
O podcast documental Falamos de Memoria, unha produción da Fundación Praza Pública coa colaboración do Comisionado para a Celebración dos Cincuenta Anos de España en Liberdade, dedica un novo episodio ao antigo Cárcere Provincial da Coruña. O capítulo percorre a historia dun edificio inaugurado en 1927 que, apenas unha década despois, se converteu nun dos principais escenarios da represión franquista na cidade, e que hoxe permanece pechado e sen uso.
Falamos de memoria percorre a historia da prisión provincial coruñesa pola que pasaron miles de presos políticos, dende o alcalde e o gobernador civil prendidos polos golpistas ata o futbolista do Dépor Bebel García ou o guerrilleiro Foucellas
O cárcere da Torre naceu como alternativa ao antigo presidio do Parrote, cuxas condicións de insalubridade foran denunciadas, entre outras persoas, por Concepción Arenal. Deseñado segundo os criterios máis avanzados da arquitectura penitenciaria da época, o novo edificio organizábase arredor dun panóptico que permitía controlar as galerías desde un punto central. Pero a modernidade da construción non impediu que, tras o golpe militar de xullo de 1936, as súas instalacións se visen desbordadas pola chegada de miles de presos políticos: alcaldes, gobernadores, concelleiros, xornalistas, mestres e obreiros.
Entre as persoas que pasaron polo cárcere estiveron o último alcalde republicano da Coruña, Alfredo Suárez Ferrín; o gobernador civil Francisco Pérez Carballo; o futbolista do Deportivo Bebel García; e, anos máis tarde, os guerrilleiros Benigno Andrade, Foucellas, e os dirixentes comunistas José Gómez Gayoso e Antonio Seoane. O episodio aborda tamén as chamadas «sacas», as execucións no Campo da Rata e as cartas que algúns presos escribiron antes de seren fusilados. Entre elas, a derradeira carta de Gómez Gayoso á súa muller, Concha.
A prisión foi tamén escenario de distintas formas de resistencia e solidariedade. Durante os anos setenta, os presos políticos organizaron unha comunidade de apoio, formación e debate dentro das galerías. O capítulo recupera tamén as historias das mulleres que sostiveron as redes de apoio ás persoas presas e ás súas familias, como Josefa Paz, a mandadeira que levaba e traía recados, comida e cartas clandestinas.
Coas voces de David Lozano, da Comisión pola Ruperación da Memoria Histórica; Tono Galán, membro do Proxecto Cárcere e o escritor Manuel Rivas o episodio recupera o acontecido no cárcere e reflexiona sobre o seu abandono e o papel que debera xogar como lugar de memoria
Co paso dos anos, o edificio foi perdendo a súa función penitenciaria ata quedar definitivamente baleiro en 2009. En 2010 naceu a plataforma Proxecto Cárcere, que reclamou a recuperación do inmoble para usos sociocomunitarios e como espazo de memoria. A asociación conseguiu abrir as portas en agosto de 2018, pero a experiencia durou apenas uns meses: en decembro dese ano foi desaloxada e o edificio volveu quedar pechado. Hoxe, o seu futuro continúa pendente dun conflito entre o Concello da Coruña e o Ministerio do Interior.
A través das voces de David Lozano, da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica; Tono Galán, de Proxecto Cárcere; e o escritor Manuel Rivas, o episodio percorre as distintas etapas da historia do presidio e reflexiona sobre o seu abandono e o papel que debería desempeñar como lugar de memoria para a cidade.
O episodio completo xa está dispoñible canda estas liñas do web de Praza.gal e nas principais plataformas de audio: Ivoox, Spotify, Apple Podcast e mais YouTube. Esta produción da Fundación Praza Pública coa colaboración de 50 en Liberdade ten como director editorial a David Lombao, director de Praza.gal, con Miguel Pardo na coordinación de contido. A redacción e gravación das entrevistas e o guión corren a cargo de Pablo Vázquez e Paula Cermeño, con Llerena Perozo e David Lombao na narración, o traballo de montaxe de Xarda Cooperativa Audiovisual e a presentación e introdución da man de Prado Rúa.