O delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, asegurou este xoves que "se está avanzando" na identificación do posible responsable ou responsables dos avisos de falsas bombas que provocaron o desaloxo de ducias de centros educativos en Galicia e foron recibidas por, cando menos, 80 colexios ou institutos.
A policía "está avanzando" na identificación dos responsables das ameazas falsas que afectaron arredor de 80 centros en Galicia
"A verdade é que foi unha situación certamente rara, pero a colaboración entre a Consellería de Educación, a Xunta e as forzas e corpos de seguridade do Estado foi permanente e constante", dixo Blanco, que enviou unha "mensaxe de tranquilidade" ás familias, ao alumnado e ao profesorado, que retomaron este xoves as aulas con total normalidade.
O delegado explicou que "parece que noutros colexios se están a recibir correos de data anterior" tamén con ameazas como as deste pasado mércores que "afortunadamente non se traduciron en realidades".
A mensaxe recibida ("Minamos el edificio de mashe [sic]. Si desea salvar la vida de los estudiantes, abandone el edificio inmediatamente") foi recibida por un mínimo duns 80 centros educativos en Galicia, que foi o territorio elixido para unirse á lista de países e cidades que en toda Europa sufriron tamén nas últimas semanas avisos sobre supostos explosivos instalados en colexios e institutos.
A Coruña, con máis de 30 centros desaloxados nun curto espazo de tempo, foi o epicentro dunha ameaza que obrigou a evacuar milleiros de nenos
A Coruña, con máis de 30 centros afectados, nun curto período de tempo e nunha cidade pequena e de elevada densidade de poboación, foi o epicentro dunha acción que non tivo consecuencias graves pero si provocou o temor e a angustia entre o profesorado, o alumnado e as familias.
Entre Riazor e os barrios de San Roque e Labañou, nun radio de pouco máis de medio quilómetro, foron desaloxados catro colexios e máis de 2.500 alumnos e alumnas case a un tempo, mentres no resto da cidade a evacuación era levada a cabo en ducias de centros máis, con varios milleiros de rapaces afectados.
Segundo fontes policiais, na Coruña as ameazas de bomba obrigaron a despregar todos os axentes dispoñibles na quenda, ademais das brigadas de información e os TEDAX, unha despregadura moi importante que incluíu tamén numerosos axentes da policía local, así como da Garda Civil noutras localidades.
A ameaza obrigou a despregar todos os axentes da policía dispoñibles, as brigadas de información, os TEDAX e policías locais na cidade
Foi, ademais, un dispositivo que durou moitas horas, xa que os axentes comprobaron e certificaron un por un nos máis de 30 centros da cidade afectados que non había explosivo nin risco ningún, o que obrigou non só a desaloxar os colexios e institutos, senón a que o alumnado —na maioría dos casos— tivese que deixar as súas pertenzas ata o día seguinte. O operativo durou todo o día desde que os primeiros correos foron lidos.
Na volta ao colexio, son varios os equipos directivos ou profesorado dos centros que se felicitan polo comportamento e a responsabilidade amosada polo alumnado, así como polo cumprimento estrito dos protocolos, máis aló de que foran moitos os que advertisen dunha máis que posible falsa alarma.
"Demostrouse que facer os simulacros e concienciar o alumnado funciona; saíu todo ben, a rapazada reaccionou con orde e axiña", contaba unha profesora dun centro afectado. Iso non evitou que, paradoxalmente, o cumprimento dos protocolos e a rápida actuación en moitos centros provocase maior angustia e temor entre a rapazada. "Viron que era algo real, que non estabamos de broma, porque estaban avisados de como actuar", relataban desde o mesmo centro.
Os colexios que leron antes o correo e que máis axiña aplicaron o protocolo foron os que sufriron unha maior tensión
Neste, e en moitos outros, houbo bágoas e nervios dabondo, máis cando viron a policía aparecer e nenos e nenas tiveron que saír apurados, sen as súas pertenzas e sen roupa de abrigo, e en moitos casos á espera de seus pais. Mentres, noutros colexios, que o correo chegase á bandexa de spam ou que non fose advertido ata tempo despois de ser recibido reduciu a tensión porque, cando se decataron, a alerta xa era moito menor.
"Todo volveu á normalidade absoluta", explica Antonio Leonardo Pastor, presidente da Asociación de Directores de Colexios Públicos da Coruña, que destacou a resposta "totalmente ordenada, protocolaria e axeitada" por parte dos centros na cidade. "Non foi caótico pero é lóxico que provocase inquedanza ou alteración entre parte do alumnado e nas familias", conta.
"Non temos máis remedio"
"Cando hai unha ameaza así, independentemente do que pensemos da mensaxe ou da súa credibilidade, temos que actuar como o fixemos por prevención e por seguridade; non temos máis remedio", explica Leonardo Pastor, que lamenta que sexa "tan sinxelo" provocar un trastorno como o que este mércores sufriu boa parte da comunidade educativa na Coruña.
"Tocounos agora na cidade, pero xa o vimos noutros sitios de Europa, nos colexios de Italia ou noutros ámbitos, como o que afecta a supermercados e centros comerciais que quedan en frigoríficos; mandar unha mensaxe ameazante a varios centros educativos é, por desgraza, moi sinxelo", conclúe.