A Coruña homenaxea Joaquín Martín Martínez, secretario municipal fusilado en 1936

Homenaxe a Joaquín Martín Martínez na Coruña, este sábado © Concello da Coruña

O secretario municipal foi detido na propia praza das Atochas cando se dirixía ao Concello e posteriormente fusilado no Campo da Rata. Este sábado foi homenaxeado 90 anos despois da súa execución coa inauguración dunha placa na súa memoria na praza das Atochas

O 31 de agosto de 1936, hai 90 anos, o alcalde da Coruña Alfredo Suárez Ferrín foi fusilado no Campo da Rata. Foi un dos moitos rexedores e concelleiros galegos -moi especialmente na provincia da Coruña- executados no verán que seguíu ao Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936. Pero non só alcaldes e edís sufriron a represión franquista neses meses e anos posteriores. Este sábado A Coruña rendeu homenaxe a Joaquín Martín Martínez, secretario municipal fusilado en 1936 por defender a democracia e a liberdade.

A homenaxe, organizada polo Concello da Coruña e o Colexio Oficial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local (COSITAL), incluíu a inauguración dunha placa na súa memoria na praza das Atochas, no mesmo lugar no que foi detido cando se dirixía a María Pita para desenvolver o seu traballo. Posteriormente foi fusilado no Campo da Rata.

Homenaxe a Alfredo Suárez Ferrín na Coruña, este sábado © Concello da Coruña

Durante a súa intervención, Rey reivindicou a identidade democrática da cidade recuperando unhas palabras pronunciadas polo propio Suárez Ferrín no Palacio de María Pita o 14 de abril de 1936: “A historia política da Coruña é a dunha luminosidade rutilante pola democracia

O acto estivo presidido pola alcaldesa, Inés Rey, e contou coa participación do presidente de COSITAL, José Antonio Rueda Valenzuela, familiares de Joaquín Martín Martínez e Alfredo Suárez Ferrín, membros da Corporación municipal, habilitados nacionais, empregados municipais e representantes de entidades vinculadas á memoria histórica. 

Durante a súa intervención, Rey reivindicou a identidade democrática da cidade recuperando unhas palabras pronunciadas polo propio Suárez Ferrín no Palacio de María Pita o 14 de abril de 1936: “A historia política da Coruña é a dunha luminosidade rutilante pola democracia”. Unha afirmación que, sinalou a alcaldesa, conserva plena vixencia nove décadas despois: “Aquela salvaxe ditadura non foi capaz de que os coruñeses e coruñesas abandonaran os seus ideais máis profundos”, afirmou Rey, que reivindicou A Coruña como unha cidade historicamente ligada á liberdade, ao progreso e á democracia.

Rey puxo en valor a condición de servidor público de Joaquín Martín Martínez, “outro bo home, outro símbolo do servizo público e do municipalismo de proximidade”

A alcaldesa puxo especialmente en valor a condición de servidor público de Joaquín Martín Martínez, ao que definiu como “outro bo home, outro símbolo do servizo público e do municipalismo de proximidade”. Tras as intervencións, procedeuse ao descubrimento da placa xunto coa familia do homenaxeado, que depositaron tamén unha coroa de flores ao seu pé.

Homenaxe a Alfredo Suárez Ferrín na Coruña, este sábado © Concello da Coruña

Previamente, a xornada de memoria democrática comezou nos xardíns de Méndez Núñez cunha ofrenda floral ante o busto do alcalde Alfredo Suárez Ferrín, asasinado tamén pola represión franquista hai agora 90 anos

Previamente, a xornada de memoria democrática comezou nos xardíns de Méndez Núñez cunha ofrenda floral ante o busto do alcalde Alfredo Suárez Ferrín, asasinado tamén pola represión franquista hai agora 90 anos. Alí, Rey anunciou ademais o seu compromiso de converter esta homenaxe nun acto anual de memoria democrática, en lembranza de Suárez Ferrín e das demais persoas represaliadas. “A historia da Coruña e a súa defensa das liberdades ben o merecen”, sinalou. 

Na súa intervención posterior, a alcaldesa vinculou as figuras de Suárez Ferrín e Joaquín Martín coa memoria do resto das vítimas da represión na cidade, lembrando tamén a Francisco Prego, funcionario municipal; Manuel Guzmán, deputado de Izquierda Republicana e traballador do porto; e o socialista Francisco Mazariegos, entre outras vítimas da violencia exercida no Campo da Rata. “Foron vítimas, pero este acto afirma que imos recordalos tamén como faros”, concluíu Rey.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.