medio país, xa que o seu nivel de coñecemento roldaba o 48%.

Nas semanas previas á convocatoria electoral os partidos manexaban enquisas nas que conselleiro máis coñecido era descoñecido para medio país e a maioría do Consello da Xunta eran persoas ignotas para arredor do 70% da poboación

Tras Comesaña situábase o titular de Cultura e Educación, Román Rodríguez, con arredor do 35%. Só unha integrante máis do Consello da Xunta, a responsable de Infraestuturas, Ethel Vázquez, superaba o 30% -roldaba o 32%- malia ser conselleira dende 2014. Os restantes superaban con maior ou menor folgura o 20% con datos tan significativos como que o vicepresidente Diego Calvo era un descoñecido para as tres cuartas partes da poboación. Entre quen os coñecía, iso si, conseguían o aprobado xusto, a maioría na contorna do 5 nunha escala de 1 ao 10.

Rueda, ante unha réplica do mapa de Fontán, dirixíndose á xuntanza do Consello da Xunta do pasado 4 de abril, o derradeiro do Goberno en funcións CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Estes números, con lixeiras variacións á alza ou á baixa, foron tamén publicados nos tempos previos ás eleccións polo Instituto Sondaxe, a empresa de enquisas da empresa editora de La Voz de Galicia. Son cifras que, no que atinxe ás conselleiras e conselleiros, non variaron en exceso en comparación cos anos en que o presidente era Alberto Núñez Feijóo, nos que Xunta e PP se esforzaron por potenciar un único nome entre os integrantes do Consello, o do presidente mesmo, mentres asumían que departamentos manexan centos ou milleiros de millóns de euros ao ano tivesen á fronte perfís ignotos para o groso do electorado.

Nos anos de Feijóo Xunta e PP esforzáronse por potenciar un único nome, o do presidente, nun Goberno cuxa "estrutura" di Rueda que agora si vai mudar. Nomes coma os de Valentín García ou José López Campos soan para entrar nun gabinete do que só é seguro que sae Ethel Vázquez

Esta realidade é imprescindible para contextualizar a atonía, a case anestesia que acompañou a escena política galega dende o pasado 18F. E tamén a ausencia practicamente total de expectación, alén das propias persoas interesadas, mentres o PP deu en dilatar os prazos para abordar a investidura de Alfonso Rueda, que finalmente principia este 9 de abril no Parlamento cos nomes das conselleiras e conselleiros, precisamente, como principal incógnita. 

"Un pouco de paciencia", solicitou Rueda cando, a pasada semana, foi cuestionado pola prensa sobre os seus plans para  a composición do novo Goberno tras a derradeira reunión ordinaria do Consello en funcións. O que o gabinete de quen está a piques de ser presidente electo preferiu transmitir é que Rueda aproveitará o seu discurso deste martes para avanzar cambios na "estrutura" das consellerías herdada de Feijóo en 2022, á que daquela só introduciu algúns axustes, como o regreso de Turismo á dependencia orgánica directa da Presidencia.

Rolda de consultas do presidente do Parlamento para a investidura con Alberto Pazos (PP), Ana Pontón (BNG), José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG) e Armando Ojea (DO) © Parlamento de Galicia

Esa redistribución de "estrutura" e competencias pode apuntar algunhas pistas sobre a identidade das persoas que pilotarán as consellerías no inicio da duodécima lexislatura. Nomes coma os de Valentín García, ata agora secretario xeral de Política Lingüística e coordinador do programa electoral do PPdeG para o 18F, ou o de José López Campos, alcalde da Estrada, soan nos círculos políticos como posibles conselleiros nun contexto no que, en calquera caso, o único seguro é a mudanza na área de Infraestruturas tras o envío de Ethel Vázquez á Mesa do Parlamento.

Rueda promete "sentidiño" para un Goberno no que resta saber se aposta por que sobresaia alén e San Caetano algún nome alén do seu propio. Pontón e Besteiro xa anticiparon o "non" de BNG e PSdeG á investidura

Na véspera do inicio do seu primeiro voo presidencial en solitario, Rueda indicaba en declaracións á prensa que no seu discurso prevé "falar dos moitos temas que preocupan aos galegos" e dos que se ocupará o seu Goberno con "sentidiño" e "obxectividade". Resta saber se nesa aposta está tamén que sobresaia alén dos muros de San Caetano algún nome alén do seu propio.

Tras o discurso deste martes, o xoves chegará o debate de investidura propiamente dito, coas intervencións de Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, líderes de BNG e PSdeG, e mais co debut parlamentario do deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea. Tanto nacionalistas como socialistas xa anticiparon cadanseus "non" á investidura do popular, asegurada polos 40 escanos obtidos o 18 de febreiro, mentres que DO o aclarará na propia sesión.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.