Lembran? Hai algo máis de corenta días, o PP celebraba a súa quinta maioría absoluta consecutiva en Galicia, a primeira con Alfonso Rueda como cabeza de cartel. Dende aquela pasar, o que se di pasar… pasou bastante pouco na escena política e institucional galega. Pouco máis que a constitución do Parlamento o pasado 18 de marzo, un acto regrado que si ou si había que celebrar na hora e data previstas na propia convocatoria das eleccións.
Alén disto, as pulsacións políticas do país tenden a cero. Sobre todo, na contorna do PP, onde mesmo unha voda propicia que se dilaten os prazos para a reelección de Rueda como presidente. Calquera diría que a primeira pugna da duodécima lexislatura galega vai ser unha pugna contra a anestesia.
Tentamos pasar á sección de espertar para ver se, entre a anestesia, temos algo que falar sobre o panorama político do país saído das eleccións que (lembran?) se celebraron hai xa case dous meses
Neste novo episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, tentamos pasar á sección de espertares e reanimación para ver se, entre esa anestesia, temos algo que falar sobre o panorama político do país saído das eleccións que se celebraron hai xa case dous meses.
Con David Reinero, xornalista de Praza.gal que segue habitualmente a actualidade do PP e do Goberno galego, afondamos nas razóns desta parálise postelectoral. Tamén no perfil institucional -e de país- do reelixido presidente do Parlamento, Miguel Santalices.
No segundo treito do programa abrimos o espazo de VINTE. Como saben as nosas socias e socios, a revista está en transición, en proceso de cambio, de inicio dunha nova xeira. Á fronte desa reflexión, pero tamén á fronte da coordinación do traballo diario está a nosa compañeira Vanesa Vázquez, que nos achega algúns dos últimos contidos de VINTE como as gorentosas escapadas gastronómicas que nos vén recomendando Jorge Guitián.
Vanesa Vázquez preséntanos os primeiros contidos da nova xeira de VINTE, unha revista en transición
Percorridos por videoclubs e bibliotecas con Raquel Pico, unha ollada diferente ás eleccións do 18F a través da mocidade e do audiovisual ou unha conversa con Lidia Veiga, unha das actrices máis interesantes do momento, están tamén no inicio desta nova xeira de VINTE e neste episodio do Fálase. De fondo, músicas como a versión da Carmiña Vacaloura dos británicos Sugar Darling, que tamén descubrimos nas últimas semanas, ou a despedida agarimosa dende Galicia a Akira Toriyama, pai de personaxes como Son Goku ou Arale e o Doutor Slump.
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast, YouTube e mais en Podgalego.