Unha vaga de falsas ameazas de bomba a través de correos electrónicos obrigou a desaloxar ducias de colexios en toda Galicia, sobre todo na cidade da Coruña, e a que a policía e grupos especializados en explosivos levasen a cabo varias intervencións. "Soaron tres veces as alarmas, baixamos todos ao patio e moitos nenos chegaban alí chorando... Logo veu a policía e fóronnos sacando para fóra, sen mochila nin cazadora, nin nada", relataba unha pequena mentres ela e o resto de alumnado era desaloxado contra as dúas da tarde do CEIP de Prácticas da Coruña.
Máis de vinte centros educativos foron desaloxados só na cidade da Coruña, pero houbo evacuacións ou intervención policial en varios centros máis por toda Galicia
Nesta cidade, máis dunha vintena de centros foron desaloxados e requiriron da presenza da policía, segundo fontes municipais e dos propios colexios. A afectación foi confirmada no Ramón de la Sagra, Otero Pedrayo, A Torre, Prácticas, Compañía de María, Zalaeta, Raquel Camacho, Liceo, Santa María del Mar, Rosalía Mera, Escravas, Curros Enríquez, Novo Mesoiro, Urbano Lugrís, Rosalía de Castro, Labaca, Dominicos, Wenceslao Fernández Flórez, Salgado Torres, Anxo da Garda, Peñarredonda, Jesuitinas, Víctor López Seoane ou Paseo das Pontes, como mínimo. Noutras partes de Galicia evacuáronse o IES San Xillao en Lugo ou o Xelmírez II en Santiago e algunha outra instalación educativa en Culleredo. E ao longo do día fóronse coñecendo máis casos, pero en varios deles non houbo desaloxo senón unicamente inspección por parte das forzas de seguridade, como en varios institutos de Pontevedra.
"Minamos el edificio de mashe [sic]. Si desea salvar la vida de los estudiantes, abandone el edificio inmediatamente". Este foi o correo que recibiron numerosos centros escolares de Galicia, pero foi na Coruña onde se desatou o caos en moitos centros e barrios, ao xuntarse máis dunha vintena de ameazas case a un tempo que resultaron ser falsas. Pero a policía deu ordes de activar o protocolo e evacuar para garantir a seguridade e en moitos colexios seguíronse tamén as directrices que marcan os simulacros feitos anteriormente ante ameazas coma estas.
"Papá, choraban as nenas maiores!", relata unha pequena dun centro da Coruña onde o profesorado desaloxou e puxo a salvo o alumnado antes da chegada das familias
"Cando soou a primeira alarma pensei nun simulacro, pero cando a oín por terceira vez e vin a cara desencaixada do director souben que algo había", explica Laura, profesora de Infantil no CEIP de Prácticas coruñés, onde desde pouco antes das 14 horas a rapazada foi desaloxada entre as bágoas de moitos deles, nerviosos e alterados pola situación. "Papá, choraban nenas maiores, as maiores!", relataba unha pequena a seu pai á saída do cole, mentres explicaba que "alguén malo fixo unha broma, pero iso non ten gracia". "Sacáronnos sen mochila", relataba estrañada sobre unha das medidas que indica o protocolo de evacuación para estes casos.
Foi o seu xeito de explicar a situación, que para algunha cativada non deixou de ser un simulacro. Pero o engano non valía para os maiores, asustados. En moitos colexios, polas présas e o protocolo axeitado, o alumnado abandonou os centros sen as súas mochilas ou a roupa de abrigo e, os máis grandes, sen as chaves, polo que non puideron volver á casa ata que chegasen seus pais. No caso dos pequenos, a maioría foron recollidos o máis axiña posible, pero contra as 4 da tarde aínda quedaban rapaces á espera nalgúns centros, onde a policía se mantiña ata que se certificase que a ameaza de bomba, como xa se prevía, era falsa.
"Cando as familias nos decatamos e acudimos, todos os nenos estaban a salvo e todo organizado", explican desde a ANPA deste centro. "Pois si, está claro que os simulacros funcionan: así que soaron as alarmas, a rapazada colocouse en ringleiras e baixou con tranquilidade e o profesorado organizouse axiña", explica Laura, a profesora, orgullosa do comportamento dos pequenos pero aínda nerviosa polo ocorrido.
De pequeno susto ás bágoas
Cada colexio foi un caso. Nalgúns, ou porque se leu o correo de ameaza máis tarde ou porque nin tan sequera se leu (houbo casos nos que entrou na bandexa de spam), todo quedou nun pequeno susto. Noutros foi algo máis. No Compañía de María, o alumnado de Primaria foi trasladado ao veciño colexio Fogar de Santa Margarida, mentres que os de Secundaria e Bacharelato foron a un pavillón municipal. No de Zalaeta refuxiáronse en soportais mentres se cortaba a contorna e no Rosalía de Castro o alumnado saíu do comedor logo do primeiro prato. No de Prácticas, ao activarse axiña o protocolo, suspendéronse o comedor e as actividades extraescolares. No Víctor López Seoane, foi como un día normal pero cos pais máis apurados. En varios máis, choros.
Familias ocupábanse dos fillos e fillas doutros pais e nais que non chegaran a recoller os pequenos aínda ou que non se decataran dunha situación que se desencadeou en pouco tempo. Nalgún restaurante da Coruña, grupos de nenos e nenas comían acompañados dun adulto á espera da chegada dos seus proxenitores. O tráfico, ante a cantidade de vehículos en dobre fila ás portas dos centros, complicouse. E os grupos de whatsapp botaban fume. Á tarde, no CIFP Paseo das Pontes, os TEDAX detonaron por precaución unha mochila por prevención, pero foi tamén unha falsa alarma.
Pais ocupáronse dos amigos dos compañeiros e restaurantes acolleron a grupos de rapaces á espera da chegada dos pais nunhas horas de caos de tráfico e preocupación na Coruña
"A policía local continúa traballando na contorna dos centros educativos afectados pola falsa ameaza de bomba para garantir a seguridade", advertiu o Concello da Coruña nun comunicado nas redes sociais pasadas as catro da tarde. Porque, tal e como relatan desde varios centros, o protocolo obriga a que todos os centros que recibiron a ameaza sexan inspeccionados ao longo do día e o elevado número de afectados fai que estes labores se estendan durante toda a xornada. "Pedimos tranquilidade ás familias que teñan que desprazarse aos centros para recoller os seus fillos e fillas", engadiron desde o consistorio.
"A angustia que vivimos hoxe milleiros de nais e pais que recibimos o aviso da ameaza de bomba nos nosos centros de ensino non lla desexo a ninguén. Todo o agradecemento ao profesorado, ás direccións dos centros, á Policía Nacional e Local e ás ANPA pola colaboración e a calma", dicía Avia Veira, portavoz do BNG na Coruña, afectada tamén polo caos provocado pola alerta.
Milleiros de centros escolares recibiron a semana pasa en Italia falsas ameazas de bomba e varios centos foron desaloxados
En Lugo, o Concello explicou tamén que tras a ameaza no IES San Xillaou, tomáronse "todas as medidas necesarias para garantir a seguridade das persoas que se atopaban no centro educativo e dos peóns da contorna á espera da chegada dos técnicos especialistas en desactivación de explosivos (TEDAX)".
Desde a Consellería de Educación non houbo comunicado ningún sobre unha vaga de ameazas que afectou a numerosos centros da rede pública, concertada e privada do país e remítese á policía nacional, aínda que a Xunta de Galicia di estar "preocupada" por esta situación. "É necesario que as autoridades a investigue para que se apliquen as medidas correspondentes aos autores destas ameazas", asegura.
A falta dos resultados das primeiras pescudas, o acontecido aseméllase moito ao ocorrido noutros países de Europa nas últimas semanas. En Italia, milleiros de centros escolares recibiron a pasada semana falsas ameazas de bomba e varios centos acabaron desaloxados. "Foi unha broma moi mala", resumía un pequeno na Coruña, preocupado polas bágoas dalgúns dos seus compañeiros. E tamén pola súa mochila, que quedou no colexio ata o día seguinte.