Cheché Martín, Bebel García e outras historias de represión franquista no Deportivo

Imaxe histórica do estadio de Riazor custodiada no Arquivo de Galicia CC-BY-NC-ND Praza.gal
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-eel-1cc60d8.jpg

O podcast documental Falamos de Memoria, unha produción da Fundación Praza Pública coa colaboración do Comisionado para a Celebración dos Cincuenta Anos de España en Liberdade, dedica un novo episodio á relación entre o fútbol coruñés e a represión franquista. A través de varias historias familiares, o capítulo recupera a memoria de futbolistas e persoas vinculadas ao Deportivo que sufriron as consecuencias do golpe militar de 1936.

Falamos de memoria, a serie da Fundación Praza Pública coa colaboración de 50 en Liberdade, dedica este episodio á relación entre o fútbol coruñés e a represión franquista

Un dos protagonistas do episodio é José María Martín Martínez, coñecido como Cheché Martín. O seu pai, secretario do Concello da Coruña, foi detido e fusilado no Campo da Rata tras o golpe. Con só doce anos, Cheché tivo que exiliarse coa súa familia en Bos Aires. Alí desenvolveu en paralelo as súas carreiras futbolística e artística, ata regresar á Coruña en 1948 para facer unha proba co Deportivo e protagonizar un partido en Riazor, cunha bancada ateigada para velo xogar, que foi tamén mostra de apoio á familia represaliada. Cheché acabaría triunfando no equipo coruñés e fichando polo FC Barcelona.

Prado Rúa presenta dende o estadio de Riazor os contidos deste episodio de Falamos de memoria CC-BY-NC-SA Praza.gal

O episodio detense tamén na historia dos Irmáns da Lejía, catro irmáns dunha familia socialista vinculados ao movemento obreiro e ao deporte. Bebel, xogador do Deportivo e militante das Xuventudes Socialistas Unificadas, foi fusilado xunto co seu irmán France en xullo de 1936. Jaurés, de apenas 17 anos, foi asasinado meses despois nunha saca. Os tres acabaron na fosa común do cemiterio de Santo Amaro. A figura de Bebel, que inspirou un coñecido relato de Eduardo Galeano, serve para lembrar a represión contra os sectores populares e deportivistas da cidade.

As voces de Arturo Lezcano, Rubem Centeno, Marta Otero e Selva García fálannos de figuras como a do fillo do secretario do Concello da Coruña asasinado polos golpistas, quen regresou para unha proba co Dépor e acabou triunfando no Barça, ou a persecución sufrida polos 'Irmáns da lejía'

O único dos catro irmáns que sobreviviu foi Pepín, que conseguiu fuxir e acabou exiliado en Arxentina. A súa filla, Selva García Pómez, que colabora no episodio, medrou marcada polo sufrimento do pai e pola morte dos seus tres tíos e en 2018 viaxou por primeira vez á Coruña e impulsou a construción dun monumento para homenaxealos. A escultura de Ramón Conde, situada no parque Carlos Casares fronte á antiga prisión provincial, foi colocada finalmente en agosto de 2026, seis anos despois da data inicialmente prevista.

O capítulo conta coas voces do xornalista Arturo Lezcano, biógrafo de Cheché Martín; Rubem Centeno, membro da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e investigador das fosas comúns de Santo Amaro; a xornalista Marta Otero e Selva García, filla de Pepín e sobriña dos Irmáns da Lejía.

O sétimo capítulo de Falamos de memoria detense en historias de represión ligadas ao fútbol coruñés coma o asasinato de Bebel García, xogador do Dépor CC-BY-NC-SA Praza.gal

O episodio completo xa está dispoñible canda estas liñas do web de Praza.gal e nas principais plataformas de audio: Ivoox, Spotify, Apple Podcast e mais YouTube.  Esta produción da Fundación Praza Pública coa colaboración de 50 en Liberdade ten como director editorial a David Lombao, director de Praza.gal, con Miguel Pardo na coordinación de contido. A redacción e gravación das entrevistas e o guión corren a cargo de Pablo Vázquez e Paula Cermeño, con Llerena Perozo e David Lombao na narración, o traballo de montaxe de Xarda Cooperativa Audiovisual e a presentación e introdución da man de Prado Rúa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.